Por un monte galego
Galicia é potencia forestal, non só porque a súa industria achega un 3% do noso PIB, senón pola súa riqueza ambiental e paisaxística. Ademais de ser reguladores climáticos, entre o 50 e o 90% de todas as especies terrestres habitan nos bosques, segundo datos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Non obstante, ese patrimonio natural do que aínda gozamos vén sufrindo nos últimos tempos unha serie de ameazas que poden acabar co monte galego. Así o advirte a asociación ecoloxista Verdegaia, quen co gallo da celebración do Día Forestal Mundial que se conmemora hoxe, esixe melloras na política forestal galega pola súa "escasa sensibilidade e sustentabilidade".
As sucesivas repoboacións con especies foráneas e pirófitas, especialmente eucaliptos e piñeiros, leva á desaparición dos montes tradicionais de castiñeiros ou bidueiros, que pasan a convertirse en grandes extensións de monocultivos que impactan gravemente na paisaxe e contribúen a estender os efectos do lume. O caso máis recente son os traballos levados a cabo nos montes protexidos do Courel, cun custo total de 3 millóns de euros ó ano, nos que ademais de facerse exclusivamente con piñeiros prescinden dos traballos á man propios destas actuacións para usar maquinaria pesada que, ademais de partir o territorio coa apertura de pistas, causan a erosión do solo.
Alteración dos hábitats e extinción das especies
"A substitución das especies autóctonas por foráneas supón unha grave ameaza dos ecosistemas, tanto pola perda de biodiversidade, como pola alteración das fráxiles relacións existentes entre as comunidades animais e vexetais, que podería conducir á extinción das especies máis sensibles á alteración do seu hábitat", explica Marga Rubido, responsable de Especies Invasoras de Verdegaia. De aí, a necesidade de adoptar criterios criterios sustentables na xestión das nosas masas forestais, ademais do uso exclusivo de especies autóctonas para calquera repoboación a realizar nun espazo protexido.
Mais as especies foráneas, a pesar de ser un dos principais problemas do monte galego, non é o único. A fragmentación por causa de pistas e cortalumes está a ser unha realidade frecuente nos nosos bosques, provocando un alto impacto paisaxístico e visual, ademais da preocupante perda de identidade.O fomento de faixas verdes compostas por arborado autóctono ademais de diversificar o monte son, para Verdegaia, unha solución eficaz ó avance do lume en bosques pirófitos.
A extracción de madeira, a especulación, os encoros, as estradas, o crecemento demográfico ou fenómenos como o cambio climático son outras das ameazas do noso monte indicados dende o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (Cobga), quen esta semana realizou un chamamento a aplicar políticas para garantir a súa conservación, preservando os usos tradicionais. Unha reivindicación esta última á que se suma Verdegaia, quen advirte de que o aumento dos bosques autóctonos a través das repoboacións son traballos que poden servir para potenciar o emprego forestal para que a poboación local se sinta identificada co seu monte co fin de diminuír as hectáreas que anualmente son pasto das lapas e lograr unha sustentabilidade forestal que permita que Galicia deixe de estar á cola en superficie forestal protexida.
OS CONSELLOS
O Día da Árbore celébrase cada 21 de marzo para impulsar a protección e o coidado dos bosques. Para aqueles que non poidan realizar hoxe unha plantación, dende Adega propóñense dez ideas coas que contribuír á conservación dos bosques todo o ano:
1. Usa papel reciclado: o papel reciclado evita que se corten árbores, realizar monocultivos e aforrar enerxía e auga. Hoxe en día existen moitas calidades e tipos de presentación e a un prezo semellante ó papel normal.
2. Solicita unha compra verde ó teu concello ou lugar de traballo: as compras verdes implican criterios ambientais xunto aos de adxudicar a compra dun ben/ou servizo a un licitador.
3. Apúntate ó voluntariado forestal: dende diversas administracións, concellos, universidades, ONGs etc., estanse a realizar actividades de voluntariado forestal.
4. Merca productos co selo FSC: a eco-etiqueta FSC que locen algúns produtos indica que procede dunha explotación forestal ambientalmente apropiada, socialmente xusta e economicamente viable.
5. Protección máis alá do monte: se non podes celebrar hoxe o día da árbore poderás participar outro día en proxectos de recuperación de flora dunar, repoboación de bosques de ribeira ou na eliminación de invasoras.
6. Evita as madeiras tropicais: moitas delas proceden da extracción ilegal, nas que ademáis de arrasar con bosques enteiros expulsan as poboacións indíxenas que dende hai centos de anos ocupan esas terras.
7. Reutiliza a madeira vella: á hora de facer traballos da horta ou no xardín emprega madeiras vellas ou usadas.
8. Reivindica plantacións con árbores autóctonas: antes de organizar unha plantación pensa que especies vas plantar, onde, consigue os permisos e mira a lexislación.
9. Colabora na eliminación de especies invasoras: moitas especies alóctonas están a desprazar e invadir espazos de vexetación autoctona.
10. Faite socio de Adega ou outra entidade ecoloxista.
MANIFESTACIÓN ÁS 12 HORAS EN SANTIAGO Non ás canteiras en Rede Natura Galiza non se Vende: "Vémonos na rúa"
Os sesenta colectivos integrados na rede cidadá Galiza non se Vende volverán hoxe á rúa para reclamar outro modelo económico e social. Cando se cumpre un ano do goberno de Alberto Núñez Feijóo na Xunta, a plataforma mantense fiel á súa política de "goberne quen goberne" e, ante a profusión de lexislacións -mesmo contraditorias- que afectan á sociedade e ó territorio, os galegos reclamará a partir das 12 horas de hoxe en Santiago un ordenamento racional da terra, a necesidade de blindar o noso litoral e pasos decididos para conseguir unha soberanía alimentaria e enerxética, ademais doutro modelo de transporte máis sostible. A manifestación, que partirá da Alameda e desembocará na praza da Quintana, volverá poñer de manifesto as diferentes problemáticas locais de Galicia: dende a desfeita louseira e forestal no Courel, ós recheos nas rías, a cementación da costa, a intención de construír industrias en Rede Natura ou a aposta pola incineración de residuos. ¡Vémonos na rúa!
O ACTO
As asociacións ecoloxistas Adenco, Asemblea do Suído e a Federación de Ecoloxistas de Galicia (FEG) denunciaron onte o "retraso e a desidia" para a "denostada" ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia, ameazada por unha nova canteira no Coto de Eira, que afecta a varios hábitats prioritarios. A explotación minera sitúase nos límites dos concellos de Covelo, Fornelos de Montes e Mondariz, na provincia de Pontevedra.
Fuente y autor: R. FERNÁNDEZ /Ggalicia hoxe




