Futuro en gris: A preocupación polos políticos bate a súa marca mentres o paro alcanza cotas de hai 15 anos. O 80% teme perder o emprego e a metade non poder manter a súa familia
O paro volveu bater no mes de maio a marca da década como a principal preocupación dos españois, ó ser considerado así polo 84,1 por cento dos cidadáns, e tamén sobe a máximos históricos a clase política, vista como un problema polo 22,1 por cento dos cidadáns.
Así o sinala o último barómetro do CIS, dado onte a coñecer, segundo o cal a segunda preocupación social segue sendo a economía, citada polo 46,6 por cento. A mostraxe do CIS, realizada entre o 3 e o 11 de maio, antes das eleccións e das protestas do movemento 15-M, apunta que o 78,3 por cento ve a situación económica como "mala" ou "moi mala" e un 66,8 cualifica da mesma forma a situación política.
A inquietude polo desemprego alcanzou o máximo da década en febreiro pasado, cando o mencionaba o 83,9 por cento, cifra agora superada en dúas décimas e en 1,3 puntos respecto ó anterior barómetro de abril do Centro de Investigacións Sociolóxicas. En canto á clase política e os partidos, a porcentaxe máis alta dos últimos anos alcanzouse en xullo de 2010, cando o 21,7 por cento o consideraba o maior problema; esta marca superouse en catro décimas e está dúas por encima da de abril.
Xunto a ese 22,1 por cento que cita á clase política como problema, hai outro epígrafe na enquisa sobre "o Goberno, os políticos e os partidos", mencionados agora polo 5,4 por cento. O cuarto problema da lista é a inmigración, referida polo 11,2 por cento (8 décimas menos), seguida do terrorismo, que experimenta unha notable subida, ó pasar do 5,7 por cento de abril a un 9,1 por cento. Por baixo quedan a inseguridade cidadá (7,9 por cento) e a educación (5,6 por cento).
Aínda que a preocupación polo desemprego subiu respecto ó anterior barómetro, melloran algo as expectativas sobre emprego de ocupados e parados. Se en abril o 19,5 por cento dos traballadores vía "moi" ou "bastante" probable perder o seu emprego nun ano, agora esta porcentaxe baixa ó 18,3, en tanto que a gran maioría, o 75,8 por cento, ve "pouco" ou "nada" probable irse ó paro. E se antes o 60,7 dos parados cría "pouco" ou "nada" probable atopar traballo, agora pensa así o 58,3 por cento; e do 31,3 por cento de optimistas que en abril confiados en lograr emprego, a porcentaxe sobe ó 35,1 por cento.
O CIS fixo unha enquisa complementaria para coñecer os maiores medos dos cidadáns tamén referidos á súa contorna, onde o 35,5 por cento afirma que o que máis teme é "quedar sen diñeiro para atender as súas necesidades e as da súa familia". Un 32,2 por cento ten como o seu maior temor quedar no paro ou que lle ocorra a un familiar directo e un 78,6 por cento ve "moi" ou "bastante" probable que iso suceda.
Ata hai un 40,9 por cento que considera posible perder os seus bens ou os seus aforros. No habitual apartado sobre a situación económica, fronte ó 78,3 por cento que a percibe negativamente, só un 3,3 por cento vea "boa" ou "moi boa".
De cara ó futuro, aumenta o pesimismo, porque o 29,5 por cento cre que irá a peor, unha décima máis que en abril. E no capítulo da situación política, só un 3% a ve "boa" ou "moi boa" e a maioría (o 68,8%) percíbea de forma negativa. Dentro dun ano, máis da metade (52,7) cre que seguirá igual, fronte a un 20,8% que ve un empeoramento.
Aumenta a sensación xeral de inseguridade
Unha gran maioría de españois -máis do 66 por cento- considera que o mundo e a sociedade española en xeral son hoxe máis inseguros que hai cinco anos e son tamén máis os que cren que o seu barrio é hoxe menos seguro que entón -o 39,4 por cento- que os que pensan que o é máis -un 16,3 por cento-. Así o sinala o CIS, que revela que a sensación de inseguridade é menor na contorna máis próxima ós cidadáns, xa que a suma de quen perciben igual ou máis seguro que antes o seu barrio ou pobo -57 por cento- é moi superior a quen opinan o mesmo do mundo ou da sociedade española en xeral -30,4 por cento-. A enquisa indica que os delitos dos que os españois cren "moi" ou "bastante" probable ser vítimas no seu barrio son os menos graves -o 46,6 por cento cita actos de vandalismo; o 44,5 a subtracción dalgún obxecto do seu vehículo e o 39,8 o roubo do bolso-, mentres unha agresión sexual ou persoal só é vista como probable polo 7,3 e o 14,7, respectivamente. En canto ás institucións encargadas de garantir a seguridade, unha elevada porcentaxe -superior ó 71 por cento- expresa "moita" ou "bastante" confianza na Garda Civil e a Policía, mentres que as Forzas Armadas (67,3), as Policías autonómicas catalá, vasca e navarra (62,3) e as Policías locais (60) tamén reciben boa nota.
PP: "A enquisa reflicte que o goberno está esgotado"
A vicesecretaria de Organización do PP, Ana Mato, asegurou onte que a enquisa do CIS confirma que o Goberno socialista "está esgotado" e que "a sociedade española dálle as costas a un Goberno incapaz de xerar unha mínima esperanza de futuro". Ademais, cualificou de "nulo" o "efecto Rubalcaba" logo de coñecerse esta sondaxe. Con todo, o traballo de campo do barómetro do CIS realizouse entre os días 3 e 11 de maio, en plena campaña electoral, antes de que o vicepresidente primeiro do Goberno recibise o apoio do Comité Federal do PSOE para converterse no candidato socialista ás eleccións xerais, feito que se produciu o 28 de maio. Mato destacou que o CIS reflicte que a principal preocupación para o 84 por cento dos españois é o paro, mentres que o 78,3 por cento dos enquisados opina que se vive un momento malo ou moi malo; e o 29,5 por cento vaticina que dentro dun ano será aínda peor. "O CIS reflicte o drama económico e social que vive a sociedade española", recalcou. Ó seu entender, "a sociedade española dálle as costas a un Goberno incapaz de xerar unha mínima esperanza de futuro".
Fuente: Efeg/Galicia hoxe




