Galiza perde o 13% de alumnos mentres o estado bate marcas
O sistema educativo do Estado español non universitario contará o próximo curso 2010-2011 con 7,7 millóns de alumnos escolarizados -case un dous por cento máis que o anterior-, o que supón a maior taxa da súa historia. Mentres, Galiza sitúase, despois de Asturias, á cabeza das comunidades que perderon alumnado, un 13% no seu caso.
Os datos anunciounos a vicepresidenta primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, na roda de prensa posterior ao Consello de Ministros sobre o informe que o ministro de Educación, Ángel Gabilondo, presentou este venres. Para de la Vega trátase dun dato "moi revelador", que, ao seu xuízo, "coincide coas principais apostas do Goberno" no ámbito educativo, como a extensión da educación infantil, a formación profesional ou o "esforzo" para que os mozos continúen os seus estudos tras a etapa obrigatoria. Entre os niveis educativos que rexistraron un incremento maior de alumnos, destacan por unha banda a etapa Infantil, con 51.011 alumnos máis (2,8%); Primaria, con 47.081 alumnos máis (1,7%); e os estudos postobrigatorios como Bacharelato, con 9.244 alumnos máis (1,4%), e a Formación Profesional (FP), que contará con 34.452 alumnos máis (6,4%).
En alza a Formación Profesional a distancia
Tamén é significativo o incremento dos mozos que estudarán FP distancia, que será do 72 por cento, unha cifra que se viu reforzada desde que o Ministerio de Educación e as comunidades autónomas crearon unha plataforma "en liña", a pasada primavera.
Por comunidades autónomas, o documento de Gabilondo revela que as rexións que incrementaron o número de alumnos nos últimos dez anos foron Navarra (24,9%), Cataluña (22,6%), Madrid (18,6%) e Illas Baleares (18,1%). Pola contra, as que viron decrecer o alumnado neste período foron Asturias (-16.2%), Galiza (-13,2%), Estremadura (12%) e Castela e León (-9,5%). O informe de comezo de curso reflicte que a implantación do Programa Escola 2.0 foi "un éxito" e actualmente hai 324.366 alumnos con computador portátil, 15.009 aulas dixitalizadas e 73.201 profesores formados.
Sobre o profesorado do ensino non universitario, o documento reflicte que este colectivo increméntase para o curso que agora comeza nun 1,1 por cento respecto ó pasado, ata alcanzar os 680.381 docentes, dos que a maioría son mulleres (69%). Isto supón que en España haxa 11,3 alumnos por profesor. Ademais, o sistema educativo español conta cun financiamento público total de 53.947 millóns de euros, un 5,11 por cento do PIB para todos os niveis educativos. Segundo explicou De la Vega, desde 2004 esta cantidade incrementouse en 16.986 millóns de euros (un 46%), "o que demostra o compromiso de todas as administracións co obxectivo de ofrecer máis e mellor educación ós estudantes españois", destacou.
Sobre as bolsas e axudas ao estudo, o informe do ministro sinala que para este curso 2010-2011 contarán cun financiamento de máis de 1,5 millóns de euros.
Baleares, líder en abandono
Que os mozos do Estado continúen cos seus estudos e evitar así o abandono escolar "é o principal reto da educación en España", sinala o informa o ministro. Segundo os últimos datos, o 31,2 por cento dos mozos de entre 18 e 24 anos non completou o nivel de Educación Secundaria postobrigatoria e non segue estudando. Por comunidades autónomas, Illas Baleares (40,8%), Andalucía (37,5%), Murcia (37,3%) e Ceuta e Melilla (36%) son as que teñen peores taxas, mentres que País Vasco (16%), Navarra (19,8%), Asturias (21,1%) e Cantabria (23,9%) dispoñen de mellores datos.
Fuente: Galicia hoxe




