O BNG coruñés principia a súa travesía electoral contra a dereita

Xosé Manuel Carril preferiu non poñer os pés na terra para presentar a candidatura do BNG á Alcaldía da Coruña. "Cómpre falar da Coruña dende o mar", reivindicou o aspirante a alcalde -"o noso alcalde", como o chamou xa algún compañeiro- a bordo do Rías Altas Uno, o barco que o grupo nacionalista elixiu para iniciar a súa travesía electoral. Unha travesía metafórica e tamén literal, xa que a presentación dos trinta membros da lista percorreu a ría para volver ao Parrote, o peirao máis próximo ao palacio municipal de María Pita, no que o Bloque aspira a ter voz e forza como "a única alternativa ás políticas de dereita".
Dende o lado do mar, Carril defendeu a intervención pública e o impulso da economía produtiva fronte á especulativa como a única "saída á crise con xustiza social", un papel que considerou deben desenvolver os concellos como "axentes activos". Así, apostou porque A Coruña tire do mar como o "motor de crecemento e desenvolvemento" que historicamente representou e para iso prometeu impulsar "políticas reais de apoio e promoción" que fagan deste recurso un "lugar de actividade económica e cultural".
O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, sumouse á candidatura coruñesa na súa "posta de longo", que se converteu nunha festa mariñeira coa brisa do mar e o son das gaitas e o tambor co que os membros se animaron a botar algunhas cancións. "E nós somos somos do Bloque / Imos de varanda o tempo que toque", escoitábase cantar aos pasaxeiros á súa chegada á dársena, onde se lles uniron algúns simpatizantes.
A actual concelleira de Cultura e número dous da candidatura do BNG, María Xosé Bravo, enxalzou o "traballo coral" do seu partido e defendeu que "canta máis forza teñan o BNG no Concello, mellor para a cidade, xa sexa para gobernar ou para reivindicar".
Carril tamén apostou polo transporte marítimo como alternativa para a mobilidade e, sobre todo, burato do Parrote -a escavación paralizada en solo portuario hai tres anos- defendeu a posta en valor da muralla por riba do parking e valorou que o PP "agocha" o seu proxecto porque "pretende establecer unha área comercial" no lugar.
Así, o candidato insistiu no papel do BNG como alternativa a PP e PSOE, e desexando chegar a bo porto, rematou ao berro de "saúde, terra e mar!".
Fuente y autor ALBA SUÁREZ /Xornal de Galicia




