Endesa, unha das firmas máis nocivas de Europa
Endesa apoiouse na Central Térmica das Pontes para a o seu despegamento económico de finais dos anos 70 e en especial na década dos 80. O Grupo Endesa debe parte do que hoxe é á mina das Pontes e á produción eléctrica da Central Térmica, que é a maior do Estado en potencia e unha das "grandes" da Unión Europea. Ao mesmo tempo é unha das "grandes contaminantes". O custo social, ecolóxico e na saúde dos galegos que produce a contaminación está por cuantificar, pero podemos afirmar que as súas altas emisións de dióxido de xofre, que xera choiva ácida, e as altas emisións de gases de dióxido de carbono, responsable do efecto invernadoiro, representan un dos maiores problemas no país galego e mesmo traspasa as fronteiras polo que alcanza envergadura internacional.
Endesa créase en novembro de 1944. Pouco despois, en 1945, comeza a construción da central térmica de Compostilla na localidade leonesa de Ponferrada e dous anos despois, en 1947, ponse en marcha o primeiro grupo de produción da central, que se irá ampliando en anos posteriores.
Endesa créase en novembro de 1944. Pouco despois, en 1945, comeza a construción da central térmica de Compostilla na localidade leonesa de Ponferrada e dous anos despois, en 1947, ponse en marcha o primeiro grupo de produción da central, que se irá ampliando en anos posteriores.
A década dos 70 marcará o despegamento desta empresa a partir da fusión entre Endesa e a empresa eléctrica galega Hidrogalicia no ano 1972. Entre ese ano e anos posteriores a compañía adquire distintas explotacións mineiras en diversos puntos (As Pontes, na Coruña; Andorra, en Teruel) e afianza o seu parque de produción eléctrica coa construción e posta en marcha das centrais térmicas de As Pontes (A Coruña), Andorra (Teruel) , Escatrón ( Zaragoza) e Litoral (Almería). Así mesmo, pon en funcionamento os grupos diésel de Ceuta e Melilla é o grupo II da central nuclear de Ascó, en Tarragona.
Endesa é a maior empresa eléctrica de España e a primeira compañía eléctrica privada de Iberoamérica (ten presenza en Chile, Colombia, Perú, Arxentina, Brasil... Só neste último país conta con 4,6 millóns de clientes e 997 MW de capacidade instalada). É un operador eléctrico relevante en diversos países europeos como Francia ou Polonia e en especial en Italia (produción e terminais de regasificación en Livorno e Monfalcone), Endesa ademais ten unha presenza crecente no mercado ibérico de gas natural, dispón dun importante nivel de desenvolvemento no terreo das enerxías renovables, e posúe participacións en empresas do sector de telecomunicacións. Cotiza nas catro Bolsas de Valores españolas e na Bolsa de Nova York.
Endesa conta con poucos activos en Galicia: unha central térmica de lignito, dous encoros e varios parques eólicos e para este ano 2008 estará xa conectada á rede eléctrica unha nova central térmica de ciclo combinado a gas. A central térmica das Pontes é a maior de carbón de España, con catro grupos (350 MW cada un) e un total de potencia instalada de 1468,5 MW, construída e posta en marcha entre 1972 e 1979 (acoplamento dos grupos entre 1976 e 1979) cunha produción anual media que oscila entre os 10-11 millóns de Mwh, xera un 6% da enerxía eléctrica que consome o Estado e conta con 354 traballadores.
A central térmica das Pontes deseñouse inicialmente para consumir exclusivamente lignito pardo, posteriormente a caldeira da térmica foi adaptada entre 1993 e 1996 para consumir unha mestura de lignito e carbón subituminoso de importación en proporcións de 50%-50% de enerxía (no ano 2004 precisaba para este fin queimar 5.351.200 t de lignito e 3.254.300 t de hulla subituminosa). Ao esgotarse o xacemento de lignito da mina das Pontes, os grupos térmicos foron modificados para queimar carbón de importación, na actualidade aínda se encontra parado un grupo que está modificándose.
