as cámaras de videodetección da Vía Prioritaria Vixiada estarán operativas a mediados de febreiro
O tenente de alcalde de Seguridade e Mobilidade, Julio Flores, anunciou que xa se instalaron as cámaras na primeira Vía Prioritaria Vixiada (VPV) para a detección da dobre fila e dos estacionamentos indebidos de maneira automática. "Entrarán en funcionamento a mediados de febreiro para tratar de manter despexada a VPV de vehículos en dobre fila e para evitar os estacionamentos indebidos en paradas de bus ou zonas de carga e descarga as 24 horas do día", sinalou Flores. O sistema de videodetección acouta as áreas de maneira automática e grava as imaxes, e mesmo toma fotografías das infraccións que se produzan en cada tramo.
Flores explicou que se instalaron 7 pares de cámaras nas rúas Federico Tapia (2º tramo e Praza de Vigo), Praza de Galicia, Rosalía de Castro, Francisco Mariño e San Andrés (interseccións con Juana de Vega e Santa Catalina): "O período de programación e probas finalizarase nos primeiros días de febreiro. Nunha segunda fase, dentro do proxecto de Smart Cities, instalaranse cámaras en once novos puntos do trazado, en concreto catro en Federico Tapia; un en Praza de Galicia, Rosalía de Castro e Francisco Mariño; tres en San Andrés e un en San Juan".
Lembrou que cada punto de vixilancia permanente consta de dúas cámaras enfocando a calzada. A primeira encárgase de ter unha visión panorámica para contar cun rexistro en formato vídeo das posibles infraccións coa manobra completa. "Cando se detecta un sinal de presenza sobre calquera expira virtual, unha cámara DOMO realiza outra gravación para ter unha segunda evidencia da infracción coa matrícula do infractor", explicou.
Flores sinalou que tras recibir as imaxes na Sala de Pantallas da Policía Local, o operador de sala verifica os datos para validar a súa tramitación e descartar estacionamentos ou paradas correctas (por exemplo unha ambulancia ou un taxi deixando ou recollendo pasaxeiros). Unha vez validada, a aplicación xera a documentación da denuncia, que unha vez verificada e asinada por un Policía Local pasa á Sección de Multas para a súa tramitación. "Nestes momentos xa se instalou o servidor informático e o equipo de xestión na Sala de Pantallas de Tráfico, o que permitirá realizar o curso de manexo do sistema a principios de febreiro, destinado aos policías locais da Sala de Pantallas e da Sección de Disciplina Viaria", afirmou Flores.
Respecto dos trámites para que o sistema de videodetección cumpra a Lei orgánica de protección de datos, o concelleiro sinalou que se realizou a resolución oportuna por parte da autoridade competente, aprobouse en Xunta de Goberno e enviouse para a súa publicación no BOP, "tras o que se procederá á súa notificación á Axencia Española de Protección de Datos para comezar a gravar con todas as garantías legais, en cuestión dun par de semanas".
PRIORIDADE-BUS
Respecto ao sistema de prioridade bus, o concelleiro explicou que se instalaron os reguladores semafóricos nas 8 interseccións programadas e todos os autobuses contan co equipo embarcado, e faltan só 6 que estarán preparados en menos dunha semana. "Realizouse a programación das expiras virtuais con tres niveis de detección de atraso e a Compañía de Tranvías comunicounos que se cumpren as frecuencias previstas nunha alta porcentaxe. Comprobamos na semana do 9 ao 15 de xaneiro, xa con transporte escolar, que 9 de cada 10 buses que discorren pola VPV non necesitaron que se activase o sistema de prioridade bus porque cumprían as frecuencias previstas", sinalou e engadiu: "Respecto dos novos GPS de alta precisión, están instalados en todos os buses urbanos que circulan polo trazado e ofrecen unha precisión que roza o 100%".
O tenente de alcalde tamén lembrou que están rematados os traballos de pintado en cor laranxa da sinalización horizontal, así como as distintas zonas de aparcamento (ORA, motos, discapacitados, carga e descarga e paradas de bus) e a instalación da sinalización vertical para identificar a VPV e o parking express. "A sinalización vertical está tapada á espera de que se poidan comezar a gravar as imaxes e a que entre en vigor a modificación da Ordenanza Fiscal da ORA, actualmente en fase de exposición pública, para a posta en marcha do parking express", afirmou. Flores engadiu que o Departamento de Infraestruturas xa procedeu á retirada dos bolardos.
