Mar Barcón esixe a Feijóo que abandone o seu ego e recapacite xa que "ata no PP critican a súa traizón ao galeguismo"
A portavoz do PSdeG sinala que a "falla de autoridade de Feijóo" é cada vez máis evidente e que os desafíos de Baltar demostran a fractura do PP.
A portavoz do PSdeG-PSOE, Mar Barcón, esixiu hoxe a Feijóo que "recapacite" na súa política sobre o galego no ensino xa que "o seu ataque ao galeguismo non só topou co rexeitamento dunha parte importante da sociedade galega, senón tamén dun sector do seu propio partido".
Mar Barcón sinalou que o borrador do decreto do galego presentado pola Xunta "ademais de causar unha gran alarma social atópase agora de fronte cun sector do propio PP, que lle bota en cara a traizón á Galicia e ao legado galeguista", como fixo José Manuel Baltar coas súas últimas declaracións.
"Isto pon de manifesto que hai un sector do PP que se atopa certamente incómodo co Goberno de Feijóo e coas súas manobras e ataques contra a lingua e a cultura galegas", apuntou a socialista. Por elo, instou a Feijóo a abandonar "o seu ego e o seu afán de protagonismo" e a recapacitar "tal e como lle piden os seus" e tendo en conta que ata unha parte do PP galego "lle demanda mais respecto ao legado e herdanza do galeguismo".
Do mesmo xeito, instou a José Manuel Baltar a explicitar a súa postura contra o borrador do decreto do galego mediante o seu voto en contra nos futuros trámites parlamentarios, xa que, tal e como lembrou Barcón, o voto en contra dun só deputado faría perder a maioría ao PP no Parlamento.
Fractura da dereita
A portavoz do PSdeG apuntou que a presentación da candidatura de José Manuel Baltar á presidencia do PP de Ourense e as súas declaracións respecto ás políticas sobre o galego "demostran novamente a falla de autoridade de Feijóo no seu partido" e a súa "incapacidade para manter unido ao PP galego".
"Este novo desafío de Baltar á autoridade de Feijóo demostra a fractura que percorre hoxe á dereita galega", remachou Mar Barcón, quen sinalou que "se nin os seus lle fan caso nin apoian as súas decisións, dificilmente poderá liderar Galicia".
A falla de autoridade de Feijóo é máis evidente aínda en Ourense, onde "80 alcaldes do PP dixeron que non ao presidente da Xunta ao amosar o seu apoio a Baltar en contra do candidato apoiado por Feijóo e Rogelio Martínez".
A loita interna do PP en Ourense e o conflicto con Baltar "están a deixar en evidencia a Feijóo, ademais de amosar un espectáculo bochornoso", concluíu Mar Barcón.



