"Mórrese indignamente"

Nos hospitais españois non se axuda a morrer con dignidade e existe o encarnizamento terapéutico. Esta é a tese que defende o doutor Luis Montes, que se viu implicado hai cinco anos nun dos maiores escándalos da sanidade pública tras ser acusado de 400 eutanasias. Despois ser convertido en personaxe popular pola "dereita máis ultraxante deste país", segundo as súas propias palabras, o xuíz arquivou o caso. Tras o pesadelo vivido, Montes aumentou aínda máis o seu compromiso co "Dereito a unha Morte Digna", asociación que preside. Dende este grupo, o que pertencen entre 250 e 300 persoas en Galicia, o doutor mantén unha loita incesante polos dereitos dos pacientes ante a negativa dos médicos "especialmente paternalistas" a levar a cabo estas prácticas. Onte estivo na Coruña invitado pola Asociación de Mulleres contra o cancro de mama "punto e seguido" para falar sobre a Dispoñibilidade da propia vida.
O galeno, que actualmente é anestesista do Hospital Severo Ochoa de Leganés, explicou as tres situacións que se poden dar cando falamos de morrer sen dolor. Por un lado está o rexeitamento ó tratamento, que é a limitación do esforzo terapéutico (supón permitir a morte). Outro trance é cando os síntomas da morte están presentes e cursan con terribles sufrimentos, é dicir, a agonía (axudar a morrer). Finalmente está a petición voluntaria de axuda para finar, por exemplo, nunha enfermidade crónica, que se fixo insoportable por dolores físicas e psíquicas, (dar morte).
Como actúan os médicos ante estas situacións?. O doutor Montes é taxativo ó afirmar que a aptitude médica non sempre é a correcta: "A miña opinión é que nos hospitais non se limita o esforzo terapéutico, axúdase moi pouco a morrer e en escasas ocasións, a menos que sexa un amigo, se dá morte". Si é certo, apunta, que cada vez máis a profesión de está sensibilizando co tema e xa se empeza a falar dos tratamentos inútiles e desproporcionados, do bo morrer, da sedación na agonía ou dos tratamentos dos síntomas refractarios. Porén "están entranto pouco a pouco xa que partimos dunha situación na que a relación médico-paciente é paternal e a ninguén lle gusta perder poder".
Actualmente só un 20 por cento dos pacientes morren no seu domicilio ou en unidades de cuidados paliativos e o 80% ocorre en hospitais de agudos co seu consecuente "encarnizamento terapéutico". Esta practica o único que produce é un alongamento da vida sen producir ningún beneficio para o enfermo. "Iso é mala práctica médica e é terrible", lamenta.
Para axudar a morrer dignamente se teñen que dar circunstancias claras, como é a terminalidade, que a morte esté presente, que voluntariamente esté solicitada (por el se é competente ou polos familiares), e que se pida de forma reiterada. "Non é unha circunstancia conxuntural por unha situación de estrés. Estamos falando dun trance onde a súa vida non é digna e entón solicita axuda". Montes insiste na idea: "É un dereito do paciente" aínda que recoñece que moitas veces teñen que "pelexalo" e "conquistalos".
Para paliar este tipo de situacións recomenda o "Testamento Vital" que se inclúe dentro da historia clínica e con el "pódese facer que un paciente se durma, que morra sen sufrimento". Asegura que este documento de instruccións previas xunto coa unidade familiar é a decisión do paciente e "non se pode saltar así como así". Para finalizar lembra que o "bo morrer" non é de dereitas nin de esquerdas, de católicos ou non católicos (hai poucos relixiosos que vivan estoicamente a morte, di) senón que é algo universal: "É inevitable que se queira morrer co maior confort posible".
TESTEMUÑO Codesal: "Aínda que pasei por un cancro nunca o pensei"
Victoria Codesal Bermudez de Castro dá o seu testemuño a este xornal dende o punto de vista dunha paciente e familiar de pacientes afectados por un cancro. Primeiro quere transmitir unha mensaxe de esperanza a todos os afectados. "Desta enfermidade sáese e sáese ben, se problemas" pero, asegura "tampouco podemos obviar que existen situacións moi complicadas que precisan máis apoio". "Eu quero reivindicar a axuda que precisan os familiares para a aceptación do proceso", afirma. Lamenta que cada vez o cancro de mama afecta a xente máis nova e "é moi duro de superar". Victoria Codesal explica que ela non é membro da asociación "Dereito a unha Morte Digna", e que non coñece as súas propostas a fondo. Pero en principio non está de acordo coa súas ideas aínda que "son moi respectables". "Unha malia pasar por un cancro nunca pensa nisto, creo que non é preciso. Na miña familia non foi necesario". En todo caso ,si di estar co dereito das persoas a morer dignamente.
Rexistro de instrucións previas
En Galicia existe un documento demoninado "Rexistro Galego de Instrucións Previas" no que calquera persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre aquelas actuacións médicas a recibir ou non, co fin de que esta sexa respectada e cumprida no momento en que por determinadas circunstancias non sexa quen de expresala persoalmente. Pódese atopar na dirección www.sergas.es e nel explícase en que consiste e como asinalo:
Cal é o contido deste documento?
O documento deberá ter instrucións e opcións arredor dos coidados e do tratamento da saúde da persoa outorgante, chegada unha situación en que polas circunstancias non sexa quen de expresala persoalmente. Tamén sobre o destino do corpo e dos seus órganos, unha vez chegado o falecemento. Neste documento pode aparecer o nome dun representante do outorgante, para que, chegado o caso, actúe como interlocutor co médico ou co equipo sanitario na procura do cumprimento das instrucións previas.
Que é ou Rexistro Galego de instrucións previas?
É un rexistro dependente da Consellería de Sanidade, no cal os outorgantes poderán inscribir o seu documento de instrucións previas, ou se é o caso, a súa substitución ou a súa revogación.
Cal é a función?
A finalidade é facilitar o coñecemento da existencia do documento de instrucións previas ós profesionais que prestan a asistencia sanitaria. A ausencia de inscrición non impide a súa aplicabilidade no ámbito sanitario.
En que circunstancias se pode acceder?
Chegada unha situación en que o paciente non sexa quen de expresar persoalmente a súa vontade, o médico ou o equipo sanitario que presta a asistencia deberán acceder ó rexistro para comprobar a existencia ou non dun documento de instrucións previas. Tamén deberán verificar se foi inscrito un documento con data posterior.
FRASES
Luis Montes, doutor
"O "bo morrer" non é de dereitas nin de esquerdas, de católicos ou non católicos (hai poucos relixiosos que vivan estoicamente a morte), senón que é algo universal", asegura.
Victoria Codesal, paciente
"Eu malia pasar por un cancro nunca pensei nisto, creo que non é preciso aínda que para min todas as ideas son moi respectables", apunta.
ROSA RODRÍGUEZ /Galicia hoxe




