A saída galega: redistribución competencial e descentralización
Declaraba onte o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, que "a un non lle deixa de facer graza" escoitar voces como a do ex presidente do Goberno central, o popular José María Aznar, "clamando contra non se sabe que desastres que supoñen as comunidades" cando foi o seu Executivo o que transferiu "competencias en educación e sanidade que, probablemente, non lle estaba a pedir ninguén" na súa idea de "fagamos café para todos, para que así ninguén se diferencie". O líder dos nacionalistas galegos arremetía onte contra a idea amosada nos últimos tempos por parte non só de Aznar, senón tamén doutros cargos do PP e incluso, aínda que non tan claramente, do PSOE e de elites económicas como o gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, que apostan por levar a cabo unha reforma do actual Estado das Autonomías para poder controlar mellor o gasto das comunidades e así activar mecanismos que lle permitan a España saír mellor da actual crise na que está inmersa. Mentres a maioría destas polémicas voces apuntan a que habería que camiñar cara a un recorte autonómico e unha maior recentralización, en Galicia, xa antonte, toda a clase política pechaba filas e defendía que precisamente, a saída, estaría nunha maior descentralización e nunha redistribución de competencias para evitar as continuas duplicidades entre os diferentes niveis administrativos.
Destacados catedráticos universitarios, así como sindicalistas, economistas, politólogos, valoran para GH a que obedece este debate alimentado nos últimos meses, cando no resto do Estado non se deixa tampouco de falar sobre o asunto. Onte mesmo, afirmaba o presidente canario, Paulino Rivero,que é "un auténtico disparate" pensar que pode haber un cambio dun modelo de Estado descentralizado a un sistema centralista.
O ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, afirmou que a Aznar "nunca lle gustou" o Título VIII da Constitución, que versa sobre a organización territorial do Estado, polo que as súas palabras sobre a "inviabilidade" do Estado autonómico non lle sorprenderon "en absoluto". Fronte a Aznar, Caamaño declarouse partidario da "descentralización" e avogou por fomentar a cooperación institucional co obxecto de evitar duplicidades e gastos "innecesarios ou non eficientes".
O presidente do PP, Mariano Rajoy, asegurou onte que o seu partido non se formula que o Estado recupere competencias das CCAA pero cre que o Estado das Autonomías "pode ser mellorable" e que hai que emprender reformas centradas en fixar un teito de gasto, garantir a igualdade dos españois e a unidade de mercado.
"Sentido común e federalismo cooperativo"
Luis Caramés defende que "o Estado das Autonomías empezou a súa andaina con algúns lastres, que xa permitían albiscar unha dinámica de duplicación de gastos. Fíxose moi rápido, porque as circunstancias acuciaban. Xeneralizouse, teitos competenciais incluídos, cando puido facerse unha combinación de descentralización e autonomía máis profunda para as chamadas comunidades históricas. Tamén se mimetizou a estrutura administrativa do Estado, desaproveitando a ocasión de montar unha administración máis áxil e menos burocratizada. Se a eles engadimos que os sucesivos gobernos centrais pouco fixeron por adelgazar ministerios con poucas competencias e que moitas Comunidades Autónomas creron vivir nun tempo infinito de vacas gordas, agora, coa crise, todos son milagres taumatúrxicos. Pero a estrutura do Estado é perfectamente viable, se se fai o que se ten que facer, cun pouco máis de federalismo cooperativo e moito máis aínda de sentido común", conclúe.
"A reforma do Estatuto segue pendente"
Para o secretario xeral de CCOO de Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, "repensar o modelo autonómico non é o tema que nos debe preocupar actualmente, senón combater a crise económica que padecemos e aprobar medidas para fomentar a creación de emprego".
Ó preguntarlle sobre a posibilidade de que o Estado recupere competencias nun proceso de recentralización, Sánchez Aguión amosa a súa máis "enérxica oposición", e observa en tales movementos "un elemento máis de confrontación".
En palabras do dirixente sindical, o actual sistema autonómico é "unha conquista histórica da cidadanía", e calquera modificación "debe ir na liña de incrementar esa autonomía". No caso particular de Galicia, lembrou que temos "un tema pendente que recolle a Constitución", isto é, "a reforma do noso Estatuto, pois somos das poucas comunidades autónomas en que esta norma non foi mellorada nos últimos anos".
