Escrito conxunto da Mesa, AELG e o PEN Clube sobre as declaracións de George Steiner
Reproducimos aquí a versión íntegra da carta ao director remitida ao semanario El País Semanal e publicada na edición estatal do diario El País do día 28 de agosto de 2008. Asínana os presidentes da Mesa pola Normalización Lingüística, o PEN Clube de Galiza e a Asociación de Escritoras/es en Lingua GAlega; Carlos Callón, Luís González Tosar e Cesáreo Sánchez Iglesias, respectivamente.
George Steiner e a cultura galega
Na entrevista da semana pasada en El País Semanal, George Steiner manifestou unha serie de prexuízos sobre a lingua e a literatura galegas. As declaracións que lle puidemos ler significan un desprezo cara ao diferente que nos parece impropio da súa traxectoria.
Non é certo, como el di, que haxa universidades nas que sexa “obrigatorio falar en galego”. Se consulta os datos oficiais, verá que nos estudos superiores se dan maioritariamente as costas á lingua e a cultura de Galiza. Esta é unha irregularidade que aspiramos a superar. En calquera sociedade do mundo resultaría cando menos paradoxal que o sistema educativo cumprise un papel pouco favorábel ao desenvolvemento da súa lingua.
A realidade é que só un 8,9% da docencia é en galego na Universidade da Coruña, un 16% na de Vigo e un 20% na de Santiago. En todos os campus hai carreiras onde non se ministra nada en galego, malia ser a lingua propia e o idioma maioritario da poboación de Galiza.
Na entrevista considera que unha das razóns polas cales o catalán debe ser utilizado nas universidades e non o galego é que, ao seu xuízo, o catalán ten unha “literatura impresionante” da cal supostamente carece o galego. Non é o seu un prexuízo cara ás literaturas en linguas minorizadas, senón á galega en particular, por puro descoñecemento, mesmo de figuras ou etapas que son referentes universais, por exemplo o período medieval.
Con todo, para alén da desinformación e dos idiomas en liza, Steiner deixa ao descuberto grandes lagoas intelectuais cando considera que hai linguas que deben ter dereitos e outras que non; linguas que poden ser vehículo de coñecemento universitario e outras que non. Esas son afirmacións dun racismo lingüístico desfasado e deplorábel. En alguén que tantas veces se pronunciou a favor das minorías, resulta duplamente sorprendente.
Desde A Mesa pola Normalización Lingüística, o PEN Clube de Galiza e a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, faremos chegar ao señor Steiner información abondosa sobre a situación do galego e sobre a nosa tradición literaria, así como a nosa repulsa polas súas declaracións e un convite para que visite e coñeza o noso país.




