PSdeG-PSOE ofrece diálogo e consenso para legalizar a Lei de Caixas adaptando o texto á Constitución e á LORCA

O presidente do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia e secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, ofreceu "diálogo e consenso" dos socialistas galegos para legalizar a Lei de Caixas de Galicia conforme ás teses do Consello de Estado, órgano consultivo independente integrado por xuristas de recoñecido prestixio, adecuando o texto á Constitución e á Lei Orgánica de Caixas de Aforro. Reclamou "respecto cara o informe do Consello de Estado que "manifesta indicios racionais de inconstitucionalidade na Lei Galega de Caixas de Aforros". Vázquez sinalou que o Consello de Estado é un "órgano independente integrado por persoas pouco sospeitosas de ser afíns ao PSOE" que viron por unanimidade indicios de inconstitucionalidade en 10 artigos do texto galego. Esta conclusión, engadiu, confirma a postura dos socialistas galegos de que a norma foi feita "para controlar as caixas de aforro por parte do PP".
Acusou así ao presidente da Xunta de artellar unha "cerimonia da confusión" baseada en mentiras, xa que "tanto as fusións como acudir ás partidas do FROB "son posibles coas leis anterior e coa actual". Engadiu que Feijóo "equivocouse" ao tomar un "atallo" para controlar as entidades financeiras e "converteu a que tiña que ser a solución -á Lei de Caixas- no principal obstáculo" porque "a lei é unha cousa e o futuro das caixas outra distinta". Sinalou que o Consello de Estado "puxo ao presidente no seu sitio" e que "foi cazado na súa propia trampa" ao "aprobar a Lei de Caixas de Galicia en 21 días sen un informe do Consello Consultivo, do Consello Económico e Social nin da asesoría xurídica da Xunta de Galicia, e por iso no primeiro filtro de legalidade -o informe do Consello de Estado- se cae con todo o equipo".
O líder dos socialistas galegos sinalou que "agora é o momento de sentarse, dialogar e acordar" e ofreceu o apoio do PSdeG-PSOE para modificar a Lei galega nos artigos que vulneran a Lorca "facendo un esforzo de país pero sen facer trampas". Dixo que "o luns temos que volver a sentarnos para atopar solucións" porque o obxectivo é, engadiu, "acadar un país solvente e competitivo e un acordo que valga a todos e non só a Feijóo e ao BNG". Pachi Vázquez recomendou que "deixen de insultar para empezar a escoitar e atopar puntos de encontro porque isto non se arranxa polas bravas" xa que "o diálogo hai que buscalo en Galicia, para solucionar os problemas deste país con consenso e busca de solucións, e non entrando en canellóns sen saída idiomáticos e financeiros".
Encontro no Parlamento
O líder dos socialistas galegos chamou ás organizacións sindicais e empresariais a "non secundar o papel vitimista de Feijóo" en resposta ao encontro de PP e BNG con patronal e sindicatos celebrada hoxe no Parlamento. Lamentou que mentres se celebra este encontro "Feijóo e os sindicatos non son capaces de reactivar a mesa de Diálogo social e falar do paro", que é o principal problema para o 82 por cento dos homes e mulleres de Galicia. Pachi Vázquez amosouse por este motivo "estrañado" de "ver aos sindicatos" respaldando a estratexia de "mentiras" e de "pechar os ollos e meter a cabeza debaixo da ala" do presidente da Xunta sen preguntar "por qué non se convocou a Mesa de Diálogo Social" cando en Galicia hai 230.000 parados.
Puntualizou que "Feijóo vai de vitoria en vitoria ata a súa derrota final, empeñado no seu modelo vitimista e en ver unha conxura contra Galicia cando é quen impide a reforma do Estatuto, renuncia a acadar o noso teito competencial e ataca á nosa lingua como feito diferencial".




