Emilio Pérez Touriño asegura que 'Os mortos van á presa' é unha película "galega por definición" que demostra a capacidade do noso audiovisual para "converter Galicia, unha vez máis, nunha marabillosa terra de cine"

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou onte que Os mortos van á presa é unha película "galega por definición" na que se volve demostrar "a capacidade que ten o noso audiovisual para, dende a creación, a cualificación técnica, e a interpretación, converter Galicia, unha vez máis, nunha marabillosa terra de cine".
Así o asegurou o máximo mandatario galego durante o encontro que esta tarde mantivo, na residencia oficial de Monte Pío, co equipo do filme dirixido por Ángel de la Cruz e coproducido polo Goberno autonómico a través da sociedade mixta SempreCinema, "entidade posible grazas ao apoio entusiasta de Caixa Galicia", sinalou. Ademais do director xeral da entidade financeira, José Luis Méndez, na audiencia co presidente da Xunta participaron o propio director de Os mortos van á presa, e unha representación de actores formada por Sergio Bermúdez Caamaño, Jen-Claude Guimard, Fernando Morán, Juan José Bonome, Ernesto Chao, Rosa Álvarez, Belén Martínez, Estévaliz Veiga, Neus Asensi e María Castro.
Nese marco, o xefe do Executivo autonómico resaltou que Os mortos van á presa completa "unha primeira fase na que se demostran os modelos de produción cinematográfica galega que defendemos desde a Xunta". Touriño lembrou o éxito de Los girasoles ciegos, un dos filmes galegos máis vistos da historia que aspira a 15 premios Goya, e asegurou que ambas as películas son "dous modelos complementarios que van na procura de dinamizar o audiovisual galego de cara á pantalla grande de Galicia e de fóra de Galicia, con películas que denoten un alto nivel de produción e competitivas para os mercados".
O titular da Xunta explicou que en Los girasoles ciegos foi un director español, con produtora propia galega, quen filmou en Ourense "unha película que é tan galega como española" e que, ademais, "confirma Galicia como terra de acollida a cualificados profesionais do cine español", que participaron no filme xunto con varios actores galegos.
'Os mortos van á presa' competirá en igualdade nas pantallas españolas
Emilio Pérez Touriño subliñou que Os mortos van á presa é un caso "complementario pero igualmente feliz", no que un director galego, "cun equipo na súa case totalidade galego, recrea unha historia nosa igualmente rodada en escenarios propios. Trátase, engadiu, dunha circunstancia "feliz", xa que esta película "competirá por primeira vez nas pantallas españolas, agás no caso da animación, ao nivel de calquera outra produción" cando, a partir do vindeiro 6 de marzo, chegue a máis de 100 carteleiras de todo o Estado.
Os mortos van á presa é, para o presidente autonómico, "un filme xenuínamente galego que nace con vocación universal, a de levar a nosa maneira de ser e de filmar máis alá das nosas fronteiras, como país que somos aberto ao mundo".
Unha obra colectiva
Nas súas declaracións, o presidente da Xunta enfatizou o carácter "galego" desta produción, rodada en Rinlo e en Ribadeo e convertida nunha especie de "obra colectiva". Emilio Pérez Touriño apuntou que se trata, probablemente, "da película do cinema español con máis tempo dedicado aos agradecementos nos títulos de crédito", e indicou que no filme participaron máis de 300 cidadáns de Rinlo e Ribadeo, ademais dos 80 músicos da Banda de Ribadeo, "que se converten deste xeito na primeira banda dun concello que grava a música dun concello".
O máximo mandatario autonómico sinalou que Os mortos van á presa responde á necesidade "de facer das nosas historias relatos universais", e destacou que esta película "ten todos os ingredientes dunha comedia amable, de humor e bos sentimentos, por que non, comparable a outras como a recentemente estreada Bienvenidos al Norte".
Estrea mundial, mañá en Ribadeo
Mañá, sábado 17 de xaneiro, a Secretaría Xeral de Comunicación, a alcaldía de Ribadeo e a produtora do filme, Artemática, celebrarán, como agradecemento ao pobo de Rinlo pola súa participación no filme, a estrea mundial de Os mortos van á presa. Nos actos que se sucederán no concello lugués ao longo de todo o día está previsto que participen representantes de SempreCinema, o director do filme, así como os actores participantes na película.
Ás 12 da mañá no auditorio municipal proxectarase o trailer do filme ao tempo que se presentará o libro-guión da película e o CD musical coa banda sonora do filme, interpretada pola Banda de Ribadeo.
Xa pola tarde, ás 16,30 celebrarase un "café con jotas" no que se levará a cabo un reencontro do equipo de rodaxe cos veciños do pobo de Rinlo, escenario do filme. Para finalizar, ás 19,00 horas, o cine teatro de Ribadeo acollerá a estrea mundial de Os mortos van á presa.
O filme estrearase o vindeiro 6 de marzo nas salas comerciais de todo o Estado,así como nos cines galegos. A película está coproducida por Semprecinema Producións, Artemática, Voz Audiovisual, Rosp Corunna, Perro Verde Filmes, Resonancia Posproducción e Cinematógrafo Films e será distribuída en España por Buena Vista Internacional Spain-Walt Disney Company Iberia.




