Golpe á corrupción
A Costa da Morte converteuse onte no novo epicentro dun posible caso de corrupción urbanística. Ata oito persoas -tres alcaldes, dous concelleiros e tres empresarios desta comarca coruñesa- foron detidas onte por presuntos delitos de suborno e prevaricación no marco da operación Orquestra, que investiga unha posible trama de corrupción urbanística e cuxas dilixencias están a cargo do Xulgado de Instrución número 2 de Corcubión en colaboración coa Audiencia Nacional.
Varios axentes da Unidade de Delitos Económicos e Fiscais interviron a primeira hora da mañá de onte os concellos de Cee, Mazaricos e Fisterra, onde se practicaron varios rexistros e cuxos alcaldes foron detidos, causando un auténtico sismo político na zona. Trátase do rexedor ceense Ramón Ramiro Vigo -que integra unha formación política independente pero goberna en coalición co PSdeG-, José Manuel Santos Maneiro -rexedor popular de Mazaricos- e do seu homólogo de Fisterra, José Manuel Traba Fernández, tamén do Partido Popular.
Unha construtora de Muxía centra as olladas
A eles súmanse dous edís e tres industriais da comarca: o empresario de espectáculos J.M. -dedicado á contratación de orquestras e á compra e venda de terreos- e ó propietario da construtora de Muxía, Daniel Ogando SL, e o seu fillo, que tamén traballo nesta compañía familiar que executaba varias obras na comarca. En total son oito detidos e están acusados de delitos de tráfico de influencias, prevaricación, suborno e falsificación documental, delitos que ratificou o xuíz nas últimas horas. Fontes policiais non descartan que se produzan novas detencións no marco dunha investigación que iniciada hai un ano.
O epicentro da operación atópase en Cee, onde un equipo de unidades especiais da Policía acudiu á primeira hora da mañá de onte en catro furgóns e iniciou un rexistro no Concello, impedindo o paso dos funcionarios ás dependencias municipais. Axentes da Policía Nacional sacaron pola porta de atrás do Consistorio ceense ó rexedor local, Ramón Ramiro Vigo. Sobre as 16.00 horas o alcalde saíu, sen esposas e escoltado pola Policía Nacional, pola porta traseira do Concello de Cee e foi introducido nun coche camuflado que o levou ata a comisaría da Coruña, onde tiña previsto pasar á noite. De xeito paralelo pola porta principal do Consistorio varios efectivos sacaron media ducia de caixas con documentación e introducíronas nunha furgoneta branca que se trasladou ata o xugaldo de Corcubión.
Ademais, onte pasadas as 16.00 horas saíu, acompañado por axentes, do xulgado de Corcubión o empresario de espectáculos J.M., detido no marco desta operación. Fontes consultadas por Europa Press comentaron que J.M. dedícase a contratar orquestras para eventos e tamén á compra e venda de terreos. Este arrestado foi introducido nun coche camuflado que abandonou o xulgado escoltado por un vehículo policial.
Supervisión da casa e coche particular
O xuíz de Corcubión, Andrés Lago Louro, que dirixe a operación, rexistrou onte o domicilio e o vehículo particular do alcalde Cee, Ramón Vigo, localizados ambos os dous nas proximidades da casa consistorial. Ás 14.10 horas, o maxistrado saía da casa consistorial onde permanecía e, acompañado por un axente xudicial, procedeu ó rexistro do vehículo, un Volkswagen Tuareg matrícula 1804-DMY, do que non requisou documentación ningunha, aínda que si tomou diversas notas. Posteriormente, o xuíz volveu ó Concello, onde continúan as dilixencias. Ás 14.30 horas, o xuíz volveu a abandonar a casa consistorial para dirixirse ó domicilio do alcalde, situado apenas a cincuenta metros do Concello, para iniciar o rexistro. O maxistrado ía acompañado por varios funcionarios xudiciais e dous policías nacionais. Mentres, a vicealcaldesa ceense intentou en balde entrar en dependencias municipais. A Policía Nacional, ademais de inspeccionar a vivenda do alcalde ceense, tamén efectuou rexistros no domicilio familiar dun construtor en Senande, en Muxía.
As unidades policiais acudiron ós tres municipios e entraron nos edificios para proceder a investigar distinta documentación. Así, no Concello de Fisterra, fontes municipais sinalaron que unha quincena de axentes acudiron en varios furgóns e tomaron o control do edificio. Algúns dos axentes penetraron no interior para levar a cabo unha investigación mentres outros permaneceron fóra para restrinxir o acceso, que indicaron descoñecer as razóns da investigación. Tamén no de Mazaricos fontes municipais dixeron que dez axentes acudiron ó edificio onde procederon a un rexistro. No comunicado que remitiron onte desde a Policía Nacional fontes da investigación apuntan que poderían seguir as detencións en próximas horas, e que a autoridade xudicial decretou o segredo do sumario, polo que a investigación se está levando no máis estrito segredo.
Á espera de pasar ante o xuíz
Os detidos no marco da operación Orquestra pasaron esta noite en dependencias policiais mentres proseguen as dilixencias abertas polo xulgado de Corcubión. Así o confirmaron fontes xudiciais, que ratificaron que onte non estaba previsto que ningún pasara a disposición du xuíz que coordina a investigación.
"Sorpresa" na familia Ogando
Fontes próximas á familia Ogando -donos da construtora investigada- recoñeceron a súa sorpresa polas detencións e recoñeceron un "total descoñecemento" dos delitos que se lles imputan. "Non entendo por que están facendo isto", díxolle a Europa Press un dos achegados á familia.
Os edís, ás portas dos Consistorios
A vicealcaldesa de Cee, Amancia Trillo, e o voceiro do BNG, Daniel Oca, tiveron que seguir o operativo desde as portas do consistorio. A primeira só puido acceder á segunda planta, a pesar de que lle solicitou permiso á Policía en varias ocasións para acceder ó seu despacho, cuestión que os axentes non lle permitiron.
Expectación entre os veciños
En torno ós tres consistorios congregáronse durante toda a mañá de onte numerosos veciños para interesarse polo sucedido. A maioría non saía do seu abraio e en Cee as opinións eran moi variadas. Mentres uns defendían a operación a prol da transparencia, outros víana como moi esaxerada.
Fuente: Galicia hoxe




