A concelleira de Servizos Sociais entrega os premios ás curtametraxes gañadoras do certame Socialcine Coruña 2010
A concelleira responsable da Área de Servizos Sociales, Silvia Longueira, entregou os premios ás curtametraxes gañadoras do concurso convocado dentro da iniciativa Socialcine Coruña 2010, organizada polo Concello. Socialcine é un programa que pretende fomentar o uso dos medios audiovisuais como ferramenta para concienciar a cidadanía en temas de carácter social. A temática elixida para a edición deste ano foi "Mulleres: imaxe e sociedade".
Presentáronse un total de 24 curtametraxes, catro máis que na primeira edición do concurso. O xurado estivo presidido por Silvia Longueira, concelleira de Servizos Sociais, e formaban parte do mesmo Guillermo Escrigas, director do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI); José Manuel Sande García, responsable de programación do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI); e as técnicas superiores de Servizos Sociais Luisa Martínez González e Teresa González García, que actuou como secretaria.
O primeiro premio, dotado con 1.000 euros, foi para a curtametraxe Tango, da directora Lorena Terrón Pérez, polo seu innovador modo de describir a través de imaxes e música, renunciando á palabra, a dominación e a violencia tantas veces exercida contra a muller. Recolleu o premio a realizadora acompañada de José León, un dos intérpretes e autor da coreografía, e de Yago Torres, responsable de edición e post-produción.
O segundo premio, dotado con 600 €, foi para a curtametraxe Milagro, de Manuel Rosa Ramírez, pola súa capacidade de unir as circunstancias persoais e os datos obxectivos nun rexistro documental que excede as prestacións da reportaxe convencional.
Recibiu un accésit, dotado con 100 €, a curtametraxe Zapatos, do director Álvaro Arangue de Aymerich, pola súa habilidade para resolver de maneira fluída, metafórica e directa unha situación e un conflito universal.
O xurado decidiu, por unanimidade, deixar deserto o terceiro premio.




