Feijóo na súa xestión en Correos, privatizou case todos os servizos logrando a maior catástrofe nunha entidade pública

CIG-Correos denuncia a gravísima situación económica na que se atopa a entidade pola nefasta xestión destes últimos anos, desde que o actual Presidente da Xunta de Galica, Alberto Núñez Feijóo fose Director Xeral da entidade. CIG-Correos vén de denunciar, en rolda de prenda, a gravísima situación na que se atopa a entidade, segundo o seu secretario nacional, por mor da nefasta xestión económica destes últimos anos. A empresa pechou o ano 2009 cun déficit de máis de 65 millóns de euros e prevese que para 2010 alcance unhas perdas de máis de 150 millóns de euros. Por iso, alertan da posibilidade de que isto provoque unha restruturación que podería levar á destrución dunha manchea de postos de traballo.
Xosé Blanco, secretario nacional de CIG-Correos e Manuel Anxo Álvarez Amado, secretario de Organización de CIG-Correos compareceron en rolda de prensa para denunciar a situación económica na que se atopa a entidade. Segudo explicaron, o balance económico da empresa pechouse no ano 2009 cun déficit de máis de 65 millóns de euros e prevese que para o 2010 alcance unhas perdas de máis de 150 millóns de euros. Responsabilizan desta situación ao fracaso do modelo empresarial polo que apostaron os sucesivos gobernos dende a etapa de Felipe González, que sustituíron o concepto de servizo público polo de sociedade mercantil apostando cegamente pola política neoliberal que dende fai vinte anos se ven practicando en Europa, afirma Blanco.
Segundo o secretario nacional de CIG-Correos, durante algúns anos o balance económico foi positivo, debido sobre todo á inxección económica que supuxo o contrato có Deutsche Bank , co cal esta entidade bancaria estranxeira se instalou na rede pública de inmobles española, e o aforro que supuxo a perda continuada de dereitos dos traballadores. Porén, salientan que a modernización de Correos non se levou a cabo na medida necesaria e non só non se gañou cota de mercado no ámbito europeo senón que se perdeu unha importante franxa do mercado postal español en beneficio de operadores postais privados, moitos deles con maioría de capital estranxeiro. Explican que a Lei Postal do ano 1998 desenvolvida a partires dunha directiva da Unión Europea foi interpretada polos diferentes gobernos do PP e PSOE dun xeito errático posto que os investimentos non foron planificadas de xeito coherente en infraestructuras, innovación e persoal senón condicionados polos múltiples cambios de dirección, que obedecía a criterios de cambio político e que non permitiron unha continuidade na liña adecuada. A calidade dos servizos foi degradándose paulatinamente e os clientes foron perdendo credibilidade ante a desidia e falta de profesionalidade dos dirixentes, moitos dos cales atópanse ligados a Correos mediante contratos blindados e en épocas de superávit, se autoprimaron con primas millonarias.
A este respecto, CIG-Correos explica que no anterior convenio figuraban 250 contratos fóra de convenio (que maioritariamente se corresponderían con contratos blindados), no actual, prorrogado do anterior, figuran 500 contratos fóra de convenio e no que se vai negociar agora, figuran 1.200.
Recorte Presupostario en Inversións e no Servicio Postal Universal para ó ano 2010
O recorte presupostario do Goberno en inversións na rede postal en 96 millóns de euros, sumado aos case 170 millóns de euros de recorte para o custo da prestación do Servizo Público Universal, que é de 245 millóns, mentres a aportación do goberno é de tan só 75 millóns, supón un desfase presupostario negativo de 266 millóns de euros.
Para o secretario nacional de Correos, isto vén provocado pola conversión de Correos en Sociedade Anónima, que implicou a instalación dun modelo de xestión empresarial baseado en criterios de autofinanciación e desligazón paulatina de Correos das arcas presupostarías do Estado. Cando isto ocorreu, todos sabíamos o que significaba abandonar o modelo de servizo público.
A crise económica
CIG-Correos recoñece que a crise económica ten provocado un descenso da demanda no negocio postal en algunhas franxas dos servizos o que pode supor un 10 % do total do volume de negocio. Porén, denuncia que o problema da perda de clientes remítese a un período anterior ao ano 2008, producto exclusivamente da catastrófica xestión e dun modelo económico inviable.
