A Mesa da Coruña promove unha campaña para que o Clube de Golf e a Sociedade Deportiva Hípica empreguen o nome oficial da cidade
Promoverá actuacións cara a outras entidades sociais semellantes que aínda utilizan o topónimo na súa forma deturpada.
A Mesa pola Normalización Lingüística da Coruña vén de pór en marcha unha campaña para promover que dúas sociedades cívicas emblemáticas da cidade, o Clube de Golf e mais a Hípica, modifiquen a súa denominación legal e comecen a empregar a única forma oficial deste municipio, tal e como estabelecen leis como a 3/1983 ou a 2/1998. Na actualidade, ambas as dúas entidades seguen a ser de “La Coruña”(sic), segundo aparece nos seus estatutos.
O grupo coruñés da Mesa distribuirá por distintas vías en formato de cartón postal un pequeno texto dirixido ás directivas do Clube de Golf e máis da Sociedade Deportiva Hípica no que, “de xeito amábel e positivo”, os insta a empregaren “con normalidade” a que é “a única denominación xenuína da urbe galega” e, aliás, “a única oficial, a todos os efectos, desde hai vinte e cinco anos: A Coruña”.
O grupo local da Mesa difundirá esta campaña a través da súa páxina web, www.amesanl.org/campanhas; entre as súas propias asociadas e asociados na Coruña; e tamén entre todo tipo de entidades, colectivos e centros de ensino, entre outros.
A asociación en defensa da lingua anima a toda a cidadanía a apoiar esta nova iniciativa “para seguir avanzando no camiño da normalidade lingüística” no marco dunha cidade “orgullosa e sen complexos”.
A Mesa da Coruña pretende ir estendendo progresivamente a iniciativa a máis entidades cívicas da cidade que empregan aínda o topónimo deturpado, entre as que se contan algunhas tan relevantes como o Casino, Náutico ou o Real Clube Deportivo.




