Arranca a Semana das Letras
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comezará o próximo xoves unha viaxe a dous países suramericanos, Arxentina e Brasil, para homenaxear, xunto a galegos emigrados, o escritor Xosé María Álvarez Blázquez, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Con esta viaxe, ademais de celebrar o 17 de maio no continente que acolleu a intelectualidade galega na primeira metade do século XX, o Goberno autonómico busca renderlles homenaxe aos emigrantes galegos por conservar a identidade fóra da comunidade e destacar o labor destes países, sobre todo no caso arxentino, de territorios de acollida.
Pérez Touriño, que xa viaxou nunha ocasión anterior a este continente para conmemorar esta festividade fóra de Galicia, desprazarase en primeiro lugar á capital arxentina de Bos Aires. Durante dous días manterá cinco encontros institucionais con intelectuais e presidirá inauguracións de centros culturais vinculados a escritores galegos.
Os actos completaranse con diferentes visitas na cidade brasileira de Río de Xaneiro, á que chegará o domingo 18. Igual que en Arxentina, Emilio Pérez Touriño reunirase con emigrantes galegos para compartir opinións sobre a diáspora. Á súa visita sumaránselle encontros con empresarios españois e anciáns residentes nun asilo.
Durante a súa estancia en Bos Aires, Touriño presidirá o 16 de maio no Centro Cultural Borges a inauguración da mostra antolóxica Seoane, a herdanza compartida, comisariada por Xosé Luis Axeitos e dedicada á faceta muralista do pintor nacido en Arxentina en 1910.
O propio Día das Letras, o Salón dourado da Casa da Cultura de Bos Aires será testemuña do encontro que manterá Touriño coa intelectualidade arxentina. Esta reunión, que terá lugar ao mediodía, servirá para presentar tres libros que integran a colección Miradas alleas. Estes tres volumes, promovidos pola Secretaría Xeral de Comunicación, recollen a relación que mantiveron tres grandes da literatura arxentina, Jorge Luis Borges, Ernesto Sábato e Julio Cortázar, con Galicia. Todos dedicaron páxinas das súas obras a Galicia e estreitaron lazos de amizade con galegos da diáspora.
Pola tarde, Touriño desprazarase ata o mítico Café Tortoni, onde o poeta arxentino Eduardo Jorge Bosco dará a coñecer o seu libro Poemas en lingua galega.
MANIFESTACIÓN DA MESA
Polo dereito a vivir o galego no ensino
Nun ano no que se discute se hai ou non conflito lingüístico en Galicia, A Mesa pola Normalización Lingüística convoca, como xa é tradicional, unha mobilización cívica para reclamar a plena normalización do galego en diferentes ámbitos da vida. Nesta ocasión, baixo o lema Polo dereito a vivirmos en galego, a marcha centrará as súas reclamacións no ensino, a Administración e nos medios de comunicación, porque son os eixes "básicos" para alcanzar a "normalidade" do idioma.
O presidente da asociación en defensa da lingua, Carlos Callón, invitou "máis ca nunca" a toda a sociedade a participar na marcha, que este ano se celebrará o domingo 18 de maio, tanto aos galegofalantes coma aos que non o utilizan sempre ou nunca, pero que "se solidarizan" co dereito a usalo.
Todos poderán "pintar a lingua de azul" para impregnarse de galego e adquirir un compromiso en defensa do idioma, para o que se repartirán 10.000 piruletas desta cor, segundo adiantou Callón .
A CLAVE
Xuventude premiará mensaxes de amor
O Consello da Xuventude de Galicia convocou a segunda edición de Lingua de amor, concurso de declaracións de amor a través do correo electrónico con motivo da celebración, o sábado 17, do Día das Letras Galegas e o Día Internacional de Internet .




