O Goberno municipal colabora nun proxecto para reducir o consumo enerxético e as emisións de CO2 nos fogares coruñeses

O Concello e a Federación de Asociacións de Veciños da Coruña e Área Metropolitana traballan de maneira conxunta para poñer en marcha o programa Fogares Sostenibles. O obxectivo é concienciar e sensibilizar a cidadanía sobre a necesidade de apostar por prácticas que permitan facer fronte ao cambio climático.
O Concello e a Federación de Asociacións de Veciños da Coruña e Área Metropolitana colaboran no proxecto Fogares Sostenibles na Coruña, unha experiencia piloto na que, de maneira inicial, participan 50 familias, e que se estenderá ao resto da cidadanía a través de cursos e talleres e das redes sociais. O obxectivo é que poñan en marcha prácticas que permitan reducir nas súas casas, polo menos nun 6%, os consumos de electricidade e gas e as emisións de CO2.
A campaña tamén inclúe xornadas de formación e difusión entre as entidades veciñais da cidade, a elaboración dunha guía, a repartición de mercadotecnia e lámpadas de baixo consumo, e a creación dunha plataforma web para concienciar e sensibilizar o maior número posible de persoas.
O proxecto Fogares Sostenibles forma parte da Estratexia Contra o Cambio Climático da Coruña coa que o Concello presenta programas e medidas para mellorar a calidade ambiental da cidade, cunha redución das emisións derivadas do sector residencial.
A Concellería de Medio Ambiente considera fundamental a colaboración de todas as entidades da cidade para traballar nesta liña, polo que apostou por desenvolver -de maneira conxunta coa Federación de Asociacións de Veciños da Coruña e Área Metropolitana- o proxecto Fogares Sostenibles. O Goberno municipal e a entidade veciñal propoñen desenvolver as seguintes accións:
1. Xornadas de formación e difusión nas asociacións de veciños da cidade, que inclúan talleres para fomentar novos hábitos de consumo máis sustentable, especialmente no que se refire á compra diaria.
2. Elaboración dunha guía-díptico para difundir o proxecto e as medidas propostas entre os fogares da Coruña.
3. Creación dunha mini-cartelería / adhesivos / imáns con mensaxes nos que se anime á redución do consumo enerxético; e repartición de lámpadas de baixo consumo e redutores de caudal.
4. Avaliación e seguimento dos 50 fogares que participarán de forma experimental nesta iniciativa. Analizaranse as condicións actuais das vivendas e poñeranse en marcha medidas para mellorar as prácticas de consumo. O obxectivo é reducir polo menos nun 6% tanto os consumos de electricidade e gas como as emisións de CO2.
5. Creación dunha plataforma web accesible para todos os veciños coa intención de estender o proxecto ao maior número posible de persoas. Tamén se poñerá en marcha unha rede social e, durante o transcurso desta iniciativa, un newsletter.
O departamento de Medio Ambiente que dirixe Enrique Salvador destaca que o proxecto Fogares Sostenibles na Coruña forma parte da aposta do novo equipo de goberno pola participación e sensibilización cidadá. Neste sentido, o Concello considera prioritario fomentar entre os coruñeses prácticas e medidas que impliquen un esforzo colectivo para reducir as emisións á atmosfera.




