O presidente da Xunta salienta que os 200 millóns que o BEI concede a Galicia supoñen o maior préstamo que a institución comunitaria ofrece a unha rexión europea para o financiamento de pemes

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou esta mañá que os 200 millóns que o Banco Europeo de Investimentos (BEI) concede a Galicia supoñen o maior préstamo que a institución comunitaria ofrece a unha axencia de desenvolvemento rexional europea para o financiamento de pemes. Así o sinalou logo de recibir ao vicepresidente do BEI, Carlos da Silva Costa, con quen a Xunta (a través do Igape), asinou dous contratos de financiamento, un por valor de 200 millóns de euros para o financiamento das pemes galegas, e outro de 50 millóns destinado á Vía Ártabra.
O titular do Goberno galego agradeceu o "apoio e a confianza do Banco Europeo de Investimentos na nosa economía, na nosa comunidade e nas nosas institucións", ao facilitar financiamento para as pemes por valor de 200 millóns de euros e insistiu en que, con esta sinatura, Galicia se converte, "na rexión, na comunidade de toda a Unión Europea que recibe ou coprotagoniza, que se fai responsable, deste volume de financiamento e desta capacidade de préstamo".
"Hoxe é un día, sen dúbida, importante para Galicia", aseverou o máximo mandatario galego lembrando que o apoio e a confianza do Banco Europeo de Investimentos na nosa comunidade é "imprescindible e vital, xustamente nestes momentos de maior dificultade económica". Emilio Pérez Touriño destacou que esta nova liña de préstamos do BEI rubricada esta mañá "confirma a liña de cooperación e colaboración que xa viñamos mantendo e que hoxe -dixo-, adquire unha nova dimensión".
Préstamos a 12 anos por importe de 12,5 millóns por proxecto
"Estamos falando dunha liña de préstamos de 200 millóns de euros para apoiar proxectos empresariais do noso tecido produtivo, das nosas pemes", abondou Pérez Touriño, explicando que se trata de préstamos a 12 anos, cun máximo de 12,5 millóns de euros por proxecto investidor e que van soportar actividades empresariais en distintos sectores: as enerxías renovables, a biotecnoloxía médica, a produción audiovisual ou as tecnoloxías da información e a comunicación. "En definitiva, unha ampla gama dos sectores de actividade, da industria e dos servizos protagonizados polos actores máis decisivos do noso tecido produtivo que son as pemes", remarcou Touriño.
O novo préstamo do BEI, que será canalizado a través do Instituto Galego de Promoción Económica, amplía a liña posta en marcha en 2008 a través do Igape, que contou cunha dotación de 30 millóns de euros que está practicamente esgotada. Coa nova operación, a liña amplíase en 200 millóns de euros. Este novo contrato enmárcase na estratexia do Goberno galego de buscar recursos e facilitar o financiamento ás empresas galegas para que ningún proxecto viable quede sen financiación.
Financiamento para a Vía Ártabra
Así mesmo, o presidente da Xunta incidiu en que esta liña vai acompañada dunha "continuidade" tamén de financiamento no que ten que ver coas infraestruturas "decisivas e estratéxicas" da nosa comunidade. Deste xeito, hoxe mesmo tamén se asinou un contrato por valor de 50 millóns de euros para financiar a Vía Ártabra, un proxecto que tanto o presidente da Xunta como o vicepresidente do BEI, destacaron que servirá para gañar "máis competivividade, mobilidade e accesibilidade" nunha grande área urbana de Galicia, a área metropolitana da Coruña. "Polo tanto -insistiu o presidente galego-, representa unha aposta polo desenvolvemento, por mellorar, unha estratexia de desenvolvemento e de competitividade".
O titular da Xunta explicou, ademais, que o Executivo que preside e o Banco Europeo de Investimentos veñen traballando nesta dirección nos últimos anos e que este "é o camiño e o rumbo que imos seguir". O obxectivo, subliñou, é prepararnos "para responder á crise, para sobrevivir á crise e prepararnos para a recuperación, para o día despois. Esas son as dúas pancas: a resposta hoxe, gañando en termos de competitividade e desenvolvemento para estar en mellores condicións na recuperación da actividade económica", concluíu ao respecto.
Apoio ao sector da automoción
Durante a xuntanza desta mañá entre o máximo mandatario autonómico e o vicepresidente do BEI, na que tamén participou o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, tamén se abordou a posibilidade de financiar proxectos relacionados co sector da automoción na nosa comunidade, tanto da empresa matriz, PSA Peugeot Citroën, radicada en Vigo, como das empresas auxiliares.
"Imos estudar, e estou seguro que a poñer en marcha, a posibilidade de liñas de traballo para financiar proxectos de desenvolvemento en relación co sector da automoción, para axudar á formación e cualificación dos recursos humanos do Clúster da Automoción e para axudar a mellorar os procesos tecnolóxicos e produtivos no Clúster", explicou Pérez Touriño na súa comparecencia ante os medios de comunicación. O obxectivo, engadiu, "é abrir unha liña de cooperación e de traballo co Clúster, coa matriz e coas industrias de compoñentes para que poidamos axudar ao financiamento, de tal xeito que ese Clúster que hoxe temos -e que é un piar fundamental da nosa economía rexional-, se prepare para a saída da crise e estea en posicións competitivas na recuperación da actividade, que sen dúbida se producirá dentro duns anos", sinalou.
Emilio Pérez Touriño remarcou que o obxectivo é preparar ao Clúster da automoción para a recuperación económica, apoiando con financiamento os proxectos das empresas de compoñentes e tamén da propia matriz, Citroën, en todo o que ten que ver coa formación e a recualificación de traballadores, para que "non se rompa o vínculo, para que se manteña o tecido produtivo e para que esteamos en condicións de responder competitivamente á crise".
"Creo que é unha moi brillante idea e desde logo imos traballar e facer todo o posible para que a poidamos materializar e para que sirva para reforzar a automoción na nosa comunidade nas dúas patas, na industria de compoñentes e na matriz", aseverou Pérez Touriño.
Visión articulada entre empresas matrices e pemes
Pola súa banda, o vicepresidente do BEI, Carlos da Silva Costa, considerou fundamental ter en conta que a industria do automóbil está constituída polas grandes matrices, pero tamén polas pemes, as empresas provedoras, moi importantes para a competitividade da industria automobilística europea. Así mesmo, estimou necesario producir "unha revolución tecnolóxica na industria do automóbil porque -explicou-, hai problemas de medio ambiente, de competitividade e hai que ter unha industria máis limpa e o máis produtiva e competitiva posible para asegurar que o emprego se quede en Europa". "E o que estamos facendo é preparar un programa para as matrices, que é un programa de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, de I+D+i e, ao mesmo tempo, pensando no programa que precisamos para os subministradores, para o que temos os préstamos para as pemes", remarcou.
"Porque é precisa unha visión articulada entre matrices e pemes", abondou Carlos da Silva Costa, lembrando que "non hai matrices competitivas sen empresas subministradoras competitivas e que non hai pemes que poidan sobrevivir se as matrices non sobreviven". "O importante é asegurar que hai un vínculo entre as dúas partes e que ningunha se quede no camiño, que todas avancen para que cando chegue o futuro poidamos sacar partido das novas oportunidades", concluíu.
Por último, o presidente da Xunta agradeceulle ao vicepresidente do BEI a súa colaboración con Galicia, "tan importante e decisiva" máis, aseverou, "en momentos nos que a nosa preocupación fundamental é a recuperación da actividade económica e sobrepasar a crise", concluíu.




