Crise para tempo
Galicia ten crise para tempo. Esta é a conclusión do Consello Económico e Social (CES), que onte presentou a Memoria do 2009, exercicio que cualificou como "desastroso no económico". A pesar desta radiografía negativa, a comunidade comezou a rexistrar síntomas de mellora, de aí que o 2011 será mellor que este 2010, aínda que non se poderá falar dun cambio de tendencia. Así o confirmou o presidente do CES, Pablo Egerique, na presentación dun informe que tamén rebela unha "preo- cupante" deterioración do mercado laboral, no que destaca a "intensa destrución do emprego e a multiplicación dos expedientes de regulación". Segundo recolle a memoria, Galicia perdeu nun ano 48.000 empregos -fundamental no sector industrial, con preto de 22.000-, o que incrementou o paro masculino por ser un sector tradicionalmente vinculado a este sexo. Ademais, un total de 40.500 galegos pasaron a depender de prestacións públicas, o 86% deles da paga do paro, co que o número total de prestacionistas, incluídos os xubilados, se situou en 924.000 galegos.
A Xunta popular gastou 1.553 millóns máis dos previstos
Xunto coa situación económica da comunidade, o CES entrou a valor a execución orzamentaria de 2009, ano do cambio na Xunta, cando o equipo de Alberto Núñez Feijóo detectou un buraco de 1.200 millóns de euros. Segundo o CES, "os gastos non financeiros executados en 2009 foron superiores en máis de 1.553,1 millóns ós previstos inicialmente" o que unido á caída de ingresos pola crise "explican un resultado negativo de 2.138 millóns. Ademais, destaca que o gasto corrente foi de 441 millóns superior e o de capital uns 746 máis.
O Consello Económico e Social tamén se referiu ó AVE, do que cre que chega cunha "grave demora" a Galicia. Especialmente a liña que debería chegar dende Portugal, paralizado tras sete anos en espera e sen visos de reactivarse.
Lograr fondos europeos máis alá de 2013, clave para obras
Neste sentido, o presidente do CES dexoulle a Feijóo un resultado positivo na súa viaxe institucional a Bruxelas, durante a que se exporá a necesidade de que Galicia continúe recibindo fondos da UE tras 2013. "Ogallá que a xestión sexa positiva e logre eses fondos", pois sen eles haberá "actuacións imposibles", sobre todo en infraestruturas, dixo. Egerique volveu destacar onte que a infraestrutura é vital para o desen- volvemento de Galicia, polo que confiou en que estea en marcha en 2015. "Eu estaba convencido de que en 2015 a conexión coa Meseta sería unha realidade", recoñeceu, e cre que "parece que vai haber un concurso público monstruoso e o 100% do AVE estará adxudicado: con catro anos, se hai financiamento e co se leva feito, hai tempo".
Respecto das críticas a que a Xunta recorra ó financiamento público-privado, Egerique amosouse neutral pero non a rexeita: "Nunha época de crise coma esta, recorrer a financiamento privado pode ser perfectamente viable", dixo para logo engadir que podería ser vital para que Galicia non perda o tren da modernidade.
FUTURO FINANCEIROMAFO ve vital que as caixas reduzan a rede de oficinas
As caixas deben constituírse antes do Nadal e reducir a súa rede de oficinas. Así o esixiu onte o gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordoñez, quen asegurou que hai que incidir no reordenamento do sistema financeiro, polo que lles esixiu ás caixas que recibiron diñeiro público para fusionarse ou crear alianzas que dean a coñecer antes de Nadal os seus consellos e novos equipos executivos. Na súa intervención no X Encontro Financeiro Internacional Caja Madrid, Fernández Ordóñez tamén explicou que o resto de entidades que non foron axudadas "tampouco poden quedar quietas" polo que avogou por reducir custos, aumentar a eficiencia e contrarrestar no posible os menores beneficios.
Entre os principais retos que debe afrontar o sector financeiro español, Ordóñez citou a redución das redes de oficinas, algo que cualificou de "imperativo" sobre todo para as caixas de aforros, inmersas nunha profunda reestruturación que afecta a 40 das 45 que integraban o sector en 13 procesos ou unións. Ademais, mostroulle o seu apoio ó proceso de bancarización, instando as fusionadas a que formen bancos antes do Nadal.
En canto á calidade dos activos da banca, outro dos retos do sector, non descartou que a morosidade siga repuntando nos próximos meses. Tamén se mostrou convencido de que as entidades españolas teñen suficiente fortaleza para absorber as perdas hipotéticas derivadas da súa elevada exposición ó sector inmobiliario, como demostraron as probas de solvencia publicadas o verán pasado.
Fuente y autor: SANTIAGO R. LIZCANO /Galicia hoxe




