DENDE GALICIA EN GALEGO!
Galicia conmemora hoxe a súa forma de ser e de estar no mundo. Un día de unidade e de celebración colectiva no que os galegos, cun excepcional sentido do deber da memoria e a responsabilidade, botamos a vista atrás para recoñecer a aqueles concidadáns que de forma máis senlleira teñen contribuído a definir e a expandir galeguidade.
Este acto de recoñecemento é, ademais, símbolo dun sentir compartido. Ao 17 de maio éncheo de significación a efeméride da publicación de Follas Novas máis tamén, e sobre todo, o espírito de reivindicación que todos os galegos posuímos da nosa cultura, a nosa literatura, e a nosa lingua.
A lingua propia de Galicia afronta neste século XXI, e nesta parte da travesía, algúns dos seus máis importantes retos. Ante as oportunidades que se lle presentan o noso idioma, o PSdeG-PSOE non pode máis que reafirmar –outra vez- o seu inequívoco compromiso coa lingua de Galicia:
1. A lingua galega, en canto lingua propia de Galicia, é o máis valioso ben da nosa cultura. O galego é o vehículo esencial no que o noso pobo se achega á realidade e se manifesta ao mundo. Por iso, dende o PSdeG-PSOE pensamos que o idioma galego esixe de nós unha inmanente consideración, unha decida comprensión, e unha belixerante defensa.
2. Os socialistas galegos asentamos a nosa política lingüística na convivencia pacífica de ambas as linguas. Por iso, o PSdeG-PSOE condena clara e contundentemente calquera posición que implique a busca da imposición, ben a través do mantemento da actual situación de desequilibrio e anormalidade, ben a través da construción de climas artificiais de autoodio e/ou de desprezo ao propio.
3. A política lingüística é lexítima e imprescindible dende que o seu labor contribúe, indefectiblemente, a mellorar a liberdade da cidadanía de Galicia: removendo os obstáculos e afrontando os retos que fan posible o discorrer dunha vida en galego. Máis e mellor política lingüística supón, por tanto, unha mellora da calidade de vida e un máis notorio benestar da cidadanía; obxectivo detrás do cal o PSdeG-PSOE está en constante busca e empeño.
4. En canto existe unha parte da nosa sociedade que atopa dificultades reais para vivir en galego, corroboradas polos fiables datos coñecidos dende hai décadas, hai unha falla de dereitos que o PSdeG-PSOE non pode consentir. Por iso, os socialistas galegos apoiaremos, dende o imprescindible espírito de convivencia e unidade, toda acción que procure o cumprimento estrito destes dereitos.
O PSdeG-PSOE celebra un novo Día das Letras Galegas coa satisfacción de saber que os obxectivos están, por fin, en camiño de cumprírense. Con todo, restan aínda problemas que remover, retos que afrontar, e solucións por erguer.
Os socialistas galegos traballamos por unha Galicia plural e cohesionada, con igualdade de oportunidades e sen exclusións. Unha Galicia de respecto aos dereitos da que todos/as os/as galegos/as poidamos sentirnos orgullosos/as. Unha nova Galicia da que o idioma galego é elemento indispensable e vertebrador, agora e sempre.
Este 2008 é, sen dúbida, un paso máis no camiño cara a ese obxectivo, e un ano menos de cara a que, xuntos, podamos velo convertido en realidade.
Feliz Día das Letras Galegas!
Biografía de Xosé María Álvarez Blázquez:
Naceu en Tui (Pontevedra) en 1915, e faleceu en Vigo en 1985.
Escritor en lingua galega e castelá, Álvarez Blázquez é fillo de Darío Álvarez Limeses, milito una Federación de Mocedades Galeguistas e no Partido Galeguista. Xunto con Luís Viñas Cortegoso fundou a Editorial Monterrey no ano 1950. Xa en 1962 ingresou na Real Academia Galega e dous anos despois, en 1964, fundou unha nova editorial: Edicións Castrelos.
Da súa obra en galego destacan a colección de relatos Os ruíns (1936) e A pega rabilongo e outras historias de tesouros (1971), no xénero da narrativa infantil. Entre a súa obra lírica, o poemario, realizado xunto co seu irmán Emilio, Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950), Cancioneiro de Monfero (1953), unha das obras claves do neotrobadorismo, Romance do pescador peleriño (1954), ademais de Canle segredo, escrito no 54 e publicado no 76.
Como ensaísta, publicou Escolma de poesía galega II: A poesía dos séculos XIV a XIX (en 1959), Escolma de epigramas (1968), e Escolma de poesía medieval (1975).
En castelán Álvarez Blázquez publicou a novela En el pueblo hay caras nuevas (1945).
A RAG, basea a súa decisión de homenaxear coas Letras Galegas 2008 a Álvarez Blázquez por ser "o exemplo perfecto dun home polígrafo, erudito e interesado pola historia, a arqueoloxía ou a literatura".
"Ise neno da rúa
Non é certo que os nenos teñan fame
Non pode ser.
Ben o sabedes todos
os que andades no mundo atafegados
á percura do pan dos vosos fillos
Ises outros que vedes pola rúa
pedindo esmola,
non teñen fame, non, porque daquela
vos teríades morto de vergonza.
E ben vos vexo andar nos vosos coches
ou nos tranvías, a berrar de cousas
estranas, -¡viva, beba, baba, buba¡-
sen reparar naquil esfarrapado
que coa moura mauciña está petando
na porta de ferro.
Por iso penso que non é verdade
o que algún caviloso di dos nenos
que andan así petando pola vida
-¡Non, home, non¡- lle dixen a un de aqueles-
A xente pasa leda......¡Fora boa
que andivesen a rirse dos seus crimes!"




