As licenzas para vivenda nova caen un 93% desde o ano 2007
A "falta de axilidade" dos concellos nas tramitacións urbanísticas, unida ó feito de que a billa do crédito segue pechada baixo sete chaves tanto para as empresas como para as familias, continúan paralizando a construción de vivendas novas en Galicia, tal e como constatan os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) correspondentes ó mes de febreiro de 2011.
Polo menos, esta é a análise do presidente da Asociación de Promotores Inmobiliarios (Aproin), Javier Garrido Valenzuela, tras coñecer que no segundo mes deste ano os concellos galegos concederon licenzas para construír 254 novas vivendas, un 13% menos que no mesmo período de 2010 (292) e unha caída do 93% se se comparan as cifras coas de febreiro de 2007, antes de que estalase a burbulla inmobiliaria. "O sector está predisposto á reacción, pero son as administracións locais as que deben encabezala cunhas xerencias de urbanismo máis áxiles". Neste sentido, o presidente dos promotores quéixase de que "non hai un sector que aguante", con variacións na tramitación que vaian "dun a oito anos". Tamén preocupa en Aproin o convulso proceso de fusión das caixas galegas en Novacaixagalicia (NCG).
Valenzuela sitúa nas áreas de influencia de Vigo e A Coruña, grandes motores do ladrillo galego -entre as dúas concentran máis do 70% da vivenda nova que se constrúe-, a panca que debe guiar a recuperación da actividade e é aí "onde hai que centrarse". De feito, o presidente de Aproin recorda que un recente informe de Deloitte sitúa as provincias da Coruña e Pontevedra como dúas das que menos stock teñen de vivenda nova, un nicho "para o que segue habendo demanda". "O 90% do stock en Galicia é de segunda residencia. Os bancos teñen marxe para seguir prestando de cara á primeira compra".
Por outra banda, o Ministerio de Fomento confirmaba onte que os colexios de arquitectos técnicos concederon 21.807 visados para construír vivendas de obra nova no primeiro trimestre do ano, o que supón un descenso do 7,4 % respecto dos 23.559 outorgados do mesmo período de 2010. Esta cifra é a máis baixa contabilizada nun primeiro trimestre desde o ano 2000, cando comezou o histórico, e contrasta co máximo de 217.218 visados dos tres primeiros meses de 2007.
En Frankfurt, a secretaria de Estado da Vivenda, Beatriz Corredor, dixo onte tras presentar a evolución do mercado inmobiliario español a investidores e intermediarios que España prevé que para o ano 2014 se absorba o excedente de vivendas do país.
SEN FREO
Baixa continua das cifras
O informe sobre construción de edificios, que o instituto galego elabora en colaboración co Ministerio de Fomento, indica que no segundo mes do ano se deron permisos para 182 edificacións de nova planta, cunha superficie total de 84.000 metros cadrados. Para as xa existentes, outorgáronse licenzas de rehabilitación para 92 edificios e 32 vivendas (un 28% máis que en xaneiro e un 10,3% máis que en febreiro de 2010). En canto á demolición, as autorizacións en febreiro afectan a 17 edificios e 45 vivendas (fronte ás 10 de xaneiro e ás 15 autorizadas doce meses antes).
As licenzas concedidas polos concellos para a construción de novas vivendas non fixeron máis que baixar desde as 45.614 do ano 2007 ata as menos de 5.000 do exercicio pasado.
Fuente y autor: ROI RODRÍGUEZ /GAlicia hoxe




