O PSdeG propón a publicidade da declaración de bens e patrimonio dos cargos públicos autonómicos

O Viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage, presentou onte en rolda de prensa, unha Proposición Non de Lei na que propón a publicación no Diario Oficial de Galicia dos bens, rendas, actividades e intereses dos cargos públicos da Administración Autonómica e das súas sociedades, empresas e entes dependentes, así coma dos deputados e deputadas do Parlamento Galego.
Lage Tuñas argumentou que "as obrigas que temos como representantes e xestores públicos no noso País teñen que ser acordes coa esixencia de incrementar a calidade do noso sistema democrático e para iso a transparencia e a información son claves".
O deputado do PSdeG lembrou que "na pasada lexislatura comezaron a darse pasos importantes coa aprobación da Lei 4/2006 de Transparencia e Boas Prácticas e co Decreto 205/2008 que regula o rexistro dos altos cargos, pero a sociedade demanda maiores cotas de transparencia e información sobre a actividade dos cargos públicos e é a nosa obriga escoitar as demandas sociais identificadas co interese público".
O Portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista afirmaba hoxe que "dar a coñecer á cidadanía a través do Diario Oficial de Galicia, as rendas, e a súa orixe, percibidas polos cargos públicos, durante o seu mandato, así como as variacións experimentadas no seu patrimonio, durante o mesmo período, e tamén dar a coñecer as súas actividades e intereses privados, non invade dereitos constitucionais e sí favorecería unha maior capacidade de transparencia e control sobre a actividade dos cargos públicos do noso País.".
Lage Tuñas defendeu que "de xeito anual se publiquen as posibles variacións existentes no patrimonio e bens dos cargos públicos (membros do Goberno galego e deputados/as), a través do Diario Oficial de Galicia e en Internet".
"Agardo que o resto dos grupos parlamentarios e o Presidente da Xunta de Galicia apoien a nosa iniciativa", apuntou o deputado do PSdeG.
Lage Tuñas subliñou que esta proposta "é unha aposta que os deputados e as deputadas do Parlamento de Galicia deberíamos facer a prol pola transparencia, en canto esta facilita a confianza da cidadanía nos seus representantes, en quen goberna e dirixe a xestión dos asuntos públicos".
"A mellora da calidade do noso sistema democrático terá que sustentarse nunha maior participación dos cidadáns na esfera pública, nunha maior proximidade entre os representantes electos e a cidadanía, e tamén no acceso á información das administracións a través dos rexistros públicos correspondentes", afirmaba hoxe o deputado socialista nunha rolda de prensa.
Extracto da PROPOSICIÓN NON DE LEI :
Co ánimo de contribuir a mellorar a normativa existente en Galicia sobre transparencia e publicidade das actividades, rendas, patrimonio e intereses dos cargos públicos do noso País presentamos esta proposición non de lei para o seu debate en Pleno do Parlamento de Galicia:
O Parlamento de Galicia insta ao goberno galego a:
1.-Presentar, no prazo máximo de dous meses, un proxecto de lei que regule a Publicidade dos Bens, Rendas, Actividades e Intereses dos cargos públicos da Administracción Autonómica e das Sociedades, Empresas ou Entes dependentes da Xunta así como dos Deputados/as do Parlamento de Galicia.
2.-Incluír no citado proxecto a publicación anual no Diario Oficial de Galicia das correspondentes declaracións de bens, rentas, actividades e intereses.
3.-Incluír no citado proxecto a obriga de facer públicos no Diario Oficial de Galicia, os bens, actividades, rentas e intereses dos altos cargos da Xunta de Galicia e dos/as deputados/as no momento do seu nomeamento e do seu cese, e tamén durante os dous anos seguintes ao cese.
4.-Facilitar a tódolos cidadáns a través de internet o acceso aos datos de bens, rendas, actividades e intereses dos cargos públicos da Administración Autonómica, coa obriga da súa actualización ao mesmo tempo que son publicadas as correspondentes declaracións anuais no Diario Oficial de Galicia.




