Touriño salienta que “o cambio en Galicia é o que estamos a realizar tamén na Costa da Morte”
“O cambio en Galicia é o que estamos a realizar tamén na Costa da Morte”, asegurou esta mañá Emilio Pérez Touriño, quen realizou unha visita institucional coa conselleira de Política Territorial, María José Caride, aos concellos de Cee e Corcubión. O presidente da Xunta explicou que o Goberno galego está a poñer en marcha en toda a Comunidade, e en particular na Costa da Morte, un conxunto de medidas que marcarán “un antes e un despois” no futuro da comarca.
O máximo mandatario galego explicou concretamente que están en marcha proxectos de construción de novas infraestruturas en materia de comunicacións por estrada, portos, solo industrial, depuración de augas, así como políticas de creación de emprego e unha serie de actuacións para dinamizar a economía deste territorio. O obxectivo, segundo indicou, é conseguir que a Costa da Morte e Galicia teñan “un futuro certo” de traballo, desenvolvemento e mellora da calidade de vida dos seus cidadáns.
“Estamos creando as condicións para que os mozos e as xeracións que nos sucedan teñan unha oportunidade certa nesta terra”, aseverou o titular da Xunta. Nesta liña, Pérez Touriño remarcou que existe en Galicia “un Goberno que aspira e soña con cambiar este país” e que a Costa da Morte foi, desde a súa chegada á Presidencia, unha das prioridades da súa acción de Goberno. “Desde o primeiro día asumín o compromiso inequívoco de lograr o cambio substancial da Costa da Morte”, asegurou, sinalando que ata entón, esta terra eran un “paradigma e exemplo do abandono e a marxinación”.
A autovía Carballo- Berdoias, adxudicada
Tanto o presidente da Xunta como a conselleira de Política Territorial subliñaron que hoxe o Diario Oficial de Galicia publica a adxudicación da autovía Carballo- Berdoias, pertencente á Vía de Alta Capacidade (VAC) da Costa da Morte. Así mesmo, ambos os dous destacaron que a VAC está chamada a ser “o eixo, soporte e a columna vertebral do desenvolvemento deste territorio”.
Trátase dunha infraestrutura que contará cun investimento total de 340 millóns de euros e terá 70 quilómetros de novo trazado. “Estamos construíndo o futuro, o despois da Costa da Morte”, remarcou Pérez Touriño, destacando que esta vía conta con distintos treitos que están avanzados en distintas fases de execución.
Nesta liña, tanto o presidente da Xunta como a conselleira avanzaron que o obxectivo é lograr que as obras do treito Carballo- Berdoias comecen a finais de ano, mentres doutros treitos como o de Cee- Sardiñeiro xa o farán este verán.
Mais de 20 millóns de euros para o porto de Brens
Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico explicou que tamén existen importantes actuacións en materia portuaria. Nesta liña, lembrou que a Consellería de Política Territorial xa licitou as obras para a ampliación do peirao do porto de Brens, nas que se investirán máis de 20 millóns de euros. Trátase, segundo explicou Touriño, do maior investimento que a Xunta realiza en portos que son da súa competencia. Neste sentido, indicou que esta infraestrutura, xunto coa Vía de Alta Capacidade, converteranse nos eixes claves para o futuro económico da zona.
Pola súa banda, a conselleira explicou que as obras de ampliación do porto de Brens teñen por obxecto permitir as operacións de carga e descarga así como atraque de buques de ata 25.000 tpm e que permitirán ampliar de 13.000 metros cadrados actuais a 47.000 o espazo do peirao de mercadorías.
Na mesa liña, ambos destacaron que o Plan director de portos deportivos da Xunte ten como principal finalidade dotar á costa galega de infraestruturas para a náutica de recreo que posibiliten novas oportunidades económicas e redunden no reequilibrio territorial e eviten as diferenzas entre os puntos de amarre existentes na Costa da Morte con respecto ás zonas da Coruña e as Rías Baixas.
