A costa atlántica terá menos pero peores furacáns
A zona máis afectada durante este século será Haití e a República Dominicana, Bahamas e Estados Unidos, publícase en "Science".
Os furacáns que varrerán a conca atlántica durante este século serán menos cada temporada, pero máis destrutivos, afirmou un estudo divulgado onte pola revista Science. Agregou que os furacáns máis intensos concentraranse na rexión occidental do Atlántico, o que significa que a rexión máis ameazada incluirá a illa da Española, ocupada por Haití e República Dominicana, ademais das Bahamas e a costa sudoriental de Estados Unidos.
A investigación, realizada por científicos do Goberno de EEUU, baséase en prognósticos doutros estudos e está lonxe de ser a última palabra, advertiu Richard Kerr, editor da revista.
No entanto, James Kossin, do Centro de Datos do Clima Nacional na Universidade de Wisconsin, engadiu que en comparación con outros estudos "este é moito máis crible e importante".
Oficialmente a temporada de furacáns comeza o 1 de xuño e finaliza o 30 de novembro. As tormentas nacen fronte ás costas atlánticas de África e precipítanse sobre o territorio americano cunha intensidade alimentada pola maior temperatura das augas oceánicas.
En 2009 a Administración de Nacional de Océanos e Atmosfera (NOAA) de EEUU prognosticou a formación de entre 7 e 11 tormentas tropicais, das cales de tres a seis podían derivar en furacáns, un ou dous deles de grande intensidade (categoría 3,4 ó 5) na escala de intensidade Saffir-Simpson.
Os científicos da NOAA indicaron que a temporada de furacáns de 2009, que concluíu o 30 de novembro, sería lixeiramente máis suave debido ós efectos do fenómeno meteorolóxico do Neno. O prognóstico cumpriuse e en 2009 os furacáns foron relativamente menos destrutivos e frecuentes que nos anos anteriores. Segundo o modelo dos científicos do Laboratorio de Dinámica Geofísica de NOAA, aínda que haberá unha declinación no número de furacáns estes causarán maiores danos.
O grupo destaca que os furacáns de categoría 3 a 5 representaron o 86% de todo o dano sufrido no territorio estadounidense malia ser só o 24% dos que tocaron terra. O informe explica que cando unha tormenta dese tipo sobe a unha categoría superior, o dano duplícase.
Fuente: efe/galicia hoxe