Endesa iniciou no 2005 as obras para a construción dunha nova central térmica de ciclo combinado cunha potencia de 800 MW que utiliza como combustible gas natural procedente de Reganosa1 de Mugardos. O investimento foi de 365 millóns de euros. A localización realizouse nas proximidades da central actual e a potencia total dos catro grupos e esta nova sumará a importante cifra de 2.248,5 Mw. En agosto do 2007 iniciou a fase de probas do ciclo combinado e a principio do 2008 estaba xa en funcionamento. Ten asignado un volume de emisión de dióxido de carbono para este ano de 647.615 toneladas. Os encoros propiedade de Endesa abastecen á central para usos da central e refrixeración, contan cunha potencia de 64 Mw, son o encoro da Ribeira e a central hidroeléctrica do Eume, ambos os dous producen cerca de 150.000 Mwh/ano.
Respecto da enerxía eólica, Endesa instalou o primeiro parque en Galicia no 1997 e conta con un plan eólico en continua expansión, a mediados do 2005 alcanzaba xa unha potencia2 de 435 MW, con posibilidade de producir máis de 1.100.000 Mwh. No ano 2007 contaba con 568 MW de potencia eólica e solicitaba ao Ministerio de Industria a concesión de 388 MW novos e a instalación de 152 aeroxeradores no intento de saltar a concesión do 10% de capital ao Inega (Instituto dependente da Consellería de Industria)
Endesa é titular dun plan eólico estratéxico en Galicia de 552 MW aprobado no 1995. Un dos complexos eólicos mais importantes de Endesa é o da Faladoira , iniciado no 2000 e posto en funcionamento no 2002, consta de catro parques no norte da Coruña con 146 aeroxeradores de 45 m de altura e de 660 quilovatios cada un, cunha potencia total de 100 Mw. No ano 2004 xa produciu 234.600 Mwh –por cada Gwh eólico evitase3 a instalación de 222,2 TEP– e pode alcanzar a producir 255.000 Mwh/ano (2.648 h) cunha equivalencia de consumo doméstico de 87.000 vivendas, suficiente para abastecer a cidade da Coruña. Os ingresos medios no ano 2005 situáronse en torno aos 80 euros/Mwh.
Riscos sísmicos pola decisión de converter a mina nun lago
A mina de lignito a ceo aberto das Pontes está nunha depresión do Terciario e atópase dentro da área de Pedroso-As Pontes –Moiñonovo que se estendese sobre 55 km de lonxitude. Componse de dúas fallas direccionais que seguen a NW-SE . As Pontes está nunha zona comprensiva enmarcada dentro do sistema de fallas direccionais sendo a conca de maiores dimensións da zona citada. Presenta unha lonxitude máxima de 7 km por unha anchura variable entre 1,5-3 km. O baseamento da conca intégrano sedimentos precámbricos e paleozoicos intensamente deformados na oroxenia hercínica. A conca está dividida por un umbral en dúas subconcas que contiñan unha reserva de 300 millóns de toneladas de lignitos, xácigo utilizado pola Central Térmica das Pontes e hoxe esgotado.
Os recheos sedimentarios abarcan dende o Oligoceno superior -Mioceno inferior e están afectados por pregamentos, ocupan unha extensión aproximada de 1.150 hectáreas de superficie e quince km de perímetro. O xácigo de lignito ten ademais de lignito, margas, area, grava, arxilas, arxilas carbonosas e enmarcada por diversas rochas como xistos, gneis, pizarras, areíscas, seixítas... O paquete produtivo de lignito presentábase en 19 capas alternantes, pregadas ás veces, de lignito e material arxiloso, por cada tonelada de lignito que se extrae fai falla remover e cambiar de lugar 2,8 m3 de terreo, incluído no lignito atopáronse fósiles de grande interese para coñecer a vida do noso país.
O proceso de extracción dunha mina a ceo aberto como a das Pontes pódese resumir, basicamente en facer un burato moi grande, separar o material que interesa (neste caso o lignito) de todo o que se extrae de alí e depositar o resto noutro lugar para non entorpecer a extracción. No caso das Pontes, estamos ante a maior mina a ceo aberto do Estado, cunha superficie de explotación de seis quilómetros de lonxitude por entre dous e dous e medio de ancho, e unha profundidade media de douscentos metros, amplamente superada en moitas zonas, a superficie total que ocupa e superior a 2.500 hectáreas.
