O banco NCG elevará o crédito un % anual
Como caixa pura ou dona dun banco, Novacaixagalicia ten claro cal é o seu papel como financeira: apoiar durante o próximo lustro a economía produtiva auamentando para iso o caudal do crédito. Este é un dos compromisos que figuran no plan detallado de recapitalización que aprobou onte o seu consello de administración e que se enviou ó Banco de España e á comisión do FROB.
Un día clave, pois culminaba o prazo outorgado polo gobernador da máxima autoridade financeira, Miguel Ángel Fernández Ordóñez. Así o aseguraba á súa saída da cita da cúpula da caixa en Vigo o seu copresidente Julio Fernández Gayoso, que espera que o Banco de España lle dea resposta ó seu proxecto -que completa o remitido o pasado día 14- "a mediados de maio" e que, tras cumprir "unha serie de trámites administrativos", incluída a transferencia en agosto do negocio da caixa, funcione xa en setembro.
A entidade achegaba onte nun comunicado unha proxección da evolución do seu negocio ata 2015. Neste prazo envorcarase no crecemento nos créditos dirixidos a pemes e familias, cunha media anual en torno ó 6%, así como un avance medio anual en depósitos próximo ó 4%. Ó mesmo tempo reducirán de forma paulatina a morosidade neste lustro.
Novacaixagalicia continuará tamén coas políticas iniciadas de reducir os custos de explotación -sen detallar se haberá un maior recorte de persoal-, diminuír a dependencia do financiamento maiorista e a exposición ó sector inmobiliario. O seu saneamento basearase "na máxima prudencia" e en "realizar desinvestimentos para fortalecer os recursos propios e xerar liquidez".
Este proxecto 2.0 "acelera as sinerxías da fusión e melloras de xestión". Prevé mellorar o seu cociente de eficiencia "en máis dun 5% anual ata 2015 e situala por baixo do 50%". Este plan "multiplicará por tres a rendibilidade actual de NCG, ata situar a rendibilidade sobre recursos propios -ROE nas súas siglas en inglés- sobre o 10%".
A entidade ten claro que tras o desenvolvemento deste plan, contará "cun dos maiores cocientes de solvencia do sistema financeiro internacional, cun capital principal por enriba do 10%". Os 3.008 millóns de euros dedicados a blindarse de posibles impagamentos sitúana, xa de por si, entre as financeiras españolas máis saneadas.
Ademais do seu plan de negocio a cinco anos vista, na documentación detallada enviada ó regulador e ós futuros socios do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) figura a estratexia de recapitalización posta en marcha e o calendario de constitución do seu banco como vía que facilite a entrada de capital de terceiros. O Ministerio de Economía tramita a ficha bancaria dunha entidade que, ó ditado do bo goberno corporativo, terá unha xunta de accionistas e un consello de administración de 15 membros. Posibles socios hai unha longa lista. A entidade promételle a MAFO e ó FROB seguir co seu programa de captación de investidores estratéxicos privados. Informou que mantiveron "reunións con máis de 25 grupos de investidores interesados no futuro banco de Novacaixagalicia". A caixa iniciará agora a segunda rolda de contactos para "seleccionar as mellores ofertas e incorporar algo máis do 20% do capital procedente de investidores privados e institucionais". Non entrará calquera, e menos especuladores: na selección de aliados "valórase a súa experiencia no sector, o interese demostrado no pasado polas caixas, a súa capacidade financeira" e a impresión, o feeling ou retorno recibido nas conversacións mantidas.
A iso súmase a estratexia de recapitalización interna, orgánica, para reducir os requirimentos de capital actuais. Xa está en marcha e podería reducir nuns 650 millóns a necesidade de fondos a pedirlle ó FROB, que parte de 2.622 millóns. Se ademais os futuros socios depositan unha contía similar, para chegar ó core capital do 10% demandaríanse menos de 1.500 millóns. Canto menos, mellor, porque logo haberá que recomprarlle a súa parte.
A receita de futuro inclúe animar os galegos a comprar accións de Novacaixagalicia. "É o que hai que facer", instou onte Julio Fernández Gayoso, ó tempo en que foi rotundo en cualificar como "falsidade absoluta" unha posible operación co Banco Popular.
O conselleiro José Luis Veiga Lage explicou que os plans pasan por reducir en ó redor de 500 millóns de euros as necesidades de capital da entidade galega.
O Pastor reduce beneficios nun 19,5% pero interésase por sucursais das caixas
Os efectos da crise seguen pesando nos resultados do Banco Pastor, que no primeiro trimestre do ano logrou un beneficio de 27,8 millóns de euros, un 19,4% inferior ó do arranque do ano pasado. Con todo, o seu conselleiro delegado, Jorge Gost, destacou un "cambio de tendencia" con melloras de marxes fronte ó último trimestre de 2010 que podería levar a entidade "cara a un crecemento plano" das ganancias este exercicio. A evolución na marxe apóiase no "crecemento dos depósitos en torno ó 5%" e á mellora rexistrada na cota de mercado, que considerou "moi significativa" -ata 15.740 millóns- e no investimento, pois os 21.522 millóns de créditos a clientes implican un crecemento do 4,7%. O seu capital principal ascendeu ó 9,91% e a morosidade medrou ata o 5,54%. Desde o Pastor insistían en que mantiveron contactos con Novacaixagalicia para adquirir algunhas oficinas urbanas da caixa. "Manifestamos que hai interese e seguímolo manifestando", asegurou Gost.
Fuente y autur: SANTI RIVEIRO /Galicia hoxe




