E todo volve comezar...
Hoxe, cando a Real Academia Galega (RAG) conclúa en Vigo a súa sesión extraordinaria de homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez, comezarán de novo as xestións para elixir o nome do 2009. E é que as engrenaxes desta gran festa do 17 de Maio non paran nunca e, como as bolboretas de ás irisadas que alcanzan o esplendor da súa beleza o mesmo día no que morren, o escritor do Día das Letras apágase en canto os académicos abandonan a súa reunión. Será entón o momento de avaliar resultados e saber se o país logrou recuperar a obra e a figura de Álvarez Blázquez para o canon público.
O acto académico terá lugar no Auditorio da cidade de Vigo ás doce e media, coa intervención de Víctor Fernández Freixanes, Darío Xohán Cabana e Xosé Luís Méndez Ferrín. Posteriormente, ás cinco da tarde, descubrirase unha placa na casa onde viviu o escritor homenaxeado durante 40 anos, no número 180 da Gran Vía, tamén en Vigo. Ao outro lado do Atlántico, en Bos Aires, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, celebrará por vez primeira o 17 de Maio coa colectividade de emigrantes.
Este ano, desde logo, non saltou esa polémica que de cando en vez, como unha vaga de sarampelo, lle cae enriba ao Día das Letras: a necesidade de cambiala de orientación, en especial de darlle entrada a escritores vivos para limpala -din- dun certo cheiro mortuorio. Talvez a polémica -tan necesaria- non saltou este ano porque este 17 de Maio está tinxido máis ca nunca polas reivindicacións lingüísticas.
A creación de asociacións tan belixerantes como Galicia Bilingüe e Tan Gallego como el gallego -nacidas para defender o uso do castelán en Galicia- ou a morneza que se lle imprimiu á posta en marcha do Decreto do Ensino do galego crearon unha atmosfera enrarecida que semellaba esquecida des que o ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, se declarara insubmiso da lei da toponimia.
A manifestación da Mesa prevista para mañá en Compostela -apoiada por centos colectivos e por numerosos concellos- será unha boa oportunidade para comprobar se a mobilización xestada nos últimos meses pode ser un aviso para navegantes na política lingüística do bipartito. Aparentemente, socialistas e BNG son capaces de sacar adiante lexislacións audaces como a que regula o uso do galego no comercio, pero na práctica sucédense exemplos e na páxina 40 deste xornal hai un exemplo claro- de que falar galego segue a ser un problema se buscas traballo.




