A Coruña entrega a Medalla ao Mérito na súa Categoría de Ouro a Radio Coruña
O alcalde, Javier Losada, entregou a Medalla ao Mérito da cidade na súa Categoría de Ouro a Radio Coruña. O alcalde destacou a traxectoria da emisora e a súa unión coa cidade, reafirmando os valores dunha cidade aberta, liberal e progresista.
No seu 75 aniversario e como homenaxe a Radio Coruña "e ás xentes que durante este tempo fixeron posible que esta emisora se convertese en referencia na nosa cidade e en Galicia", o alcalde entregou a distinción ao director de Radio Coruña, Ángel Gómez Hervada, quen definiu á cidade como "tolerante e cunha capacidade innata para convivir e respectar outras maneiras de mirar as cousas".
O alcalde destacou que a cidade e Radio Coruña creceron xuntas e, por tanto, homenaxéase tamén "á propia cidade, aos seus recordos, ao seu crecemento e evolución e ao seu presente", cun traballo que reafirmou os valores dunha cidade aberta, liberal e progresista, virtudes que tamén acompañaron a Radio Coruña durante a súa longa traxectoria. Javier Losada lembrou a Rafaela Hervada, "unha muller adiantada á súa época" que a levou a ser a primeira muller directora dunha emisora en España.
Na súa intervención, o alcalde tamén sinalou a visión "coruñesista" do mundo que ofrece a emisora, "un coruñesismo baseado na aposta polo desenvolvemento económico, pola sustentabilidade, pola preocupación social, polo cosmopolitismo e a tolerancia. En definitiva, pola modernidade e o progreso".
Pola súa banda, o director de Radio Coruña agradeceu a distinción concedida polo Concello da Coruña e sinalou que nunca han cejado no seu empeño de velar polos intereses da cidade.
O acto celebrouse no Salón de Sesións do Palacio de María Pita coa presenza de numerosas personalidades da cidade.




