O 0,7% pode esperar

En medio dunha crise mundial á que aferrarse como un cravo ardendo, os líderes gubernamentais do planeta deberán verlle a cara entre hoxe e o mércores á situación dos Obxectivos do Milenio (ODM). O compromiso asumido no ano 2000 por 189 países para combater a pobreza, mellorar a educación e a igualdade entre sexos, diminuír a mortalidade infantil e materna, combater o VIH, garantir a sustentabilidade ambiental e crear unha alianza mundial para o desenvolvemento, e que ten como prazo o ano 2015, navega entre certos logros -a mortalidade infantil caeu un 33%- e bastantes escepticismos. Entre outros, moitos sinalan a súa traizón á Declaración do Milenio, e que ignoren as causas da pobreza, aspectos como a desigualdade, a sustentabilidade e a importancia de que os cidadáns teña voz e voto nas decisións que lles afectan.
Será na sede de Nacións Unidas en Nova York e chamarase Cumio de Revisión dos ODM, unha meta cara á que os países en desenvolvemento avanzaban aínda que con ritmos moi diferentes -en función das oportunidades de investimento e dos beneficios que ofrecesen aos países ricos-. A África subsahariana, por exemplo, apenas notou melloras. As crises alimentaria, económica e de combustíbel dos dous últimos anos, deron ao traste.
Non obstante, en 1981, un 52% da poboación dos países en vías de desenvolvemento vivía nunha situación de pobreza extrema; cara a 2005, esa porcentaxe minguou até o 25% no leste de Asia, Latinoamérica e Europa do Leste e central. A crise mallou duramente ás economías de máis de 50 Estados en vías de desenvolvemento, tal como revela o informe de 2010 do Grupo de Traballo sobre o Desfasamento no logro dos ODM. E como non podía ser doutra forma, a crise afectará de forma moi especial ao primeiro dos oito Obxectivos, co que se pretende "erradicar a pobreza extrema e a fame" e reducir á metade, entre 1990 e 2015, a proporción de persoas que sofren fame e de persoas cuxos ingresos son inferiores a un dólar diario. O número de pobres entre a poboación activa aumentou en 215 millóns e estímase que para finais de 2010, uns 64 millóns de persoas agregaranse a quen xa viven na pobreza, segundo o informe do Grupo de Traballo, elaborado por organismos como Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional (FMI), UNICEF, Programa de Nacións Unidas para ao Desenvolvemento (PNUD), Programa Mundial de Alimentos (PAM), Unesco, Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE) e Organización Mundial da Saúde (OMS), entre outros moitos. Organismo, a maioría, directamente implicados na consecución da actual crise.
Un obxectivo marcado "sine die"
Un dos Obxectivos máis ambiciosos -o único para o que non se fixaron prazos- é o oitavo, cuxo propósito xenérico consistía en "fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento", desenvolver un sistema comercial e financeiro aberto e afrontar de xeito integral os problemas da débeda dos países en desenvolvemento.
O Obxectivo oitavo foi particularmente sensíbel á crise económica. O informe do Grupo de Traballo revela que a proporción de axuda ao desenvolvemento respecto do ingreso nacional bruto dos estados doantes foi do 0,31 por cento, moi por baixo do 0,7 por cento acordado por Nacións Unidas, que só alcanzaron ou superaron cinco países doantes: Dinamarca, Luxemburgo, Países Baixos, Noruega e Suecia.
A axuda oficial ao desenvolvemento bilateral para África foi en 2009 de 28.000 millóns de dólares, o que supón un incremento do tres por cento en termos reais respecto ao ano anterior. Só a rexión subsahariana recibiu 25.000 millóns de dólares, un aumento do cinco por cento. Os principais doantes en 2009 foron, por volume, Estados Unidos (28.665 millóns de dólares), Francia (12.431 millóns), Alemaña (11.982 millóns), Reino Unido (11.505 millóns) e Xapón (9.480 millóns). O sexto país da lista é España, con 6.571 millóns. No entanto, os cinco países que superaron o 0,7 por cento do seu PIB en axuda ao desenvolvemento foron aqueles outros ben distintos. Os maiores incrementos, en termos porcentuais, rexistráronse en Noruega (17,3 por cento), Francia (16,9), Reino Unido (14,6), Corea do Sur (que se incorporou ao CAD o 1 de xaneiro deste ano, cun 13,5), Finlandia (13,1), Bélxica (11,5) e Suíza (11,5).