Calcúlase que para abastecer a térmica movéronse 720 millóns de metros cúbicos de terra para extraer ultimamente preto de cinco millóns de toneladas de lignito1 cada ano. Todo o material sobrante, chegado da escavación da mina, así como o que queda ao ar libre no fondo do burato non é precisamente fértil, antes ao contrario, tende a ter efectos negativos sobre a vida. A entulleira exterior da mina, de 1.150 hectáreas, ao lado do oco da mina creou un montículo artificial – case unha montaña– e alterou a fisionomia da zona, a empresa finalizou a restauración no ano 2006-2007 para o cal realizou a laboura de creación de solo e plantación de arborado, pasteiro, mato... con introdución de especies animais… A mina que abastece a central das Pontes pechouse o 31 de decembro do 2007, teoricamente Endesa tería que proceder ao restaurado da zona e debería deixala o máis parecido a como a atopou, aquí dentro do oco creado debía incluír agora os residuos que fora depositando noutro lugar porque ate este momento estorbaban, é dicir, dentro do oco da mina debían ter cabida os materiais que actualmente forman a entulleira e que se depositaron formando unha "montaña artificial" .
A empresa buscando a solución mais fácil e barata proxectou unha alternativa sinxela: encher de auga o oco final da explotación e acondicionar as marxes, así conséguese un lago artificial duns 8 quilómetros cadrados e 540 hectómetros cúbicos. Para facer encher o lago artificial pretende usar as achegas dos ríos que se desviaron para os traballos mineiros e ademais utilizar o río Eume. En definitiva, Endesa pretende rematar o problema da mina gastando 120,2 millóns de euros desde o peche da mina até o fin da restauración, no 2012 e pasar logo o "lago" á administración.
Incremento da sismicidade pola inxección de auga
O enchido forzado con auga do Eume e outros regatos amosa incertezas e riscos non suficientemente avaliados. O director do Instituto Universitario de Xeoloxía, X. Ramón Vidal Romaní, sinala que tanto a bacía das Pontes como a de Meirama atópanse sobre fallas activas que poderían provocar un incremento da sismicidade inducida polos millóns de m3 de auga dos lagos. Mais hai un problema engadido: o enorme volume de líquido do lago (que acabaría por ter case 5 km de longo e máis de 200 m de profundidade ), pode provocar a inxección de auga no plano de falla lubricándoo e incrementando as probabilidades de esvaramento.
A creación dun lago como o que se pretende esixe un control minucioso da calidade da auga xa que existe a tendencia a acidificación (sulfuro de ferro que pasará a sulfato e baixará o pH) e eutrofización, e mesmo descoñecemos os cambios que pode traer na humidade da atmosfera e o aumento conseguinte de pragas e enfermidades no campo e nas mesma persoas sensibles. Tampouco se pode esquecer o impacto que pode provocar a saída da auga do lago no curso do Eume e nos recursos vivos non só do Río senón da Ría de Pontedeume.
O abandono de lignito non suporá menos emisións
A central térmica das Pontes é unha das industrias máis contaminantes de Galiza e do Estado, aínda co abandono do lignito e co cambio de combustible esta industria, dada a súa magnitude –é a central de maior potencia do Estado–, seguirá emitindo un volume tremendamente elevado de gases de efecto invernadoiro, acidificantes, metais e metais pesados, partículas... Parece que o interese da empresa e da administración por diminuír estas emisións non é moito.
Nin a imposición de taxas do Goberno Galego nin o Plan de Asignación de Emisións do Goberno Central están servindo para frear a contaminación que emite, seguramente porque no primeiro caso a imposición de taxas foi tímida e raquítica e no segundo porque non son de obrigado cumprimento e a empresa busca sempre unha saída a baixo prezo. Mentres, seguiremos padecendo no medio natural e na saúde o impacto das súas emisións. Por se fora pouco, a administración parece consentir que a empresa peche o tema da mina enchendo de auga un burato que tiña que recuperarse necesariamente.




