Moitos galos para un só galiñeiro: Méndez é director xeral dende 1981
A historia recente das caixas galegas pasa por dous nomes: Xosé Luís Méndez (Caixa Galicia) e Xosé Fernández Gayoso (Caixanova). Os seus nomes acostuman a citarse entre os dos galegos "con máis influencia". Non é para menos. Dende hai décadas moitas das principais operacións empresariais do país precisan do seu "nihil obstat".
A diferenza doutras comunidades, como é o caso de Cataluña, en Galiza non está limitado o número de mandatos dos directores xerais. Así Méndez é director xeral dende 1981, mentres que Fernández Gayoso pasou en 2006 a ocupar a presidencia de Caixanova, logo de catro décadas como director xeral.
Cun Fernández Gayoso en lenta retirada por cuestións de idade (78 anos), Xosé Luís Méndez (de 64), afeito a convivir e a influír en gobernos populares e socialistas (tanto a nivel local como autonómico), non semella que estea disposto a tirar a toalla ás primeiras de cambio.
Algúns confidenciais, as información incluso chegaron ao Parlamento, apuntan a que Núñez Feijoo ten un favorito para liderar esa fusión: Xoán Ramón Quintás, presidente a CECA. Este alto directivo, nado na Coruña en 1943, encargouse esta semana de dicir que non tiña especial interese en dirixir unha caixa única galega
Oito mil empregados e 1.400 oficinas
A fusión das dúas caixas galegas convertería á nova entidade na terceira máis importante do Estado Español, só por detrás de La Caixa e Caja Madrid. Na actualidade, entre as dúas entidades contan con algo máis de oito mil empregados e 1.400 oficinas (máis de 600 fóra de Galiza).
A unión faría insostíbel a actual rede de oficinas, aínda que a priori o recorte podería centrarse nas oficinas do exterior. En canto aos traballadores, as hipóteses que se manexan son as das prexubilacións para lograr reaxustes menos traumáticos.
Sen dúbida, a fusión entre caixas galegas sería ben menos prexudicial dende o punto de vista laboral ca unha absorción por parte dunha entidade foránea, como é o caso de Caja Madrid. Isto, traduciríase automaticamente no peche dos centros neurálxicos das dúas entidades (A Coruña e Vigo) e en que as principais decisións pasasen a decidirse dende a capital española.
Mentres tanto, o tempo semella correr en contra. Os principais actores saben que este outono pode determinar o futuro do sector financeiro galego. O espello de dúas caixas enrocadas no norte e no sur parece non ter moito máis percorrido. Á espera de saldos está tamén o capital foráneo.




