TEMOS LINGUA PROPIA. QUEREMOS VIVIR NELA.

Hai un cuarto de século que o galego conseguiu un recoñecemento oficial que, aínda que foi insuficiente, o situaba no Estatuto de Autonomía como “lingua propia de Galiza”.
Porén, o noso idioma, o único “idioma propio” que ten Galiza, continúa aínda moi por debaixo dos mínimos de cooficialidade.
O Día das Letras non é momento para a retórica nin para a propaganda vacía. As persoas e entidades que apoiamos este manifesto reclamamos as medidas e as accións para garantir o dereito de todos os galegos e todas as galegas a poder vivir en galego. Porque sabemos que, cunha política lingüística decidida, o galego terá garantido o seu futuro.




