PSDeg-PSOE denuncia que Feijóo ten pechados 21 centros de día que lle deixou rematados o anterior Goberno

O secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, acusou omte a Feijóo de poñer a Galicia "á cola de España" en atención aos dependentes e de incumprir o seu compromiso de construír un centro de día en cada un dos 244 concellos con máis de 1.500 habitantes de Galicia. "Non só non foi capaz de cumprir o que prometeu (non construíu ningún centro de día), senón que dos 30 centros que lle entregou rematados o anterior Executivo, hai case dous anos, 21 seguen pechados".
Vázquez fixo esta denuncia na súa intervención na sesión de control do Pleno do Parlamento, na que acusou a Feijóo de ser "un desastre" na xestión de Galicia "porque nin é capaz de facer o que prometeu nin de sacar adiante o que lle deixou o anterior Goberno".
O líder socialista aludía deste xeito ao compromiso de Feijóo de construír un centro de día en cada concello galego de máis de 1.500 habitantes, en total 244 concellos. Preguntou a Feijóo cantos centros de día construíu dos 244 que prometeu dende a súa chegada á Xunta, e dado que o presidente non respostou na súa intervención, o líder socialista lembroulle que "a resposta é cero centros".
Lembrou ademais que o anterior Executivo entregoulle ao Goberno de Feijóo 30 centros de día, "xa rematados e coa chave na man", dos cales 21 seguen pechados -os de Vilar de Barrio, Ares, Carballo, A Rúa, Cospeito, Ferrol- Caranza, Muros, Oleiros, A Bola, Nogueira de Ramuín, Maceda, Allariz, As Pontes, Vilagarcía, Cuntis, A Laracha, Ferrol-Esteiro, Vigo-Valadares, A Coruña-Eiris, A Coruña-Montealto e Manzaneda-. Os 10 restantes si foron abertos por este goberno, pero privatizándoos.
Non deixa de ser polo tanto unha tomadura de pelo, que ante a denuncia de que non construíu un so Centro de Día (pese a prometer 244) e que ten 21 pechados pese a estar rematados, anuncie novas prazas, que son as mesmas que incomprensiblemente mantén pechadas dende fai dous anos.
Vázquez acusou a Feijóo de colocar a Galicia "no terceiro posto pola cola de todas as comunidades en atención aos dependentes" e afirmando ademais "que só atenderán a 2.000 dos máis de 38.000 que están en espera". Por elo pediulle a Feijóo "que deixe de facer postureo por España e se dedique a presidir este país".
Contratacións baixo sospeita
Pachi Vázquez acusou a Feijóo de non practicar "nin ética, nin austeridade, nin xestión" na súa política sanitaria e de poñela "baixo sospeita" con continuas irregularidades. Entre estas, citou as irregularidades nas oposicións ao Sergas, "con opositores que se examinan a si mesmos, familiares directos de directivos do Sergas que sacan as mellores notas ou a colocación do marido da xerente do Sergas no cargo de xefe de ciruxía do CHUS".
A isto engadiu que "ademais de ser ela xerente do Sergas e nomear a dedo a parte dos membros da comisión para colocar ao seu marido xefe de ciruxía no CHUS, agora sábese que a súa filla traballa na consultora que vai adxudicar a construcción do Hospital de Vigo, e que foi contratada tamén polo Sergas".
Este feito súmase a outras contratacións baixo sospeita do Goberno de Feijóo, entre elas á da empresa Atos Origin, da que é directiva unha sobriña do "pai político" de Feijóo, Romay Beccaría, e á que a Xunta adxudicou 4 millóns de euros, moitos deles sen publicidade.
Do mesmo xeito, a compañía Vueling, dirixida polo ex ministro do PP Josep Piqué, recibiu directamente do Goberno de Feijóo 4,5 millóns de euros en subvencións para promocionar vós de baixo custo, máis outros 2,5 millóns para a promoción do Xacobeo, en ambos casos sen concurso público. Tamén Carat España, vinculada co ex secretario de Estado do PP, Miguel Ángel Rodríguez, recibiu 7 millóns de euros para a elaboración do Plan de Medios do Xacobeo.
Na mesma liña, as empresas Tecnoma e Typsa, propiedade do ex conselleiro desta área no último goberno de Fraga, Carlos del Älamo, recibiron contratos da Xunta por importe de 1,6 millóns de euros a través da Consellería de Medio Ambiente que dirixe agora Agustín Hernández.
Por todo elo, Vázquez incidiu en que "a falla de ética, transparencia e austeridade" é o que caracteriza ao Goberno de Feijóo, e preguntoulle directamente si "é certo ou non que a filla da xerente do Sergas traballa na consultora que adxudicará o hospital de Vigo" sen que Feijóo o negase.




