Torturas en España?
![Logo_Web[1].jpg](http://www.xabierpita.es/2011/05/13/Logo_Web%5B1%5D.jpg)
Amnistía Internacional (AI) lamentou onte que as autoridades españolas non adopten unha serie de recomendacións dos organismos internacionais sobre réximes de detención, torturas, racismo e inmigrantes e criticou a suspensión de funcións do ex xuíz da Audiencia Nacional Baltasar Garzón por intentar abrir unha investigación sobre os crimes cometidos durante a Guerra Civil e o franquismo.
O Informe Anual 2011 de AI, que foi presentado onte pola sección española da organización en Madrid, indica que ó longo de 2010 se rexistraron denuncias de torturas e malos tratos a mans de funcionarios encargados de facer cumprir a lei, a pesar do cal o Goberno non tomou medidas para recompilar e publicar estes casos, tal como prevía o Plan de Dereitos Humanos aprobado polo Goberno en 2008.
Á parte, o Goberno perdeu a "oportunidade" de modificar o Código Penal a fin de harmonizalo coas normas internacionais de Dereitos Humanos, tal como recomendara o Comité da ONU contra a Tortura, segundo declarou no acto de presentación a directora adxunta de AI-España, Eva Suárez-Llanos.
Así mesmo, segundo Suárez-Llanos, España ten un dos réximes de detención de sospeitosos de terrorismo "máis restritivos de Europa", xa que permite a detención en réxime de incomunicación por un período de trece días.
Outro aspecto destacado no informe é a situación dos refuxiados e inmigrantes en España. Segundo cifras do Ministerio do Interior, 3.632 inmigrantes irregulares chegaron ás costas españolas en 2010, unha cifra inferior nun 50 por cento respecto de 2009 e que reflexa, a xuízo da directora adxunta, "a política de control e intercepción" posta en marcha polo Goberno.
A "boa noticia" de 2010 en materia de refuxio, proseguiu Suárez-Llanos, foi a concesión da "protección internacional" por parte do Goberno a cinco antigos prisioneiros de Guantánamo, o cal traduciuse na chegada a España, entre febreiro e xullo do ano pasado, dun palestino, un iemení e un afgán.
As ilegais, as máis vulnerables
O informe denuncia tamén que, ó longo de 2010, polo menos 73 mulleres morreron violentamente a mans das súas parellas ou antigas parellas, 27 das cales eran inmigrantes. As vítimas da violencia de xénero seguen "atopando numerosos obstáculos para conseguir unha reparación xusta e oportuna", en especial as mulleres migrantes en situación irregular.
A tregua de ETA, unha boa noticia
O informe de Amnistía Internacional recorda tamén que a banda terrorista ETA matou en marzo de 2010 a un axente de Policía francés durante un tiroteo ocorrido en Danmarie-lés-Lys, preto de París, e destaca como unha "boa noticia para os Dereitos Humanos" a decisión da organización terrorista de declarar unha tregua o 5 de setembro pasado.
Fuente: EP/Galicia hoxe




