Repsol segue a tensar a corda e négase a contribuír ao porto exterior coruñés
"O porto exterior está en obras e Repsol ten unha licenza de concesión na terminal petroleira de San Diego ata 2027, así que non temos por que abandonar o recinto". Esa é a postura da compañía petrolífera respecto ao seu futuro traslado a punta Langosteira, que non quere pagar na súa totalidade e polo que incluso pide unha indemnización. Esa é a posición da refinería coruñesa, segundo fontes achegadas á compañía ás que accedeu Xornal.
Aos problemas de financiación da dársena exterior situada en Arteixo úneselle tamén a presión que Repsol exerce sobre a Autoridade Portuaria, coa que non acada un acordo malia anos de intentos. A negociación continúa parada, a pesar de que punta Langosteira será empregada maioritariamente por Repsol, que xa cifrara en 300 millóns o seu traslado ao novo peirao. No entanto, non o quere pagar e solicita incluso unha indemnización polo prexuízo que lle suporía abandonar o actual porto petroleiro de San Diego antes de que remate a súa concesión.
"Non temos por que marchar aínda". Así de claro llo manifesta incluso o equipo directivo da refinería aos seus traballadores cando lle preguntan sobre o seu futuro traslado ao porto exterior, previsto para finais de 2014 ou 2015.
UNHA SOLUCIÓN PARA A CORUÑA
O proxecto da dársena exterior sempre foi presentado polo Concello da Coruña como unha solución á necesidade de afastar o porto petroleiro do centro da cidade, logo de desastres como o do Mar Exeo. De paso, acabaríase tamén cun oleoduto que percorre a cidade de punta a punta baixo terra durante sete quilómetros, e que sería substituído por un máis curto e menos perigoso en sentido contrario.
Pero Repsol sabe da súa privilexiada situación e pouco lle importan os prexuízos medioambientais e urbanísticos que a súa indutria crea na cidade coruñesa. A empresa máis contaminante da comarca chega a negar que unha nova ubicación da súa terminal signifique máis seguridade, malia que o novo oleoduto pasaría por unha zona rochosa e sen apenas poboación e que o peirao cambiaría un dos barrios máis densos da Coruña por punta Langosteira, a dez quilómetros do núcleo urbano.
Ademais, hai que lembrar que o traslado da terminal petroleira de Repsol do peirao de San Diego ao novo porto, en punta Langosteira, é imprescindible tanto para o desenvolvemento urbanístico da Coruña que deseña o novo o plan xeral como para a financianciamento da propia dársena exterior. O Concello, Fomento e a Xunta acordaron en 2004 liberar ese espazo portuario e urbanizalo e o PXOM en trámites contempla esa recualificación. A venda do terreo para uso residencial (cunha edificabilidade que podería chegar ao máximo legal, o coeficiente de 1,5) é o principal recurso da Autoridade Portuaria para obter fondos que paguen o porto que se constrúe en Arteixo. Nun principio calculouse en 150 millóns de euros a ganancia do Porto con esta operación, é dicir un terzo do custo inicial de Langosteira.
O peirao de San Diego é o que concentra o uso residencial dentro da "nova fachada marítima" da cidade contemplada no chamado Plan Busquets. O convenio asinado polos gobernos local, autonómico e estatal lembra que "o prazo de execución do novo plan estará condicionado á posibilidade de traslado das actuais instalacións portuarias ao porto exterior da Coruña e non poderá esixirse por parte das autoridades urbanísticas antes do completo traslado das devanditas instalacións ao porto exterior". Así é que Repsol pode bloquear o desenvolvemento urbanístico e a operación financeira.
Pero as limitacións e condicionantes que a refinería impón á Coruña non se centran só na contaminación que produce, nin nas dificultades que agora pon para trasladarse a un porto exterior que seguramente non poderá acoller contenedores e cuxa función principal será recibir petróleo. A súa situación converte esta industria nunha barreira que impide o crecemento.
Así, a refinería limita o desenvolvemento da maior bolsa de solo para vivienda que lle resta á cidade, Penamoa, que está afectada en máis da metade das súas 108 hectáreas. Ademais, os terreos achegados ao complexo perden valor ano a ano.
M. PARDO / M. CERNADAS / A. SUÁREZ /o xornal de Galicia




