Diálogo atascado
Coñecer cal será o futuro máis inmediato de Caixa Galicia e de Caixanova para axustarse ó mapa financeiro que demanda o Banco de España é "cuestión de horas", segundo fontes próximas ás conversacións que manteñen as dúas entidades financieras. A intensificación das negociacións previas a un escenario de fusión mostran unha imaxe "enmarañada" que leva ós protagonistas a instalarse na "máxima prudencia" antes de adiantar calquera vaticinio sobre o resultado da aproximación dos últimos días.
Nos primeiros pasos para axustar as contas das que deben partir ambas as caixas se queren encarrilar a fusión, os directivos de Caixanova concluíron que a hipotética alianza "está no aire" pero, sobre todo que a opción que desde o principio defende a Xunta para impulsar unha fusión igualitaria "é inviable". A resistencia a incorporarse á senda da Administración galega, que impón a paridade, impídelle a Feijóo contar coa firma favorable á fusión do presidente de Caixova, Julio Fernández Gayoso.
Polo tanto, a pesar do acercamento impulsado polo mesmo gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, que fixo do "mandamás" de Vigo o seu home de confianza, a fusión e o futuro do mapa financeiro de Galicia segue no aire.
O desacordo entre as entidades de aforro galegas deixaría a porta aberta para responder á invitación de Caja Madrid a Caixa Galicia cun proxecto que xa está moi avanzado.
Mentres, a tensión política motivada polo pulso entre o Goberno galego e o central segue medrando, e a Xunta, como xa estaba cantando, pasou á acción porque "non queda outra saída" e aprobará hoxe no Consello da Xunta o seu propio recurso de inconstitucionalidade contra o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), porque no seu artigo oito pretende eliminar a capacidade decisoria ante posibles fusións ás comunidades e resérvalles unicamente a posibilidade de emitir un informe non vinculante. Así, Galicia defende a súa capacidade de veto ou autorización de procesos deste tipo, tal e como contempla o Estatuto de Galicia e tamén as leis de caixas actual e anterior. Unha vez aprobado o recurso, mañá venres, día en que expira o prazo para recorrer, a Xunta presentarao ante o Constitucional.
Xunto ó coñecer a ofensiva galega, o Ministerio de Economía asegurou que o Fondo respecta a Carta Magna e así o avalan todos os informes xurídicos dos que dispón este departamento.
O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, foi o encargado de facer o anuncio no pleno do Parlamento, ó responder a unha pregunta sobre as negociacións mantidas co Estado respecto diso da invasión de competencias autonómicas a través do Frob. O motivo que leva a este recurso é a "atitude" non propicia a negociar que segundo a Xunta tivo o Goberno central.
"Non queda outra saída", indicou Rueda, quen asegura que as reunións mantidas foron "insatisfactorias, irrespectuosas, sen vontade de cambiar nada, decepcionantes e ilustrativas da actitude antigalega" do Executivo estatal. "Non foi posible chegar a acordo", a pesar de que a Xunta mantivo, á súa entender, unha actitude "coherente desde o principio e ata o final". Tras coñecer a noticia e ó formular a súa pregunta en relación coa presentación dun recurso contra o FROB, o deputado do PP Pedro Puy e o do BNG, Fernando Blanco, celebraron que a Xunta decida interpor o recurso de inconstitucionade, se ben este último lamentou que se esperou ata o último minuto, dado que se podía facer antes "para facer valer as competencias de Galicia". Desde as filas do PSdeG, consideran que a decisión son as "secuelas do último ataque de vaidade de Feijóo", froito da súa "frustración" por non conseguir a fusión coa súa xestión.
A BATALLA DE VIGO Caballero: "Ou soa, ou nada"
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou onte que, das alternativas que actualmente estuda Caixanova, "ningunha é a fusión", senón que unha de elas, e a que considerou "máis probable", é que a entidade "siga soa" ou ben, unha segunda opción "moito menos posible", na que a caixa viguesa "absorba Caixa Galicia", polo que está a estudar a viabilidade da operación.
O BANCO DE ESPAÑA METE PRÉSA
MAFO: "Haberá sancións para quen se atrase"
Logo de apremar a Caixa Galicia e a Caixanova para que presenten os seus proxectos para encaixarse no futuro mapa financiero e un día antes de que o consello de goberno do Banco de España pase revista ó anquilosado proceso de reestructuración, o gobernador do ente Miguel Ángel Fernández Ordoñez, instou onte desde Valencia a "acelerar" a reestruturación dos sistema financeiro español, ó tempo que advertiu á "minoría de caixas que están atrasando estes procesos, ben polas súas propias decisións, ben pola interferencia dos gobernos das súas comunidades autónomas", de que "non só están creando dificultades ás demais, senón que ademais se prexudican a elas mesmas", segundo recolle Europa Press.
Fernández Ordóñez sinalou que "estas entidades agora son aínda viables", pero "en cuanto deixen de selo, o Parlamento dotou ó Banco de España de suficientes instrumentos" para que "sexan intervidas e posteriormente liquidadas ou vendidas na forma que prevé o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB)". Destacou que esas circunstancias levarían "a apertura de expediente ós conselleiros e demais órganos de goberno das caixas, e unha redución moito máis traumática do emprego e os servizos financieros na súa rexión que a que se produciu no caso de acometer procesos ordenados de integración". Ademais, indicou que esas entidades e os seus dirixentes, que poderán ser sancionados polo ente regulador tamén "serán responsables" do "aumento do custo para o contribuente español".
"A boa marcha da reestruturación financeira e a reforma das caixas serán fundamentais para a economía, o tecido empresarial en xeral e as pemes moi en particular", sentenciou Fernández Ordóñez, quen avogou por acompañar ese proceso "dunha imprescindible reforma laboral que deteña a sangría de desemprego e favoreza a contratación", así como pola pronta adopción de "medidas concretas que permitan cumprir co plan de consolidación fiscal enviado a Bruxelas".
O gobernador do Banco de España resaltou que "a maioría das entidades españolas están facendo os seus deberes", tanto os bancos, caixas de maior dimensión e outras con "unha posición moi sólida" que "non mostran problemas de viabilidade" pero "queren reestruturarse reduciendo custos, mellorando a eficiencia e rendibilidade".
Fuente: galicia hoxe




