A Coruña: O Concello consolida a súa aposta pola educación cun grande investimento para programas, melloras en centros escolares e ampliación da rede de escolas infantís

Os orzamentos municipais para o 2011 demostran e ratifican o compromiso do Concello coa educación, A Coruña como cidade educadora, promovendo a mellora da calidade di sistema educativo. Cunha media de oito millóns de euros ao ano dedicados á educación, para novas escolas infantís, continuas melloras nos colexios e unha grande aposta por programas educativos nos que participan cada día máis de 600 escolares.
Para o goberno municipal, o investimento en educación é o máis rendible para garantir o progreso da Coruña. Por iso invístese en programas educativos, e apóstase pola formación en valores, financiar actividades de lecer e lúdicas, así como programas que fomentan o deporte, o teatro, a lectura, a música e outros, porque a formación e a educación dos nenos e nenas é máis rendible a medio e longo prazo, xerando inquietude para aprender e para participar. Por iso, un ano máis, o Concello mantén o seu alto compromiso coa educación e cos diferentes programas que chegan a todos os barrios e a todas as familias.
O tenente de alcalde de Educación, Carlos González-Garcés, presentou os orzamentos da Área de Educación para o próximo ano, que estarán destinados ao mantemento e á mellora de centros escolares, a manter a maior rede de escolas infantís municipais de Galicia, a novos proxectos como a futura escola infantil de Pedralonga, a un amplo programa educativo para completar a formación dos nenos e mozos coruñeses e para lles axudar ás familias a conciliar a vida laboral e familiar, e a colaborar con diversas entidades da cidade.
O Concello reforza o seu compromiso social e educativo cun incremento medio de arredor do 30%.
Principais proxectos educativos
1-Grande investimento en Escolas Infantís Municipais: 1 millón de euros cada ano para subvencionar os postos escolares nas escolas infantís municipais. Ofrécense 640 prazas nesta rede pública, duplicando as prazas que oferta a Xunta de Galicia, que é a administración competente.
2-Luditarde e actividades extraescolares: 1,3 millóns de euros invístense cada ano nos programas educativos, nos que participan máis de 600 escolares cada día. Ademais de Luditarde, hai diversos programas para que os escolares coñezan a cidade, deporte, música, teatro etc.
3-Bolsas comedores escolares: A achega municipal para este programa aumenta case un 50%, son 358.000 euros, benefícianse máis de 500 familias. Favorece a conciliación laboral e familiar, á vez que se apoia a formación dos nenos e novos.
4-Aprender en USA: 237.700 euros para o próximo ano, o investimento increméntase. 42 alumnos por ano e xa son 386 os que pasaron por este programa municipal pioneiro, que lle permite ao alumno realizar un curso escolar nos Estados Unidos.
5- Madrugadores: 28.000 euros de achega municipal para o próximo ano. Participan 289 alumnos, en nove centros escolares da cidade, co que se reforza o compromiso con este programa. Madrugadores é un servizo de almorzos e atención aos escolares de centros públicos de Educación Infantil e Primaria antes do inicio das clases polas mañás e durante o curso escolar. É unha iniciativa para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, ademais de complementar os servizos que se prestan nos colexios da cidade.
Principais investimentos para o 2011
1- Escolas Infantís Municipais: Medio millón de euros para a futura escola infantil de Pedralonga, que conta cun orzamento global de 1,2 millóns de euros. Aproveitarase o edificio do antigo CEIP de Pedralonga para crear un novo centro de Educación Infantil de 0 a 3 anos, cumprindo a demanda da cidadanía e ampliando a REIM (rede de escolas infantís municipais). Ademais, o próximo ano abrirán as escolas infantís situadas no parque de Eirís e na ronda de Monte Alto, froito do convenio entre Concello e Xunta.
2- Melloras en colexios: 1,4 millóns de euros para diversas obras de reparación e melloras nos centros escolares da cidade. Nos últimos anos, o Concello destinou tres millóns de euros de investimento para renovación, melloras e construción de patios cubertos.
Outras iniciativas
Escola Municipal de Música. Achega de 304.000 euros para a Escola Municipal de Música, para consolidar o desenvolvemento desta escola. Fíxanse os obxectivos de manter o número de alumnos estables, reforzar o sistema de avaliación anual dos alumnos, recuperar o intercambio anual establecido coa Guindhall School of Music and Drama de Londres e organizar o XI Seminario de Jazz e establecer master clases e seminarios ao longo do curso académico coa colaboración dos compoñentes da Orquestra Sinfónica de Galicia. A escola conta con 657 usuarios.
Achega á UNED. Un ano máis, o Concello colaborará coa UNED, neste caso cunha achega de 95.000 euros para a promoción educativa.
Convenios con diversas entidades. 19.000 euros para convenios de colaboración con entidades como Escola Universitaria de Relacións Laborais e a Fundación Universidade A Coruña.
Novo convenio con Ecodesarrollo Gaia. O Concello asinará coa ONG Ecodesarrollo Gaia un convenio polo que esta asociación se encargará de emprender unha campaña e actividades de sensibilización nos colexios da cidade, para informar os escolares sobre os problemas do Terceiro Mundo e, especialmente, a situación en África. A achega inicial será de 5.000 euros.
Actuacións realizadas neste mandato
O Concello da Coruña demostrou o seu compromiso coa educación impulsando programas pioneiros como Aprender en Usa e un amplo programa educativo para axudar ás familias e favorecer a conciliación. Ademais, constituíuse unha gran rede de escolas infantís municipais. Entre as últimas iniciativas, destaca a renovación de todos os parques infantís dos colexios da cidade, cun investimento de medio millón de euros.
Ademais, o goberno municipal cubriu 18 patios de colexio, 9 deles neste mandato, cun investimento de 1,5 millóns. A Xunta de Galicia, dentro do convenio subscrito no 2007, cubriu dous e ten pendentes sete.




