Desnutrición: hai esperanza
![Logo_Web[1].jpg](http://www.xabierpita.es/2011/02/11/Logo_Web%5B1%5D.jpg)
Con mil millóns de famentos no planeta e o cumprimento dos Obxectivos de desenvolvemento do Milenio máis que atrasado, non parece factible falar de sinxelas receitas para combater a desnutrición. Pero é posible, e países como Brasil ou Mozambique dan boa conta diso. No primeiro deles, a cifra de famentos reduciuse á metade nas últimas dúas décadas. No segundo, a malnutrición aguda pasou de afectar ao 8% da poboación en 1995 a unha incidencia do 4 por cento no 2003. O segredo: políticas eficaces e un adecuado investimento por parte de países que souberon poñer a loita contra a desnutrición na lista de prioridades das axendas. E que actuaron en consecuencia.
O informe Undernutrition: What works? (Desnutrición: Que funciona?) da organización non gobernamental (ONG) Acción Contra el Hambre desvela algunhas das claves da loita contra a fame.
Brasil, Perú, Mozambique, Malawi e Bangladesh. Eses son os cinco países que exemplifican a viabilidade de tan ambicioso, e igual de necesario, obxectivo: en todos eles conseguiron baixar a ratio de afectados pola falta de nutrintes. Os Gobernos dos diferentes estados do mundo quedan, xa que logo, sen excusa para reducir desde xa as disparadas taxas de desnutrición que aínda se rexistran. "Calquera país pode reducir a fame se prioriza a nutrición", asevera Morwenna Sullivan, consultora de Acción Contra en Hambre, quen se pregunta por que, existindo esas exitosas vías, non se implementan este tipo de intervencións de forma sistemática".
"O crecemento económico non abonda para combater a desnutrición", engadiu a experta na recente presentación pública do informe, á vez que defendeu que "o que necesitamos é un equilibrio entre entre seguridade económica e un maior investimento en prácticas nutricionais xa comprobadas", engadiu, para concluír cun aviso: "Se queremos tratar de resolver a desnutrición, temos que tomar medidas xa"
Por que, coñecendo a receita -contrastada- para combater a fame, non se aplica nos países nos que a xente falece por non ter nada que levar á boca? "Por falta de vontade política", resposta Amador Gómez, director técnico de Acción Contra el Hambre. "Sempre dixemos que a fame é política. Non hai razóns que xustifiquen que mil millóns de persoas sigan en situación de fame", asegurou o representante da ONG nunha conversa con GH.
Ao igual que a súa colega Morwena Sullivan, Gómez destaca como "calquera das experiencias destes cinco países que contempla o informe poñen de manifesto que cando existe vontade política para priorizar a loita contra a fame, e se fai ademais un esforzo mantido" nese camiño, "é posible -explica- reducir o impacto da fame. Se non se avanza é porque non hai vontade". De entre todos os países do mundo, e segundo as cifras que manexa Acción Contra el Hambre, os da área de África subsahariana son as que teñen as porcentaxes máis elevadas de famentos. Pola contra, en números absolutos é a India a que se atopa á cabeza desta lacra.
Semella, con todo, un reto difícil pensar en alimentar tantos millóns de famentos, en plena crise de prezos alimentarios; ou formularse un maior investimento en plans para paliar a desnutrición, cos países inmersos nunha tan complicada coxuntura económica. Pero Amador Gómez rebate este argumento que, de entrada, tan lóxico parece.
"Debemos velo como unha estratexia de futuro", explica o director técnico de Acción Contra el hambre. A fame e a desnutrición son, explica, "unha pesada hipoteca de futuro". E explica por que é así: "Estas novas xeracións en situación de fame e desnutrición son nenos que non van alcanzar o seu potencial de crecemento e de desenvolvemento intelectual, van ser adultos menos competitivos". A este respecto, argumenta a tese en base a estudos do Banco Mundial que "poñen de manifesto como a desnutrición acaba tendo un impacto no PIB de ata tres puntos". Así que, conclúe Amador Gómez, investir en desnutrición non é unha prioridade ética, é unha prioridade económica".
Os alimentos como un novo "recurso estratéxico"
Preguntado pola implicación dos grandes Estados e a proliferación de cumios de alto nivel -véxanse G-8 e G-20-, o representante da ONG recoñece que nos últimos tempos están adquirindo certa utilidade.
De feito, considera que "son un paso" tendo en conta que "ata hai pouco na súa axenda aparecían principalmente temas de seguridade mundial". Agora, "o feito de que apareza a agricultura nesa axenda é unha mostra de que, por un lado, o alimento se está convertindo no novo recurso estratéxico", e que, pola otra banda, "empeza a haber unha sensibilidade maior nos grandes líderes sobre a importancia que ten loitar contra a desnutrición se realmente queremos construír un futuro diferente para todos".
Amador Gómez maniféstase optimista: "Hai razóns para a esperanza nestes cumios", pero, matiza, "a loita contra a desnutrición non é cuestión só de retórica e grandes declaracións, o que hai que lembrarlles aos nosos líderes é que detrás fai falta o compromiso mantido no tempo, non só nun cumio ou nunha declaración, senón que a loi-ta contra a fame é unha carreira de fondo", advirte o experto.
A ONG Acción Contra el Hambre combate a desnutrición desde tres niveis: o do tratamento directo en casos xa constatados para que non avance o mal; de forma preventiva con estratexias de desenvolvemento agrícola para diversificar a produción agrícola, o acceso á auga potable e os coidados básicos de saúde; e a través dun traballo de incidencia nos diferentes gobernos.
Amador Gómez"O feito de que apareza a agricultura nesa axenda é unha mostra de que, por un lado, o alimento se está convertendo no novo recurso estratéxico"
"As novas xeracións en situación de fame e desnutrición son nenos que non alcanzarán o seu potencial de crecemento e de desenvolvemento intelectual, serán adultos menos competitivos"
Fuente y autor: LAURA CAMINO /galicia hoxe




