OS SOCIALISTAS ESIXEN Á XUNTA 111 PRAZAS DE COMEDOR ESCOLAR NOS COLEXIOS DE INFANTIL E PRIMARIA DE CAMBRE
A parlamentaria socialista Mar Barcón ven de presentar unha Proposición non de Lei no Parlamento na que esixe á Xunta que dote con 111 prazas de comedor escolar nos centros de infantil e primaria do concello de Cambre. Así mesmo, reclama que a Consellería de Educación dote de prazas de profesorado e persoal de apoio para escolares con necesidades especiais nos colexios que o teñen demandado cunha iniciativa que xa foi aprobada a pasada semana polo Pleno do Concello.
Barcón faise eco no Parlamento das necesidades desta localidade, que conta con tres colexios de infantil e primaria -CEIP Cambre, CEIP Portofaro e CEIP do Graxal- e ven de amosarse disposto a asumir unha parte do esforzo económico para a educación pública. Ao mesmo tempo demanda "con claridade" que a Consellería de Educación asuma a súa responsabilidade á hora de incrementar os servizos públicos, garantir a capacidade do ensino público e de axudar ás familias no tempo que máis o precisan.
A parlamentaria socialista salienta as "numerosas dificultades" que rexistra o comezo de curso "tamén no concello de Cambre", onde "moitas familias non teñen os servizos complementarios precisos como o comedor escolar ou o transporte", o que "reduce a capacidade de conciliación da vida familiar e laboral de homes e mulleres e diminúe a calidade do ensino público". Salienta tamén que a redución de profesores de apoio "afecta directamente aos menores que máis precisan dunha axuda" para os seus estudos.




