"A Xunta non achega máis do 0,1% para proxectos solidarios"

Adoita ocorrer con frecuencia que algunhas palabras -especialmente aquelas de fermoso significado-,
que de tanto usalas e repetilas, rematen por quedar baleiras do sentido orixinal que teñen. Ocorre cos termos 'democracia', 'amizade', así como tamén 'solidariedade' ou 'coo-peración'. O intento de 'purificación' do significado desta última palabra, así como tamén do que implica ser 'cooperante' (nun contexto de axuda ao desenvolvemento), é un dos principais obxectivos de asociacións como a do Fondo Galego de Cooperación ao Desenvolvemento. O seu presidente, Alfredo Novoa Gil, teno claro: "Un cooperante é aquela persoa que se traslada ata un punto onde necesitan da súa axuda, e intenta colaborar na medida do posible para que, cos seus propios medios e recursos, poidan saír adiante, sen ningún tipo de intervención na cultura ou tradicións".
Cales son os países onde máis presenza ten Fondo Galego?
Actualmente, estamos traballando moito para atallar, na medida das nosas posibilidades, as consecuencias do terremoto en Haiti, en coordinación co Fons Catalá. Ademais, dende un tempo a esta parte vímonos centrando na zona da lusofonía americana e africana, e a nosa presenza en países coma Mozambique ou Cabo Verde non fai máis que medrar. Temos a vantaxe de que a comunicación con eles é moi sinxela, posto que practicamente o seu portugués ten a fonética galega, así que partimos dende un posto privilexiado para o traballo nesas zonas respecto doutras autonomías.
Como vos financiades?
Temos dúas vías: mediante as achegas dos concellos asociados e das catro deputacións; ou ben mediante a asignación procedente dos Orzamentos da Xunta de Galicia. En casos de emerxencia, temos habilitado un número de conta onde persoas particulares poden doar a cantidade que lles pareza adecuada, pero esta vía é soamente no caso de circunstancias extraordinarias.
Notastes a crise?
Moito. Non tanto por parte dos concellos, que non diminuíron as súas achegas, pero no caso dos Orzamentos... foi unha baixada moi drástica. Xa non só pola 'economía da austeridade', senón tamén pola desaparición dalgunhas consellerías, como a de Vivenda, que supoñían unha das nosas principais fontes de ingreso. De feito, a supresión de Vivenda supuxo para nós deixar de contar con 500.000 euros.
Pero os galegos teñen sona de ser solidarios...
Galicia é solidaria, na mesma medida ou máis que como o pode ser outra rexión calquera. Pero se falamos de cartos dedicados nos orzamentos da administración á cooperación ó desenvolvemento, a cousa cambia moito. Estamos no último posto no ránking das autonomías en canto a dotación orzamentaria destas iniciativas. ¡Non pasamos do 0,1%, cando a media española se sitúa no 0,34%! A Xunta incumpriu os obxectivos establecidos para este ano, aínda que nos comunicaron que igual se soluciona no último trimestre. Dende a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea xa nolo din... "sodes magníficos e o que facedes está moi ben, pero...¡é que non hai cartos!".
Daquela, ademais de seguir traballando nos proxectos que tedes en marcha, a curto prazo a intención do Fondo Galego é aumentar como sexa o volume de ingresos?
Si, porque sen unha boa base económica é totalmente inviable levar a cabo calquera tipo de proxectos, porque son moi custosos. Non se trata de facer 'turismo de aventura', de ir polo deserto nun coche coa bondade como única defensa. No tema da solidariedade en países con problemas internos tes que ter un bo apoio e estar ben organizado.
Entón, de proxectos de caravanas solidarias mellor nin falar, non?
Son moi crítico con ese tipo de proxectos, porque son froito dunha época pasada. A unha comunidade de persoas que está nunha situación de pobreza non lle vas arranxar nada con levarlle roupa vella que aquí xa non poñemos. O que hai que facer é, ou ben mercarlles esa roupa ás industrias do propio país, ou ben ir ata alí e que cooperantes formados lles ensinen o modo de facelo por eles mesmos. Proceder doutro xeito pode ser moi prexudicial, xa que corres o risco de cohibir iniciativas de desenvolvemento propio, ao tempo que mesmo podes desequilibrar completamente o comercio local, facéndoos máis dependentes
O día 8 deste mes conmemorouse o Día do Cooperante a nivel nacional. Houbo algún acto especial debido a iso?
Si que houbo. O máis importante foi a presentación ante a prensa do programa 'Vacacións con traballo 2010', no cal cinco funcionarios municipais van ir a distintos países poñer distintos proxectos en marcha. Ademais, o seu labor non se vai quedar en ir como unha especie de docentes, senón que a súa intención tamén vai ser a de intentar asimilar ao máximo todo o que vivan alí
Cal é o obxectivo do programa 'Vacacións con Traballo'?
Ademais da viaxe en si dos cinco cooperantes e da súa colaboración coas entidades locais a través do desenvolvemento de proxectos, 'Vacacións con Traballo' é unha estratexia de sensibilización da poboación galega sobre os problemas reais que se viven noutros puntos do planeta. Á volta, os voluntarios relatarán a súa experiencia nunha publicación, e ademais ofrecerán unha serie de charlas, nas que contarán como foi a súa experiencia e darán unha visión de primeira man do que nesas zonas se está a facer. Pensamos que é moi interesante.
Fuente: Galicia hoxe/ALBA CARID