Neste sentido, María José Caride avanzou que o plan vai mudar radicalmente a situación da Costa da Morte xa que, pese a ocupar o 17% do territorio litoral, só contaba ata agora cun 1% das prazas de amarre de toda Galicia. Deste xeito, o obxectivo do plan é crear máis de 2.600 prazas nesta zona. Concretamente, os concellos de Corcubión e Fisterra veranse beneficiados de máis de 700 destes amarres.
O Plan de dinamización da Costa da Morte, o 74% en execución
Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico lembrou que desde o primeiro momento a Costa da Morte foi un territorio prioritario para o Goberno galego e que por iso puxo en marcha o Plan de dinamización desta zona. Trátase, segundo explicou Touriño, dunha iniciativa que ten hoxe un volume de investimento que rolda os 600 millóns de euros (superando os 524 millóns iniciais), cun prazo temporal de 2006 a 2010. Nesta liña, o presidente da Xunta avanzou que o 74% do investimento deste plan xa está “comprometido e en execución”.
Ademais de melloras nas comunicacións de estradas e portos, o Plan de dinamización da Costa da Morte prevé tamén a creación de máis de 2,5 millóns de metros cadrados de solo industrial. Neste sentido, Touriño lembrou que xa está en marcha o parque empresarial de Carballo e referiuse a outros como o de Vimianzo e Cee.
Na mesma liña, o presidente galego indicou que a Xunta está a acometer importantes investimentos en materia de infraestruturas medioambientais e hidráulicas como a plena execución da canalización de augas no concello de Cee, que servirá para evitar as habituais inundacións, ou a mellora da EDAR de Cee- Corcubión.
450 millóns para créditos brandos
Emilio Pérez Touriño tamén resaltou que a Xunta ven de asinar en Madrid unha liña de apoio de préstamos do ICO por valor de 450 millóns de euros. O obxectivo desta iniciativa é poñer a disposición dos pequenos e medianos empresarios, neste caso da Costa da Morte, créditos brandos que permitan revitalizar a economía deste territorio.
Xunto con isto, Pérez Touriño lembrou que o Plan galego de acuicultura prevé a creación ou a ampliación de sete parques na Costa da Morte, o que suporá un investimento de 126 millóns de euros e a conseguinte creación de numerosos postos de traballo. Así mesmo, referiuse a que Corcubión vai contar co parque de tecnoloxía alimentaria que suporá un investimento de 8 millóns de euros e a creación de 50 postos de traballo directos.
Ademais, o presidente galego salientou que a Consellería de Política Territorial acaba de convocar o concurso internacional de ideas para a construción do futuro Parador de Turismo de Muxía. Trátase, en palabras de Touriño, de realizar un proxecto “de excelencia, de alto deseño e calidade para construír un parador atractivo, emblemático e dinamizador da Costa da Morte”. Este parador contará con un investimento de 20 millóns de euros.
O terceiro helicóptero de Salvamento, na Costa da Morte
Emilio Pérez Touriño anunciou, ademais, que o Goberno galego, consciente de que a Costa da Morte é unha das zonas mariñeiras con máis risco de naufraxio, tomou a decisión de situar nesta zona o novo helicóptero de Salvamento Marítimo. Trátase do terceiro helicóptero da Xunta destas características cos que contará a Comunidade galega e que estará, segundo indicou, “dotado coa última tecnoloxía”.
Pérez Touriño indicou que o Goberno galego está a “analizar e avaliar” a mellor ubicación posible dentro da zona da Costa da Morte co fin de asegurar “unha maior atención, máis seguridade e mellor servizo”.
Por último, o titular do Goberno galego aproveitou para facer unha convocatoria a todos os axentes sociais, empresarios e alcaldes da zona para “traballar xuntos” no aproveitamento dos plans territoriais polo emprego, unha actuación que está a impulsar a Xunta e que vai servir enormemente, no caso concreto da Costa da Morte, aproveitando este contexto xeral de actuacións na comarca.




