A paridade segue a ficar lonxe das alcaldías
Nin por baixo do 40 por cento nin por encima do 60 por cento. É a norma á que están obrigados os partidos políticos para dar cumprimento á Lei de paridade nas listas coas que concorren ás próximas eleccións. Pero máis aló da obrigación, o certo é que cando as candidaturas de PPdeG, PSdeG e BNG están practicamente pechadas, basta con botar unha ollada ó número un para confirmar que os aspirantes a alcaldes son homes na súa maioría, consolidando unha tendencia da que é representativo o mapa galego, no que só 28 dos 315 concellos, é dicir, o 8 por cento, están rexidos por mulleres. O número nas principais cidades son outro exemplo de que a primeira liña da política municipal continúa sendo a materia pendente para as mulleres. Só o PP, en Vigo con Corina Porro, e o BNG, con Isabel Pérez en Ourense, optaron por romper a tendencia e prensentarcandidatas á Alcaldía.
No PPdeG, onde o número de mulleres que encabezan as listas non chega ó 12 por cento, a porcentaxe máis baixa das tres formacións, "o importante non é a cota", segundo a súa viceportavoz, Marta Rodríguez Arias, que apunta que nalgúns casos, como en Vilagarcía, a presenza de mulleres é ata maioritaria. Explica que no caso do PP primou máis a experiencia dos voceiros municipais, pero que ás mulleres sempre se lles reserva o número dous cando encabeza un home".
Os socialistas galegos calculan nun 30 por cento o número de mulleres que serán número un nas municipais do próximo 22 de maio. A clara maioría de aspirantes a alcaldesa é para o PSdeG consecuencia da propia dinámica das organizacións. A súa secretaria de Igualdade, Laura Seara, é unha convencida de que a aplicación da paridade contribuíu a que as corporacións se parezan máis á nosa sociedade". Pero cre que "aínda queda moito camiño por percorrer".
No BNG, cun 25 por cento de mulleres nos primeiros postos das listas, a súa secretaria de Organización, Montse Prado, apunta que "non só é unha cuestión de números senón de realizar un traballo previo para que estean". Prado explica que se sempre é importante esa presenza, "agora éo máis", tendo en conta a súa maior vulnerabilidade ós efectos da crise.
Fuente y autor: RICARDO SANROMÁN /Galicia hoxe




