O ensino público para en defensa da lingua

O centros públicos de ensino non universitario bótanlle este xoves o primeiro gran pulso ao 'decretazo' de linguas. A plataforma 'Queremos Galego' convoca un paro xeral en todos os niveis educativos ao que están chamados 35 mil profesores e 270 mil alumnos.
A primeira hora da mañá, o seguimento da folga está a ser moi elevado. Na maioría dos centros o seguimento é case total e os poucos que continúan a actividade académica fano baixo mínimos. Moitas familias optaron por non enviar aos fillos aos centros, aínda que todos manteñen o servizo para pais madrugadores.
Dende a CIG-Ensino, principal organización sindical do profesorado, Anxo Louzao confirmaba pouco despois das 10 da mañá que o paro estaba a ser un "rotundo éxito". Con datos aínda provisionais, Louzao daba por feito que o seguimento do paro entre o profesorado ía superar o 80%. Dende a CIG bótanlle en cara á Consellaría de Educación o labor desmobilizador que intentaron facer nas últimas horas: "Actuaron politicamente e non lles valeu de nada. O que teñen que facer é tomar nota e rectificar".
Dende o STEG, exprésanse en termos semellantes. Xosé Cabido sinala que a última hora do mércores xa tiñan a confirmación de que o seguimento entre o profesorado ía ser masivo: "Non temos dúbidas de que pode chegar ao 80%".
Especial seguimento nas comarcas
Aínda que o éxito do paro está a ser uniforme en todo o país, a folga está a ser especialmente secundada nas comarcas rurais que presentarían unha lixeira vantaxe de participación sobre as principais cidades.
Ás 11.30 partirá da Alameda de Compostela a manifestación central que concluirá na Praza do Obradoiro.
Fuente: vieiros