Os Estados máis ricos esquecen a iniciativa
A AOD de Estados Unidos experimentou un aumento do 5,4 por cento, pero a súa axuda total, de 28.665 millóns de dólares, só equivaleu ao 0,20 por cento do PIB, moi por baixo do 1,12 de Suecia, do 1,06 de Noruega, do 1,01 de Luxemburgo, do 0,88 de Dinamarca e do 0,82 de Países Baixos. A axuda oficial de Xapón descendeu un 10,7 por cento en termos reais, até 9.500 millóns de dólares, o 0,18 por cento do seu PIB.
DE PERTO O PPdeG recortou un 16,4% as xa baixas achegas do Bipartito até menos do 0,09% dos orzamentos
En dezaoito anos a Xunta de Galicia destinou á loita contra a pobreza menos do que lle correspondía achegar nun ano só se esta cumprise coa recomendación feita pola trixésimo cuarta Asemblea Xeral da ONU, aló polo 1980. A cantidade destinada á cooperación exterior entre os anos 1992 e 2010 é de pouco máis de 79.000.000 euros (coa entrega do 0,4% anual corresponderíalle donar máis de 230.000.000 euros, e co 0,7% tería que achegar preto de 412.000.000). "Estes case oitenta millóns, poden parecer moitos, pero representan tres veces menos do gastado até agora na Cidade da Cultura, e seis veces menos do custo estimado final", denunciaba na presentación do seu último informe a Coordinadora galega de ONGD.
E se xa por tradición somos a comunidade que menos lle achega á cooperación ao desenvolvemento, Galiza acadou no 2009 o annus horribilis da solidariedade internacional da Xunta. Entre o borrador do Plan anual presentado polo Bipartito en febreiro e o proxecto de lei de orzamentos 2010 elaborado polo actual goberno do PP, recortouse un 25% o orzamento previsto inicialmente.
En concreto, a redución nun 16,4 por cento da partida destinada para este ano, que representan "case dous millóns de euros menos" que a partida destinada en 2009 -uns 9,7 millóns de euros fronte aos 11,6 millóns de 2009-, polo que se retrocedeu a niveis de 2006 cun 0,086 por cento das contas de 2010 previstas polo Executivo autonómico. Ademais, trátase da cuarta partida que se viu máis recortada, "só superada por Cultura, Política Lingüística e Medio Ambiente".
No que se refire á cooperación, esta análise e ten que encadrarse, ademais, dentro do horizonte contemplado polo I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 no cal se contiña o compromiso de acadar o 0"4% dos cartos da Xunta ao final da lexislatura 2005-2009", explican.
Respecto do gasto en cooperación por habitante, Galiza é a comunidade autónoma "que menos diñeiro destina", 3,78 euros por habitante ao ano -inferior a Asturias, Andalucía ou Valencia, quen arrastran tamén un déficit histórico na materia- e, en comparación co total do Estado, o recorte producido "duplica" o do Goberno central.
Asisten 140 xefes de Estado e de Goberno
Os principais líderes mundiais reuniranse hoxe na sede de Nacións Unidas coa misión de renovar a promesa feita hai dez anos no Cume do Milenio de erradicar a fame e a pobreza extrema para o 2015. O organismo espera a asistencia de preto de 140 xefes de Estado e de Goberno ao cume sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), organizada polo seu secretario xeral, Ban Ki-moon. Entre os dignatarios que acudirán á cita están o presidente de EEUU, Barack Obama, así como o de Francia, Nicolás Sarkozy, ademais do xefe do Goberno do Estado español, José Luis Rodríguez Zapatero, e a maior parte dos líderes latinoamericanos, aínda que faltarán algúns como o presidente de Brasil, Luiz Inacio Lula da Silva, e aínda non confirmaron outros como o presidente venezolano, Hugo Chávez.
Fuente: Galicia hoxe