ALEGACIÓNS
Respecto da modificación da ordenanza fiscal, Flores informou de que o Grupo Municipal Socialista presentou alegacións, polo que a ordenanza deberá volver a Pleno no mes de febreiro para a súa aprobación definitiva: "Son unhas alegacións que se presentaron co único obxectivo de atrasar a entrada en vigor do parking express, xa que esixen a modificación da sinalización horizontal para que sexa de cor branca e a posta en marcha dunha campaña informativa. Ambas as solicitudes non parecen encaixar co contido da ordenanza fiscal, que se limita a recoller a taxa por aparcar nas prazas de aparcamento express. Non propoñen unha tarifa diferente nin un tempo de estacionamento diferente. Ademais, como xa se explicou, a normativa da cor á que fai referencia o Grupo Socialista é de apliación ás vías interurbanas e a campaña informativa xa esta en marcha".
USUARIOS TRANSPORTE PÚBLICO
Flores incidiu que o número de pasaxeiros das liñas que circulan polo carril bus aumentou en todas elas dende a posta en marcha da Vía Prioritaria Vixiada, a pesar de que non está totalmente implantada. Así, segundo os datos facilitados pola Compañía de Tranvías á concellería, a comparación entre o 21 de decembro e o 11 de xaneiro dos dous últimos anos, informa de que o número de pasaxeiros incrementouse en 55.290, ao pasar de 351.757 a 407.047 usuarios, aumentando en todas as liñas do carril bus.
"Este aumento supón un 15,71% máis, case o dobre do aumento medio de usuarios en todas as liñas do transporte urbano nese período, que é do 8%. E se a isto engadimos que no mesmo período perderon un 47% menos de viaxes que no mesmo período do ano anterior, os resultados iniciais convídannos a ser razoablemente optimistas tendo en conta que aínda non concluíu a implantación", afirmou Julio Flores.
"En resumo, a instalación de cámaras, do equipo informático e de xestión das infraccións, dos GPS nos buses, a sinalización e a retirada de bolardos está rematada; o sistema de prioridade bus en todas as liñas estará preparado nuns días, xa que só faltan 6 buses; tras o Pleno de febreiro entrará en vigor o parking express, que será tamén aproximadamente cando comecen a operar as cámaras de videodetección, e será entón cando a Vía Prioritaria Vixiada estea plenamente operativa.
Unha vez estean en marcha todos os elementos, poñerémonos en contacto coas asociacións veciñais, de comerciantes e de transportistas para informalos de novo deste sistema de mobilidade e para analizar os primeiros datos", destacou Flores. O tenente de alcalde de Seguridade e Mobilidade explicou que a VPV é unha iniciativa pioneira e que o obxectivo final é que se estenda ás 14 rúas da cidade que soportan o 80% do tráfico e conseguir que o bus urbano teña prioridade á hora de circular.
ORGANIZACIÓN DE POLICÍA LOCAL E BOMBEIROS
Julio Flores defendeu esta mañá, a preguntas dos xornalistas, que a organización da Policía Local, Bombeiros e Protección Civil non se desenvolve de maneira unilateral, senón que se apostou polo "diálogo e consenso" para "optimizar" o servizo e outorgar máxima transparencia e legalidade ás decisións.
O tenente de alcalde de Seguridade e Mobilidade lamentou que o PSOE non asuma cal é o seu papel: "Está na oposición, non é capaz de asumir que o goberno organiza a estruturación e os procedementos para optimizar o traballo. Non se toman decisións unilateralmente". Flores aclarou que, unha vez cesado o anterior xefe da Policía Local, nomeouse de maneira provisional o intendente Víctor Rodríguez Chao en virtude do Decreto do 6 de novembro de 2007 asinado polo anterior alcalde, Javier Losada. Tamén explicou que cando se nomee o novo responsable do 092 farase de acordo á lexislación vixente, en concreto, á Lei de coordinación de policías locais de Galicia.
Por último, Flores defendeu que na estruturación de Bombeiros e Protección Civil téñense en conta os técnicos: "Hai dous días reuninme con Carlos García Touriñán para a distribución de funcións, para darlles contido e potenciar e especializar o labor dos bombeiros. Ademais, imos cumprir a lei e convocar a Xunta Local de Protección Civil, que non se reuniu en 28 anos".