Correos dividiuse en varias áreas de negocio, cada unha coa súa estrutura e contabilidade completa, como se se tratara de empresas diferentes. Isto provocou un incremento dos custos de explotación, porque houbo que duplicar locais, vehículos... Danse casos de que mesmo lugares aos que antes só ía un repartidor logo ían tres pero sen que isto supuxera unha mellora do servizo, sinala Blanco.
Desde a CIG vense anunciando tanto interna como externamente a posibilidade dunha creba en Correos desde hai varios anos. Entón desde algunhas esferas político - sindicais e desde a propia Dirección de Correos tachóusenos de alarmistas, de estar fora da realidade. Son eses mesmos políticos, sindicatos e dirixentes os que están a corroborar as nosas previsións, presentándose como víctimas cando o seu verdadeiro papel é o de verdugos.
A crise económica, ao entender da CIG-Correos, non é nin máis nin menos que unha crise dun modelo productivo, o neoliberalismo económico que non é quen de manter un crecemento económico estable e sostible das sociedades nas que opera. A man invisible reguladora do mercado non existe e é necesaria unha intervención e regulación por parte do Estado para que non se produza unha catástrofe económica xeral.
CIG-Correos, para o ano 2010, prevé un déficit por actividades económicas sen cargo a presupostos de Estado de 214 millóns de euros ( 64 de 2009 + 150 previstos para 2010 ); un recorte orzamentario do Goberno en relación ó ano 2009 de 96 millóns de euros en inversións e 170 millóns de euros menos entre o custo do SPU e o aportado polo goberno para o seu cumprimento.
Blanco pregúntase cómo pode perder un volume de negocio de arredor do 30 % nun período de 10 anos unha empresa que conta có 95 % das infraestructuras postais do Estado, que exerceu o monopolio postal dende hai 200 anos, que inflúe directamente por non dicir que é ela a que dicta as tarefas postais anuais; que está amparada e subvencionada polo estado en grande medida; que segue a dispor de estruturas xurídico financeiras dependentes directamente do estado; un servizo que durante 200 anos viu medrar a seu plantel e que xamais se atopou nunca situación tan delicada como a actual, na que miles de postos de traballo corren grave risco de desaparecer?
Para a CIG responde a unha pésima xestión que se constata en numerosas cuestións. A modo de exemplo, Álvarez Amado lembra que Correos tiña diversos contratos con empresas e en determinado momento, a entidade decidiu rescindir aqueles que non superasen os 18.000 euros anuais, que tiveron que pasar á competencia.
A situación de Correos en Galiza
A situación económica da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A. en Galiza agrávase sensiblemente en relación con outras comunidades, segundo explican, pola súa especificidade poboacional. As zonas rurais de Galiza no ámbito postal supoñen o 49 % do total do Estado e o seu reparto diario ven determinado por lei ( Lei Postal do 1998 ). Blanco denuncia que este mandato legal estase a incumprir sistematicamente desde que existe a lei, polo que a media de reparto nestas zonas atópase en D + 3, polo D + 1,5 do reparto nas zonas urbanas.
Isto leva a Correos a concluír que indubidabelmente, o custo que supón repartir zonas xeográficamente dispersas é moi superior ao custo en zonas de poboación máis concentrada e que, polo tanto, o reparto rural non é rendíbel e por iso debe de ser asumido vía presupostos polo operador público postal, posto que o dereito á recepción de correspondencia debe de ser igual para tódolos cidadáns que habitan a xeografía estatal.
En abril de 2007, a crise económica aínda non fixera a súa aparición, e o goberno reunido en Consello de Ministros aprobou un Real Decreto sobre os servizos postais que denominou de Entornos Especiais . Este Real Decreto vulnera o dereito de recibir o correo no seu domicilio de máis de 450.000 galegos que habitan as zonas rurais de Galiza. Este Real Decreto foi conxelado pero non foi retirado, logo das manifestacións que a C.I.G. levou a cabo como protesta á súa implantación.
