A Coruña: Carmen Marón destaca o impulso investidor no inicio de ano coa aprobación de proxectos orzados en 7,7 millóns de euros

A tenente de alcalde da área de Facenda e Planificación, Carmen Marón, anunciou hoxe a aprobación en Xunta de Goberno dos primeiros proxectos do Plan Investidor Municipal de 2010, cinco proxectos que suman 7,7 millóns de euros e que supoñen cerca do 15% do Orzamento Investidor para este ano, que ascende a 53,4 millóns de euros.
Carmen Marón subliñou a fortaleza e axilidade do goberno municipal, que en apenas 10 días hábiles deste ano xa foi capaz de aprobar proxectos que supoñen 15% do investimento que se realizará este ano na cidade
Así, en novembro pasado aprobouse o Orzamento Municipal de 210,7 millóns de euros, o segundo máis alto da historia da cidade, a pesar da crise. E en decembro aprobouse o Orzamento de maneira definitiva co fin de que entrase en vigor o día 1 de xaneiro e que volve apostar polas infraestruturas, os barrios e a creación de emprego.
Un orzamento no que o 42% dedícase a investimento, políticas de emprego e promoción económica, e un 35% a benestar e gasto social. Un orzamento que ten 3 eixos fundamentais: garantir a calidade dos servizos municipais; potenciar o gasto social e educativo, e manter o forte ritmo investidor.
Pois ben, "hoxe día 11 de xaneiro satisfaime comunicarlles que xa aprobamos os cinco primeiros proxectos do Plan Investidor Municipal de 2010, correspondentes ao FEIL, e que xa están listos para licitar e executar. Estes cinco proxectos suman un investimento de 7,7 millóns e supón cerca do 15% do orzamento investidor municipal", explicou Carmen Marón.
É dicir, "en menos de 10 días hábiles xa fomos capaces de aprobar proxectos por cerca do 15% do orzamento investidor deste ano, o que supón un éxito e demostra a capacidade do goberno municipal para traballar, para seguir avanzar, para desenvolver o proxecto de cidade", engadiu.
Desta maneira, A Coruña é unha das primeiras cidades de España en aprobar proxectos e podémolo facer porque temos un proxecto de cidade, definido, pensado e planificado. Hoxe damos un paso máis cara adiante na modernización dos barrios e na nosa aposta polo emprego".
"Desde o primeiro día do ano traballando, porque este é un goberno municipal que non para, mantendo o ritmo investidor do ano pasado e se cabe acelerando para completar a modernización da cidade, preparando os barrios para o futuro e favorecendo a creación de emprego", sinalou a tenente de alcalde Carmen Marón.
Respecto dos proxectos de investimento aprobados na Xunta de Goberno:
Corredor verde de Orillamar, cun importe aproximado de 2,5 millóns de euros, que suporá a transformación desta rúa que se converterá na rúa central do barrio, cun novo pavimento, axardinamento e mobiliario urbano. Suporá un antes e un despois nesta zona da cidade. Unha rúa que vertebrará a convivencia
Urbanización da rúa de Pablo Picasso na segunda fase de Elviña, cun investimento de preto de 3 millóns, que suporá a rexeneración desta zona.
Renovación enerxética nos edificios de vivendas da Carmen, cun investimento próximo a 1 millón de euros. Remodelación das prazas de Santo Domingo e Cortaduría na Cidade Vella, (500.000 euros).
Remodelación do mercado de San Agustín (1 millón de euros). Este ambicioso proxecto de remodelación do Mercado de San Agustín, que se realiza de forma conxunta entre as concellarías de Promoción Económica, Rehabilitación Urbana, Infraestruturas e Mercados, non só suporá a recuperación dun edificio emblemático construído en 1932 por Santiago Rey Pedreira e Antonio Tenreiro, senón que suporá un importante impulso para a actividade comercial e económica non só do mercado senón de toda a zona.
Ademais con esta importante actuación, o mercado de San Agustín converterase nun reclamo turístico máis da cidade do mesmo xeito que outras grandes cidades como Madrid coa recuperación do mercado de San Miguel ou A Boquería en Barcelona. Así, a parte superior do mercado será destinada á realización de diversas actividades culturais combinadas con actividade hostaleira de forma que a actividade comercial continuarase desenvolvendo na planta inferior e será complementada cunha importante actividade cultural e hostaleira na parte superior que dará vida ao mercado e a toda a zona.
Outros asuntos
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou outros asuntos, como o proxecto reformado de remodelación da urbanización do grupo de vivendas Virxe da Carmen. O investimento para realizar estes traballos é dun millón de euros, sen producirse ningunha modificación no prezo de adxudicación.
Tamén se deu o visto e prace ao programa de traballo das obras do centro sociocultural Ágora, presentado por Dragados. Cabe lembrar que o Ágora será unha nova referencia na cidade que responderá os principios fundamentais en calquera comunidade moderna que persegue o progreso e benestar: participación, servizos sociais, cultura, educación e formación. O edificio, cunha superficie total construída de 10.258,40 metros cadrados, consta dun soto (1.618,09), un semisótano (3.009,17), unha planta baixa (2.833,72) e unha planta primeira (1.224,29 metros cadrados). Do total da parcela, 9.663 metros cadrados, 4.404 son para o edificio e 5.259 metros cadrados para superficie axardinada. Terá un aparcadoiro, sala de exposicións, teatro/auditorio, diversas salas, biblioteca, e cafetaría.
A Xunta aprobou así mesmo adxudicar a Autocares Antonio Vázquez a concesión dunha parcela municipal na área de plan Severo Ochoa para uso e destino de aparcadoiro de autobuses en superficie. A concesión terá unha duración de 30 anos. Ademais, concédese licenza á Consellería de Sanidade para as obras da fase II do Plan Director do CHUAC, que teñen un orzamento de máis de 40 millóns de euros.
Ademais, apróbase o novo sistema e horarios de traballo do Servizo de Extinción de Incendios. O cambio no sistema de traballo forma parte do proceso de modernización e de reorganización do servizo de bombeiros. No novo sistema contémplanse, ademais dos horarios, outros aspectos como a regulación das vacacións de verán, os horarios de servizo dos mandos e das diferentes áreas de traballo, os cambios de servizo, as prolongacións de xornada, as substitucións, etc. O novo sistema aprobouse por unanimidade na reunión da Mesa Xeral de Negociación o pasado mes de decembro.
A Xunta de Goberno acepta a doazón a favor do Concello do despacho, a biblioteca e arquivo persoal de José María Luengo Martínez, quen foi impulsor do Museo Arqueolóxico de San Antón. Trátase dunha colección bibliográfica de máis de 2.000 volumes, ademais de mobiliario de gran valor histórico. O valor dos bens cedidos pola filla de José María Luengo ascende a máis de 60.000 euros. O seu arquivo persoal inclúe traballos sobre temas arqueolóxicos e históricos, algúns deles relativos a escavacións nas que o mesmo participou, outras debidas ao seu cargo de delegado provincial de escavacións arqueolóxicas. José María Luengo Martínez foi o impulsor da creación do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, e da súa localización no Castelo de San Antón, e foi o seu primeiro director desde 1965 até 1972. Como arqueólogo desenvolveu un intenso labor de escavación en diferentes castros coruñeses como o de Elviña, Meirás, e Baroña, así como en xacementos romanos como Centroña, ou da Idade de Bronce como Carnota.