"Foron unhas afirmacións estúpidas"
Barreiro Rivas considera que "non hai debate". "Só hai unhas manifestacións que saen, nin sequera do PP, senón dalgúns líderes do PP, e que desde o meu punto de vista só teñen por obxectivo crear unha sensación de catástrofe que axude a outras sensacións de catástrofe. Son unhas afirmacións esencialmente estúpidas que non teñen en conta para nada nin a realidade do país nin a historia das autonomías nin ningunha intención programática cara ó futuro. Só é unha fórmula electoral que eu evidentemente non comparto".
Sobre Zapatero, asegura que o presidente do Goberno central "non está propoñendo unha intervención para as CCAA distinta da que está aplicando xa o Estado. Temos que aceptar que estamos nun momento de crise e a convicción de que o rigor da Administración nos recursos, a homoxeneidade das políticas fiscais, é un ben que transcende ó Estado mesmo. Outra cousa é unha recentralización de competencias a prol dun concepto do Estado do que Zapatero non falou para nada".
"A dereita sempre tira para o monte"
"Algunhas duplicidades innecesarias deberían ser eliminadas, pero en prexuízo da Administración central", defende Xusto Beramendi, quen lembra que hai ministerios "que están bastante baleiros de contido co proceso autonómico, como Cultura ou Vivenda ou Educación", di, "sen contar coa cantidade de delegacións provinciais que son innecesarias". Por iso, di ser partidario de "ir cara a unha maior descentralización e facer un estado autenticamente federal, pero a dereita española sempre tira para o monte". De todos os xeitos, advirte que Aznar, "cando dependía dos votos de Pujol e do PNV non falaba". "Aznar está resentido, é un deus destronado, é o que sabe todo e o que ten ciencia infusa e agora ten que falar mal de todo o que hai para seguirse sentindo importante", denuncia. Para saír da crise, receita "facerlles pagar ós responsables dela -ós especuladores, os bancos, etc- os pratos rotos en vez de facérllelo pagar ós demais e cambiar o modelo produtivo, algo que non ten que ver coas CCAA".
"Reformular para ser mellor e máis barato"
Blanco Valdés explica que "este debate político é novo, pero o debate profesional é vello". "Hai moito tempo que os sociólogos, politólogos e xuristas veñen discutindo a necesidade de introducir cambios no modelo autonómico que permitan que funcione mellor e que o modelo sexa sostible, porque hai un acordo moi amplo en que é un modelo moi caro". "O Estado Autonómico medra dunha maneira desordenada, a impulsos políticos, a descentralización faise de xeito desigual e é evidente que hai que mellorar o funcionamento do sistema e rebaixar o seu custo e eliminar duplicidades". Para este experto, "a crise fai que o sistema poida acabar entrando en crack, con CCAA con amplísimas competencias e con capacidade para endebedarse como están todas". Para el, este debate refírese de verdade á "necesidade de remodelar o Estado todo, temos 8.000 municipios e debería haber moitos menos, se cadra non é necesario que existan deputacións, hai que mellorar a eficiencia do sistema".
"Gobernos próximos ós cidadáns"
Bastos di non estar a favor de recentralizar o Estado porque "non hai ningunha proba de que funcione mellor que un descentralizado e gaste menos". "Dentro de Europa, os Estados descentralizados absolutamente como Suíza non funcionan peor que centralizados do estilo de Portugal", exemplifica. O problema, para el, é que "hai que evitar duplicidades, pero cuestiona "por que teñen que estar as competencias no Estado central". "Por que o que sobra é a Autonomía e non o Estado central?", pregunta.
Considera que unha maior descentralización axudaría a encarar mellor a crise económica "se está ben feita, sobre todo porque se establecerían sistemas cun Goberno máis próximo ós cidadáns. Se se compite por prestar mellores servizos e cobrar o menos posible sería positivo e faría funcionar ben", di. Cre que o debate actual "é normal, forma parte do xogo político", e di que a "ideoloxía xacobina é de esquerdas, polo que lle estraña ver o PP defendendo ideoloxías xacobinas".
ROSABEL CANDAL /Galicia hoxe