Recorte de emprego
O actual plantel de traballadores fixos de Correos en Galiza é de 4.000, número que ascende até os 4.600 se se lle engaden os empregos eventuais anuais. O persoal que traballa no ámbito rural ascendía a 400 traballadores na RPT de principios do ano 2009. Neste último ano o recorte de postos de traballo no rural foi de 41. A fórmula que está a aplicar Correos para o recorte de emprego nestas zonas, segundo explicou Blanco é que cando se produce unha xubilación dun carteiro rural a vacante xerada desaparece e o servizo que prestaba este carteiro é repartido entre os demais carteiros da zona. A Dirección de Correos obriga a asinar este aumento de recorrido ós traballadores que colidan coa zona suprimida. Os traballadores asinan pola presión da Dirección que ao mesmo tempo lles promete unha mellora salarial e mesmo díselles que se non poden coa carga de traballo diaria que a repartan en días sucesivos. Esta situación está a provocar unha perda de emprego constante e un empeoramento da calidade do servizo rural, asegura o secretario nacional de CIG-Correos.
Aínda máis, a Dirección de Correos acaba de comunicar aos cargos intermedios que para o ano 2010 recortarase a contratación eventual nun 80 % en relación ao ano pasado polo que tendo en conta a cifra de 4.600 postos de traballo de emprego global, a reducción de emprego en Galiza para o ano 2010 é de 441 carteiros. Esta situación leva implícita unha perda brutal da calidade do reparto, así como unha importante sobrecarga do traballo dos empregados de Correos.
Outra das consecuencias da grave crises de Correos é, segundo CIG-Correos, a paralización das inversións en infraestruturas e loxística, situación que agravará as condicións materiais de traballo dos empregados. En relación ó Real Decreto de Entornos Especiais, a CIG teme a posibilidade de que se reactive é se intente aplicar durante este ano. .
Difícil recuperación
Ante un déficit de 214 millóns de euros é un recorte presupostario en relación ó ano 2009 de 266 millóns de euros e cunha política económica e de xestión cada vez máis errada, non se prevé unha recuperación económica , ó contrario os síntomas de parálise e crack cada vez son maiores. Algúns membros da propia Dirección de Correos están xa a falar de insostibilidade do cadro de persoal actual e de dificultade no pago de salarios.
CIG-Correos demanda unha urxente xuntanza das partes implicadas
A gravísima situación económica require, ao entender da CIG, dunha especial responsabilidade e sensibilidade pola nosa parte cao fin de buscar solucións definitivas que permitan superala e evitala no futuro. Resultaría pouco responsábel pola nosa parte, afirman, nun momento tan delicado como este facer leña do árbore caída. Non é o momento da demagoxia, da insensata búsqueda de rédito sindical.
A CIG-Correos, antes de adoptar medidas mobilizadoras de paros e folgas, considera urxentísimo celebrar unha xuntanza ao máis alto nivel das partes implicadas nesta situación: O Ministerio de Fomento, a Dirección de Correos e de todos os sindicatos, sen excepción, con representación na Mesa Sectorial. Nesta xuntanza tanto a Dirección de Correos como o Ministerio de Fomento deben de presentar o seu plan estratéxico para a viabilidade de Correos. Alén diso, demandan a apertura inmediata dunha mesa DirecciónSindicatos representados na Mesa Sectorial para a negociación do Acordo Marco e do novo convenio colectivo.
CCOO e outros sindicatos teñen acordado un calendario de mobilizacións en Correos que a CIG non comparte, porque o único que perseguen é, tal e como di Blanco, un lavado de cara, porque CCOO é corresponsábel xunto a algún deses sindicatos, da actual situación na que se atopa a entidade ao igual que da perda de dereitos e poder adquisitivo das traballadoras e traballadores.
Tamén son corresponsábeis, din, da exclusión do persoal de Correos do Réxime Xeral da Administración Pública ao pactar co goberno o Estatuto Básico do Empregado Público, que no seu artigo 5 déixao fóra da función pública.
Fuente: Xornal de Galicia





Comentarios
si, a mi me da mucha credibilidad la opinión de la CIG...son unas bellísimas personas y unos grandes conocedores de las más soficsticadas técnicas de gestión empresarial...pero para joderlas
Publicado por: julio | Marzo 4, 2010 4:02 PM