'Non podemos calar': A Coruña contra a abstención

A abstención favorece a dereita. Con este lema, os asinantes do manifesto 'Non podemos calar' fan un chamamento á cidadanía para que o 22 de maio non fiquen na casa..
Os firmantes do manifesto "Non podemos calar" chaman á participación nas eleccións porque a abstención favorece os obxectivos da dereita. Intelectuais, xornalistas, escritores e artistas (Xabier P. Docampo, Manuel Rivas, Francisco Pillado, Xosé María Monterroso, Henrique Rabuñal, Xurxo Souto, Tono Galán, Isabel Risco, Luis Fermín Rodríguez, Pepe Galán, Miro Casabella, Xosé Lois Martínez Suárez, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Andrés Salgueiro, Mari Luz Canal, Ramón Veras, Manuel Monge, Pura Barrio, Xesús Díaz, Miguel Mato, Sabela Rivas Barrós, Xavier Seoane, Diana Varela, Xesús Mosquera, Ramón Muñiz, Anxo Guerreiro, Xulio López Valcárcel, Henrique Veira, Fernando López Currás, Xosé Manuel Sánchez Mesejo, Francisco Álvarez Fontenla, Rubén Afonso Lobato, Xesús Vázquez Conde, Pilar Neira e Manuel Lourenzo, como primeiros firmantes) fixeron nese sentido público un comunicado.
Polo futuro da Coruña
Esta plataforma cívica, formada por persoas a título particular, non pide o voto para ninguén. Como di o manifesto, "formamos parte dunha cidadanía coruñesa que quere asumir as súas responsabilidades e pretende crear un movemento cívico que impida a chegada ao Goberno Municipal daqueles que se presentan como o cambio, pero que non representan outra cousa que a marcha atrás e unha hipoteca para o futuro da Coruña".
Subliña esta plataforma que hai candidatos que manifestan sen rubor a súa negativa a cumprir a Lei da Memoria Histórica e a retirar a simboloxía franquista; que relacionan inmigración ou etnia con delicuencia, con afirmacións de marcado carácter racista; que utilizan o topónimo da cidade para xerar crispación social e están en contra da aplicación da lei de Normalización Lingüística; que pretenden unha lei para a familia regresiva e patriarcal; que levan anos obstaculizando a construción dunha residencia pública na universidade da Coruña.
A plataforma, que fixo público o manifesto "Non podemos calar" o 14 de abril, sinala que é unha vergoña que o única escudo franquista da cidade estea na entrada principal de María Pita; aposta por tomar medidas para o impulso do uso do galego; por afondar nunha política urbanística ao servizo da maiorías sociais, que poña freo á especulación; por un modelo territorial que nos leve a unha cidade aberta, de habitabilidade conxunta e servizos compartidos, aplicando políticas públicas de vivenda, transporte, defensa do espazo público e do patrimonio cultural e histórico da cidade. Pronúnciase por un renovado Regulamento de Participación Cidadá e uns Orzamentos Participativos.
O manifesto remata así: "Consideramos que a abstención favorece os obxectivos da dereita e, por tanto, é de vital importancia a participación nas eleccións municipais do 22 de maio porque o noso voto decide".
Por respecto ás distintas organizacións políticas e para non interferir na programación dos seus actos electorais, a plataforma cívica "Non podemos calar" non realizou ningunha actividade pública durante a campaña electoral.




