O Valedor tramita unha denuncia da Mesa polo incumprimento do Decreto do Ensino nas cidades
O Valedor do Pobo tramita unha queixa da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) polo incumprimento do decreto do galego no 65% dos centros de educación infantil das cidades. Segundo a Mesa, o 26,5% dos nenos e nenas de tres anos nas sete cidades só reciben “unha hora ou menos en galego cada día”.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, mantivo esta mañá unha entrevista co Valedor do Pobo, Benigno López, para solicitar a intervención desta institución perante a “preocupante situación” do galego no campo educativo.
En concreto, desde a entidade en defensa da lingua galega achegóuselle un informe sobre a educación infantil de 3 a 6 anos, no cal “o galego permanece nun estado realmente calamitoso”. O Valedor recibiu a queixa e confirmou que a tramitará perante a Xunta para que avalíe a situación e tome as medidas correctoras necesarias.
Desde A Mesa pola Normalización Lingüística consideran que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, "son os responsábeis políticos desta nefasta xestión educativa que pon en perigo o futuro da cultura galega e, ademais, vulnera tanto o dereito a unha formación de calidade como os dereitos lingüísticos dos nosos nenos e das nosas nenas”.
Segundo a Mesa, e coa información achegada neste curso escolar polos propios centros de ensino, o 10,5% dos nenos e nenas de 3 anos das sete cidades non reciben nin unha hora en galego ao día, mentres outro 16% só recibe xustamente unha hora en galego, moi por debaixo do estipulado polo decreto 124/07. No conxunto, o 65% dos rapaces e rapazas de entre 3 e 6 anos nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol cursan os seus estudos en centros que non cumpren coa obriga legal de que cando menos a metade do seu horario sexa na lingua galega, denuncia a Mesa.




