Mobilizarnos polo galego?
Hoy, ás 12 do mediodía, sae da Alameda de Santiago unha manifestación convocada por Queremos Galego, para a cal chegarán autobuses desde diferentes puntos do país. Esta plataforma cidadá, que impulsou A Mesa pola Normalización Lingüística e que conta xa co apoio de 500 entidades do máis diverso tipo, chama á mobilización porque nos enfrontamos a un momento de verdade crucial para a lingua de Galiza.
O idioma do país, que partía dunha discriminación secular, en ocasións mesmo cruenta, iniciou despois da ditadura un proceso de restauración que a actual Xunta quere paralizar e desandar. O Goberno presidido por Feijóo está a desmantelar os cativos logros conseguidos nestes 30 anos no ensino, na Administración, nos medios de comunicación, etc. De feito, é a primeira vez en toda a etapa democrática que un Goberno autonómico anda ás patadas coa lingua propia.
Moverémonos este domingo porque a ninguén lle fai dano que se garanta o dereito a poder vivir en galego. Porque é inxusto que a lingua propia do país se manteña como unha estranxeira na propia patria. Porque, con independencia da lingua que falemos no día a día, sabemos que o galego é un elemento de unión de todas as galegas e todos os galegos. Porque non existe "liberdade lingüística" sen igualdade xurídica, sen igualdade de coñecemento nin igualdade de condicións.
Fuente: A Mesa




