Novo atraso no AVE
O AVE resístese a conectar Galicia coa Meseta. A data do 31 de marzo, prazo máximo para impulsar a "macrolicitación" desta infraestrutura, adiarase polo menos quince días segundo confirmou onte o ministro de Fomento, José Blanco, se ben garantiu que "este ano estarán adxudicadas as obras" porque "o Goberno central vai cumprir" coa comunidade. Nunha visita a Lugo, onde inaugurou as obras da remodelada avenida de Madrid, recoñeceu que "haberá uns días de atraso" e lanzoulles unha velada pulla á Xunta e ó PPdeG: "Eu sei que algúns teñen un pouco de ansiedade por ver se collen o ministro nun renuncio, pero eu creo que se en lugar de contratar o 31 e marzo se contratano 15 de abril, creo que non pasa nada".
O lucense demandoulle ó Goberno galego, aínda que sen mencionalo en ningún momento, "máis comprensión" e "máis apoio" para axudar a cumprir o obxectivo da chegada da alta velocidade ferroviaria a Galicia. "Pido máis comprensión, máis apoio, máis axuda, facer máis e enredar menos, poñer menos cambadelas para que todas as etapas se poidan cumprir", reclamou, e dixo que cando el chegou ó Ministerio de Fomento cando se marcou "a meta" de conseguir que no ámbito de finais de 2015 a alta velocidade ferroviaria chegue a Galicia, un prazo que volveu garantir.
O tramo Lubián-Ourense, o gran desafío
Nesta liña, evocou que foi necesario "modificar" o proxecto herdado de Francisco Álvarez Cascos, "que non contemplaba unha entrada de AVE en Galicia", o que fixo necesario actuar nos tramos de Lubián a Ourense. Ó respecto, invocou que recentemente empeñou mesmo o seu cargo cos compromisos adquiridos para cumprir co obxectivo de que a finais de 2015 o AVE chegue a esta comunidade. A continuación, debullou o protocolo subscrito coa Xunta, onde se expoñía que antes de final de 2010 habería unha licitación de 3.000 millóns de euros e unha vez concluída coa estrutura desa obra, pasaríase á contratación do que describiu como "superestrutura", a contratación da cal situábase en 2014 para un investimento similar.
Un só investimento e desde a fórmula mixta
Blanco expuxo que, como consecuencia da situación económica do país, foi necesario cambiar a forma de financiar esta dotación, para o que se adoptou unha dobre decisión: adiantar a unha soa contratación toda a alta velocidade e facelo a través da colaboración pública-privada. En canto á contratación da estrutura, asumiu que "haberá uns días de atraso", pero subliñou que, sobre a superestrutura, "terá tres anos de adianto". "Dende o ministerio de Fomento imos cumprir con Galicia", co obxectivo, insistiu, de que "neste ano estarán adxudicadas as obras", fixo fincapé.
Desde a Xunta houbo unha dobre lectura e por unha banda, aplaudiuse o compromiso do ministro pero apurou os prazos porque alertou de que "xa non existe moito marxe de manobra" para cumprir a data de que a finais de 2015 estará en funcionamento a alta velocidade na comunidade.
O Goberno galego recordou que a licitación "inmediata" das obras e a súa adxudicación dentro deste ano "son claves" para cumprir o Pacto do Obradoiro e garantir a chegada do AVE a Galicia en 2015. Ó respecto, argumenta que "xa non existe moito marxe de manobra" para cumprir este prazo marcado polo Pacto do Obradoiro "tendo en conta que o propio anuncio indicativo publicado por Fomento no Diario das Comunidades Europeas establece un prazo de redacción de proxecto e obra de 46 meses". O conselleiro Agustín Hernández alertou da "preocupación" ante informacións de medios sobre posibles atrasos porque "dá a sensación de que existen problemas" no seo do propio Goberno central na tramitación administrativa.
Nova cara para a avenida de Madrid
O ministro de Fomento, José Blanco, o alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco e o presidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro, presidiron onte o acto de posta en servizo da avenida de Madrid, na capital luguesa, despois dun proceso de remodelación levado a cabo de forma conxunta polo Ministerio e o Concello, cunha dotación de 7,17 millóns de euros. A actuación consistiu en completar a duplicación da calzada da avenida na metade do seu trazado e acondicionar todo o percorrido. Tamén Blanco visitou a súa localidade natal, Palas de Rei, onde supervisou o inicio das obras para construír o Centro de Conservación e Explotación de Estradas, cun orzamento superior ó medio millón de euros. A infraestrutura xerará un total de 24 postos de traballo no municipio lugués.
"Abonda de comedias", di o BNG, que non ve crible o Pacto do Obradoiro
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, proclamou que "abonda de comedias e de xogar cos dereitos de Galicia a ter infraestruturas nas mesmas condicións que o resto do Estado", e recalcou que o Pacto do Obradoiro, que no seu día os nacionalistas cualificaron de "pacto fraude", non era "crible e segue sen selo".
Así, o líder nacionalista incidiu en que "cando o Goberno do Estado anunciou recortes nos investimentos pola crise", o BNG "xa advertiu de que comezarían por Galicia". "Non nos equivocamos", sinalou Guillerme Vázquez, tras recoñecer o ministro de Fomento, José Blanco, que "haberá uns días de atraso" na licitación do macrocontrato do AVE á Comunidade galega, que estaba comprometida para antes do 31 de marzo, se ben ratificou que o Goberno central vai cumprir con Galicia" e que "este ano estarán adxudicadas as obras". Nun comunicado de prensa, o líder do BNG asegurou que "se confirma, unha vez máis, que a Galicia nunca lle toca". "En época de bonanza, non toca. En época de crise, tampouco", observou Guillerme Vázquez, quen atribuíu esta situación a que "non lle toca porque os partidos de ámbito estatal, máis alá da comedia e do paripé que interpretan cando discuten do AVE galego, cos papeis cambiados en función de se están no goberno ou na oposición, comparten no básico o mesmo deseño de infraestruturas para o Estado".
Nel, indicou Guillerme Vázquez, Galicia "sinxelamente ou non está ou ocupa a última posición". "Acabamos de ver como si comparten entusiastas os investimentos multimillonarios programados para o Eixe mediterráneo", aseverou. "Máis alá do sainete sobre as datas, hai que poñer de manifesto que unha cousa é a licitación e outra moi distinta a adxudicación e execución", constatou.
Fuente: Galicia hoxe




